AXENDA / NOVASInicio
  • 07 Novembro 2013. Hora: 20:00. Museo Provincial de Lugo

    OS CASTROS DA COSTA ORIENTAL LUCENSE

    OS CASTROS DA COSTA ORIENTAL LUCENSE

    Emilio Ramil González. Natural de Cariño (A Coruña) e hoxe veciño de Ferrol, é arqueólogo profesional e como tal exerce desde hai 35 anos; é socio fundador da empresa AXA Arqueoloxía S.C., dirixindo actuacións arqueolóxicas, escavacións en área, sondaxes, prospeccións, intervencións en conxuntos históricos e posta en valor de xacementos arqueolóxicos da Idade do Ferro, da época galaico-romana, medievais e do mundo moderno.
    Cómpre destacar as campañas realizadas no Castro de Viladonga, no Castro de Punta dos Prados en Espasante, na Punta da Atalaia en Cervo, no campamento romano de Cidadela, vila romana de Bares, vila romana e poboado medieval de Area en Viveiro, Castelo de Casón en Ortigueira, Castelo de Moeche, e Castelo da Concepción en Cedeira.
    Así mesmo, é autor de  numerosas publicacións e forma de artigos e libros relacionados co tema arqueolóxico e patrimonial.

    Para o desenvolvemento deste ciclo contamos cunha axuda de Vicepresidencia Primeira -Cultura- Deputación de Lugo.
     

  • 05 Novembro 2013. Hora: 20:00. Museo Provincial de Lugo

    ACHEGÁMONOS AOS CASTROS GALAICOS DO NORTE E NORDÉS LUCENSE.

    CASTROS GALAICOS NA PROVINCIA DE LUGO

    Entre as etapas ou fenómenos históricos de maior relevancia na historia de Galicia e por tanto da provincia de Lugo, e que ademais ten unha moi importante representación ou manifestación no ámbito patrimonial, está o mundo dos castros prerromanos.
     O Club Cultural Valle-Inclán considera de moito interese organizar e desenvolver, de xeito aberto para todo de tipo de público, un ciclo cunha parte teórica e outra práctica sobre os castros galaicos do norte e nordés lucense incluíndo entre eles o de Taramundi  por canto este pertencía orixinariamente ó Conventus Lucensi.
    As dúas conferencias previstas serán impartidas por especialistas con ampla experiencia no estudo arqueolóxico e histórico do mundo castrexo.
    Para complementar axeitadamente o ciclo teórico, o Valle-Inclán organiza a realización de unha viaxe que se  centrará nos castros de referencia e que será guiada polos mesmos conferenciantes ou  outras persoas especialistas na materia.

    PROGRAMA DE CONFERENCIAS E VIAXES:
    Martes 5 de novembro.- Ángel Villa Valdés (arqueólogo da Consejería de Cultura do Principado de Asturias): Os castros do occidente asturiano e a súa relación coa minería aurífera.
    Xoves 7 de novembro.- Emilio Ramil González (arqueólogo profesional, empresa AXA Arqueoloxía): Os castros da costa oriental lucense
    Domingo 10 de novembro.- Viaxe polo Eo e a Mariña oriental lucense (castros de Taramundi, As Grobas de Ribadeo e Fazouro, Rinlo...) .

    Para o desenvolvemento deste ciclo contamos cunha axuda de Vicepresidencia Primeira -Cultura- Deputación de Lugo.



     

  • 05 Novembro 2013. Hora: 20:00. Museo Provincial de Lugo

    CONFERENCIA: OS CASTROS DO ACCIDENTE ASTURIANO E A SÚA RELACIÓN COA MINERÍA AURÍFERA

    CASTROS GALAICOS NA PROVINCIA DE LUGO

    Ángel Vila Valdés é arqueólogo da Dirección General de Patrimonio Cultural da Consejería de Educación, Cultura e Turismo do Principado de Asturias, dende onde dirixiu o Plan Arqueolóxico do Navia - Eo, programa polo cal se planificaron durante a última década as intervencións arqueolóxicas nos depósitos do occidente asturiano, tanto en tarefas de escavación coma de conservación, restauración e musealización.
    Desenvolve a súa investigación en ámbitos diversos da  Prehistoria e Antigüidade con particular atención ao mundo castreño e a minaría aurífera antiga, temas sobre os que versou a súa Tese Doutoral. Foi responsable de traballos arqueolóxicos en castros do oeste de Asturias como Coaña, Pendia ou Chao Samartín.
    Participou como investigador en varios proxectos I+D, patrocinados polo Ministerio de Cultura e o Principado de Asturias, colaborando con institucións como o Consello Superior de Investigacións Científicas, a Universidad Autónoma de Madrid, a Universidad de Oviedo, a Casa de Velázquez de Madrid ou a Mercyhursts University (USA).
    É autor dun centenar de artigos científicos e membro correspondente do Real Instituto de Estudios Asturianos.

    Para o desenvolvemento deste ciclo contamos cunha axuda de Vicepresidencia Primeira -Cultura- Deputación de Lugo.


     

  • 30 Outubro 2013. Hora: 20:00. Galería Sargadelos

    EL MAL DE LA MURALLA

    EL MAL DE LA MURALLA

    O Club Cultural Valle-Inclán presenta o libro El Mal de la Muralla, de Jesús García Calderón. O autor estará acompañado por  Felipe Arias Vilas e Tonina Gay.

    O Mal da Muralla é, sen lugar a dúbidas, un texto moi singular. Formulado como unha longa epístola sentimental, en contestación á epístola moral que lle dirixise ao autor en forma de libro e hai máis de dez anos o filósofo Xosé Alvilares, condúcenos a unha lúcida reflexión sobre tempo, a cidade, o amor á literatura ou o verdadeiro compromiso social e moral co ámbito que parece, nestes axitados anos, máis necesaria que nunca. Cando a finais de 1995 Jesús García Calderón acudiu destinado a Lugo como o seu novo Fiscal Xefe, pronto comprendeu que a impoñente muralla romana que rodea a vella cidade influía de xeito silencioso e positivo nalgúns dos seus habitantes. Este descubrimento xunto ao achado da poesía de Luis Pimentel e outros regalos literarios que lle deparou a súa longa estanza en Galicia, que se prolongaría ata o ano 2001, permitíronlle afondar neste fenómeno e obter un cúmulo de conclusións e propostas que quixo verquer neste breve e evocador ensaio. O autor transcende dende o ámbito puramente local e fálanos, en definitiva, de moitas cidades e murallas de todo o mundo que habitan no noso interior e que necesitamos cada día máis para descifrar esa escritura invisible da existencia.

    Jesús García Calderón. Naceu en Badajoz, en 1959. Xurista, poeta narrador e ensaísta. Ten  desenvolvido dende 1991, cando a Colección Adonais lle publicase La Provincia, o seu primeiro libro, unha obra poética moi persoal, tan recoñecida como afastada de grupos ou cenáculos literarios, que foi definida por Antonio Carvajal pola súa fonda verdade como unha forma de poesía da vivencia e baseada nun amplo conxunto de valores individuais e sociais. Entre os seus libros destacan La moneda secreta (1996), Un lugar en el Norte (1998), Hacer es destruir (2003), La soledad partida (2006), Los nudos de la vida (2006) ou La mirada desnuda (2012). En 2009, a Revista Literaria Ánfora Nova dedicoulle un extenso número monográfico co título La lúcida voz de la memoria.
    Previamente, en 2001, publicara un conxunto de relatos na colección La Gaveta de la Editora Regional de Extremadura co título Los regalos sombríos.
    No seu labor como xurista e humanista, é dende 2001 o Fiscal Superior de Andalucía, destacan os seus traballos para a defensa do Patrimonio Histórico ou os seus esforzos por desenvolver un novo dereito a comprender erradicando a incomprensión e os excesos habituais da linguaxe xurídica.
    É Académico das Reales Academias de Bellas Artes e de Jurisprudencia e Legislación de Granada.