Hai máis de dez anos que os enfermos mentais do Hospital Psiquiátrico J.T. Borda, en Bos Aires, falan a través da súa propia emisora: Radio La Colifata. A súa visión do mundo quizais non sexa politicamente correcta, pero o interese polas súas opinións e o terapéutico do proxecto atraeron a personaxes do talle do xornalista Lalo Mir e o cantante Manu Chao. Moitas radios latinas compraron os seus programas e varios psiquiátricos probaron a idea. Por fin "os tolos" teñen a palabra.
LT22 Radio La Colifata mostra o proxecto pioneiro do Hospital Psiquiátrico Borda (Buenos Aires) de crear unha emisora para que os enfermos mentais poidan expresarse libremente e manteñan o contacto coa sociedade. Trátase dunha especie de terapia social que xa tivo os seus resultados e que fixo dos "colifatos" persoas admiradas no mundo das ondas. Un dos grandes apoios do proxecto é o cantante Manu Chao, colaborador habitual dos programas de La Colifata e promotor de varias iniciativas para axudar aos seus integrantes, dende un disco producido en Barcelona, ata un concerto benéfico nun estadio de fútbol.
O director do documental é un dos responsables dos vídeos de Manu Chao, Carlos Larrondo. O documental percorre Argentina, e tamén outras capitais europeas que se sumaron á idea. Entre outros, Hospitais Psiquiátricos de Barcelona, Paris, Toulouse, Mantova e Trieste.
Con esta proxección o Club Cultural Valle-Inclán súmase aos actos programados co gallo da exposición de fotografías de José Reigosa "Entre Marbella e Torremolinos"