CINE / PROGRAMACIóNInicio

El acorazado Potemkin El acorazado Potemkin / Día 1 de Xaneiro. Hora: 20:00 /
Director: Sergei M. Eisenstein
País: Unión Soviética (URSS)
Ano: 1925
Duración: 77 minutos
Produción: Estudio nº1 de Goskino, Moscú
Guión: Nina Agadjanova-Chutko e Sergei M. Eisenstein
Dirección de Fotografía: Éduard Tissé
Montaxe: Sergei M. Eisenstein
Música: Edmund Meisel / Dmitri Shostakovich

INTÉRPRETES: Alexandre Antonov (Vakulinchuk), Vladimir G. Barsky (Comandante Golikov) Grigori Alexandrov (Segundo en orde Guiliarovski) Mijail Gomorov (Mantiuchenko), Béatrice Vitoldi (madre co famoso carriño do neno), N. Poltavtseva (institutriz das lentes)...

SINOPSE:

Con notable redución dos feitos históricos recollidos no guión orixinario e con engadido de pasaxes ficticias xurdidas no proceso de rodaxe, a película narra algúns dos principais acontecementos da revolución rusa de 1905. No acoirazado tsarista os mariñeiros, cansos de sufrir maltrato por parte dos oficiais, singularmente por ter que alimentarse de carne en mal estado, néganse a comer, incitados polos seus compañeiros Vakulinchuk y Matiuchenko. As reaccións dos oficiais non tardan en chegar e o comandante convoca á garda coa orde de disparar aos sublevados que son cubertos cun toldo. De novo Vakulinchuk, que increpa aos compañeiros encargados da execución, evita o castigo e incita ao motín. Os oficiais acaban no mar, pero Vakulinchuk tamén morre na revolta.
O Potemkin chega a Odessa onde a poboación desfila ante o cadáver do mariñeiro morto, e a revolta solidaria esténdese por toda a cidade. Pouco dura, así e todo, a marcha triunfante dos habitantes de Odessa porque os soldados tsaristas e os cosacos reprimen violentamente na escaleira do porto á poboación, mulleres e nenos incluídos.
Ao luscofusco desa tarde de masacre, os mariñeiros do acoirazado tras acalorado debate e ante imposibles alianzas coas tropas da cidade, renuncian ao desembarco. Durante unha longa noite de silencio expectante e previsor, esperan pesimistas a  actuación da escuadra tsarista que avanza cara ao acoirazado. A anguria dun inminente castigo resólvese ao fin en vitoria da revolta cando a escuadra, que responde ao chamamento de irmande lanzado polo Potemkin, deixa pasar ao acoirazado sen bombardealo. 

Xénese e valoración do filme:
A película O ACOIRAZADO POTEMKIN  foi un encargo do comité central do partido comunista da URSS a Eisenstein para conmemorar o vixésimo aniversario da revolución de 1905. A película debía ser dirixida sobre o guión de Nina Agadjanova-Chutko seleccionado en concurso por a comisión do aniversario delegada do comité central do partido. O tempo escaso (a rodaxe comezou en xullo de 1925 e a comisión esixía unha contribución significativa da obra fílmica para o 20 de decembro, data do aniversario), as inclemencias meteorolóxicas e outras vicisitudes obrigaron a decantar o relato do guión na selección de episodios e escenarios singulares, arrequentados os feitos históricos nos que se baseaban polo xenio creador e pola arte teatral e cinematográfica de Eisenstein. Todo contribuíu a que, a pesar da planificación estatal e a propaganda ideolóxica, o filme fora cualificado de inmediato e ata os nosos días como unha das mellores películas da historia do cine,  segundo apreciación xeral, incluídas neste consenso crítico as favorables opinións de ideólogos inimigos como Goebbels, ministro e estreito colaborador de Hitler quen non reparou, se o sabía, na orixe xudía de Eisenstein.
    Nós sumámonos tamén neste cinefórum a alta estimación artística da obra canónica de Eisenstein ao mesmo tempo que homenaxeamos as facetas sobresaíntes do autor tecidas sobre a fonda pegada intercultural da súa formación e do desenvolvemento da súa vida e obra: home de teatro, cineasta e teórico de cine, ensaísta e orador.  Nada mellor, cremos, para homenaxear o pulo do Club Valle-Inclán para facer vivir a cultura teatral e fílmica de cada momento na cidade de Lugo desde hai cincuenta anos que evocar os valores dun pioneiro da historia do cine e do teatro desde o contexto revolucionario soviético que lle tocou vivir.
M. Ángeles Rodríguez Fontela
Profesora de Teoría literaria e Literatura comparada
Facultade de Humanidades de Lugo.
Universidade de Santiago de Compostela