PRINCIPIOS E CRITERIOSInicio

Criterios e obxectivos xerais

Unha parte importante da programación do C.C. Valle-Inclán son as viaxes culturais, que supoñen un fito fundamental na relación de convivencia e diálogo entre os asociados e que están xustificados porque nos estatutos da nosa Asociación figura ter entre os seus fins o de promover entre os seus membros o interese polo coñecemento, teórico e práctico, do Patrimonio Cultural do noso contorno.

Con esta intención véñense programando desde o ano 1995 unha serie de viaxes en autocar e paseos ou visitas organizadas a pé, que en total hoxe se achegan ás duascentas. Estas saídas fixéronse e fanse dentro da propia cidade, por toda a provincia de Lugo e por toda Galicia e mesmo por outras zonas - lindeiras ou distantes - como Asturias, Cantabria, País Vasco, Castela e León, norte e centro de Portugal, París, etc. Para acompañar as visitas, elabórase previamente unha documentación que ilustra e orienta cada viaxe ou paseo e que se ofrece aos participantes de xeito gratuíto.

A Asociación non é nin pode ser como unha axencia comercial coa que se pactan todos os aspectos relativos ao programa, como a ruta, as facilidades ou dificultades do camiño, a cantidade e calidade do xantar, o custo final, etc., senón que se limita a propoñer e organizar unhas viaxes e visitas de carácter cultural -no máis amplo sentido-, preparadas en todos os seus extremos coa mellor intención posible e buscando un resultado proveitoso para o lecer, pero tamén para a información e a formación permanente dos seus socios e achegados, co propósito final de coñecer e difundir a cultura galega e para fomentar o aprecio e o uso sostible do noso extenso e variado Patrimonio Cultural e Natural, da lingua á historia, da literatura á arte, da etnografía á música, da gastronomía á paisaxe.