Ir o contido principal
Arquivo e biblioteca

Durante os seus máis de corenta anos de historia, o C.C. Valle-Inclán foi acumulando unha inxente e moi diversa documentación, tanto manuscrita como impresa e, na última década, tamén audiovisual e informática, sobre todos os distintos temas, actividades e manifestacións culturais relacionados cos fins e obxectivos da Asociación: cine e fotografía, historia e patrimonio, lingua e literatura, teatro, música, medio ambiente así como reivindicacións e manifestos de carácter social, cultural e político.

Toda esta actividade deu lugar á conformación dun amplo Arquivo documental, que é fundamental para estudar o devir do asociacionismo cultural en Lugo, e igualmente permitiu que se fora constituíndo unha moi interesante Biblioteca especializada naqueles temas citados, enriquecida con doazóns de socios e de varias institucións culturais e político-administrativas, en particular a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia. Por este motivo, na súa xunta directiva, o Clube tivo case sempre a figura de Arquiveiro-Bibliotecario.

Nos seus actuais locais, o Valle-Inclán ofrece aos seus membros esta documentación arquivística e bibliográfica para consultas específicas, estudos de calquera finalidade ou nivel ou para satisfacer a simple curiosidade intelectual.