AXENDA / NOVASInicio
  • 10 Maio 2013. Reinosa, Iuliobriga, Aguilar de Campoo

    FIN DE SEMANA DE MAIO EN VIAXE POR REINOSA, IULIOBRIGA E AGUILAR DE CAMPOO

    VIAXES: 201

    Viaxe na que visitaremos, entre outros lugares de interés, a Igrexa de San Sebastián, un dos mellores e máis importantes exemplos de arquitectura barroca que existen en Cantabria, declarada Ben de Interese Cultural; as ruínas de Iuliobriga, na poboación de Retortillo, no val de Campoo, que deixan entrever a que foi a maior e máis importante das cidades romanas en Cantabria; o Mosteiro de Santa María a Real de Aguilar de Campoo coas sedes da Fundación Santa María la Real - Centro de Estudios del Románico e do Museo ROM: Románico e Territorio; a Colexiata románica de San Pedro en Cervatos, un dos monumentos máis populares e valorados do románico cántabro; a Igrexa dos Santos Xusto e Pastor,  eremitorio rupestre situado en Olleros de Pisuerga e Fontibre, localidade famosa por situarse nela tradicionalmente o nacemento do río Ebro.
    Máis información en Viaxes. Lugares visitados.

  • 09 Maio 2013. Hora: 20:00. Galería Sargadelos

    INFILTRADOS. OS SERVIZOS SECRETOS, A UPG E OUTRAS HISTORIAS DO NACIONALISMO

    Presentación do libro INFILTRADOS, de Alfonso Eiré

    O Club Cultural Valle-Inclán presenta o libro INFITRADOS. Os servizos secretos, a UPG e outras historias do nacionalismo, de Alfonso Eiré. O autor estará acompañado polo xornalista e escritor Antón Grande.
    “Unha novela de non ficción que mudará a visión sobre o nacionalismo galego.
    Infiltrados é unha novela de espías..., espiados. Pero non uns espías ao xeito das películas americanas, senón de verdade, reais.
    Xosé Torga, o protagonista, un histórico militante da UPG, investiga e descobre o papel dos servizos secretos españois nos distintos conflitos internos que sufriu o nacionalismo, concretamente a UPG, e, por extensión, as demais organizacións nacionalistas.”

    Alfonso Eiré naceu na Laxe (Chantada), xornalista e escritor. Estudou no Seminario de Lugo. Despois xornalismo na Universidade de Madrid. Colaborou en diversos medios de carácter estatal. Foi director e conselleiro delegado de A Nosa Terra. Recibiu varios e importantes galardóns literarios en poesía, narrativa e ensaio. Son de destacar dous "Premios Galicia de Comunicación" e o "Xulio Camba".
     

  • 04 Maio 2013. Hora: 19:00. Auditorio Gustavo Freire

    A CICATRIZ BRANCA DE MARGARITA LEDO ANDIÓN PECHA O CICLO CINEMA NO AUDITORIO

    CINEMA NO AUDITORIO: A cicatriz branca

    O Club Cultural Valle-Inclán pecha o ciclo Cinema no Auditorio coa proxección  do filme A cicatriz branca.
    Será presentado pola súa directora e  guionista, Margarita Ledo Andión.
    Pensada como película que establece un ligame cun feito social central no século vinte, a emigración, neste caso como experiencia diversa dun dos grupos máis fráxiles e só parcialmente visíbel, as mulleres.

    Actividade organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Lugo e xestionada polo Club Cultural Valle-Incán.
    Máis información en Cine. Programación

     

  • 04 Maio 2013. Hora: 20:00. Auditorio do Centro Ágora de A Coruña

    O CLUB CULTURAL VALLE-INCLÁN PREMIO INSTITUCIÓNS 2013 DA AELG

    Entrega de premios da AELG na Gala das Letras

    PREMIO AELG 2013 INSTITUCIÓNS
    A Asemblea de Socias e Socios da AELG acordou outorgar o premio INSTITUCIÓNS 2013, que se concede a quen contribuíse á divulgación da lingua e cultura galega, ao asociacionismo cultural representado por aquelas asociacións que, nacidas nas décadas dos 60 e 70, aínda manteñen a súa vitalidade e activismo cultural.
    As asociacións recoñecidas no Premio Institucións 2013 son:
    •    C. O Galo, de Santiago de Compostela (1961), recollendo o premio Isabel Kerdudo, da Xunta Directiva.
    •    Agrupaçom Cultural O Facho, da Coruña (1963), representado por José Alberte Corral Iglesias, secretario, e Rafael Galego, tesoureiro.
    •    Clube Cultural Valle Inclán, de Lugo (1966), contando coa presenza de Pilar Martínez Conde  Pilocha-, vogal, e Tareixa Campo Domínguez.
    •    Agrupación Cultural Auriense, de Ourense (1967), cuxo galardón foi recollido por Xosé Lois González, ex-presidente.
    •    Associaçom Cultural Amig@s da Cultura de Pontevedra (1967), cuxos representantes foron Augusto Fontám e Anjo Torres.
    •    Agrupación Cultural Francisco Lanza, de Ribadeo (1972), premio recollido por Dores Fernández Abel, presidenta, e Alicia Sarmiento González.
    •    Agrupación Cultural Avantar, do Carballiño (1974), que non puido enviar representación.
    •    Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, da Coruña (1976), sendo Xosé Manuel Sánchez Rei, presidente, e Ana Mourelle, vicepresidenta, quen recolleron o galardón.
    •    Agrupación Cultural Lumieira, de Carballo (1976), representada por Rosalía Fernández Rial, presidenta, e Farruco Fraga, ex-presidente e vogal na actualidade.
    •    Sociedade Cultural Medulio, de Ferrol (1979), que recolleu o premio a través do seu vicepresidente, Manuel Rei Romeu.

    Agradeceu a distinción en nome de todos Xosé Manuel Sánchez Rei, presidente da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.
    A entrega tivo lugar na Gala das Letras que se celebrou o sábado, 4 de maio, no Auditorio do Centro Ágora de A Coruña.

    Entrega o premio Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, e recíbeo Pilar Martínez Conde -Pilocha-.