OUTRAS ACTIVIDADES / CELEBRACIóNSInicio

O Club Cultural Valle-Inclán celebra as Letras Galegas de 2017 dedicadas a Carlos Casares.
Casa do Saber, 6 de xuño de 2017. 20:00 horas.

Para celebrar as Letras Galegas deste ano 2017 dedicadas a Carlos Casares, o Clube Valle-Inclán organizou unha Mesa Redonda que tivo lugar o 6 de xuño na Casa do Saber da USC en Lugo, moderada pola presidenta do Clube Tonina Gay e coa participación de Tucho Calvo (escritor e xornalista), Dolores Vilavedra (profesora da USC) e Grial Parga (analista cultural en medios de comunicación).
Tucho Calvo lembrou os seus numerosos contactos e conversas con Casares, analizando a postura do escritor no seu contexto político e cultural e destacando o seu papel no Parlamento galego e no ámbito institucional ao tempo que producía obras de creación literaria e unha abundante colaboración na prensa periódica.
A profesora Vilavedra centrouse nos aspectos máis literarios de Carlos Casares, debullando os inicios da súa narrativa e a súa posterior evolución ó mesmo tempo que asumía o desempeño de cargos políticos e culturais que completaban unha tan complexa como atractiva personalidade,que se viu cortada por unha morte prematura.
Grial Parga, que analizou polo miúdo as colaboracións xornalísticas de Casares, tamén salientou varios aspectos da súas relacións con Ramón Piñeiro e con outros persoeiros do seu tempo, nunha etapa na que o papel social do escritor ourensán foi moito máis aló da súa importancia como literato para converterse nunha completa referencia cultural no seu país.      
 

 

O Club Cultural Valle-Inclán agasalla ao Primeiro Presidente e á primeira socia
Restaurante Mencía, Mencía. 21 de maio de 2016. 14:30 horas

O Club Cultural Valle-Inclán agasallou coa entrega de placas ao Primeiro Presidente, Julio Ulloa Vence e á primeira socia, Mª Luisa Maceda Méndez con motivo de celebrarse os cincuenta anos da fundación do club.
Co logo do club máis o famoso Charlot, deseñado por Carlos Varela Veiga, acompaña o seguinte texto:
O CLUB CUILTURAL VALLE-INCLÁN A JULIO ULLOA VENCE, Primeiro Presidente, cincuenta anos despois. Lugo, maio-2016
Similar placa foi entregada a Mª Luisa, primeira socia.
O acto tivo lugar tras a Asemblea xeral ordinaria da Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA), este ano en Lugo con motivo do cincuentenario, e antes dun xantar compartido.

              www.youtube.com/watch

 

Letras Galegas: Manuel María - Cincuenta aniversario Valle-Inclán
Arredor de Manuel María: política, cultura e teatro en Lugo nos setenta. Mesa redonda con Camilo Valdehorras e Manuel Lourenzo.
Casa do Saber (Vicerreitorado USC) 13 de maio de 2016. 20:00 horas

Acto presentado por Xosé Valcáracel e Tonina Gay. Inicio e final con cancións obra de teatro Unha vez foi o trebón de Manuel María que representou o grupo teatral do Valle-Inclán dos anos setenta.
Manuel Lourenzo falou dos antecedentes do teatro en Grecia. Nun momento das  Irmandades da Fala alguén dixo “hai que intervir” e entre os seus obxectivos prantaxouse que se fixese teatro.  Non temos nada que envexar nin a esa cultura que ten como cabeza a Shakespeare, nós temos a Cunqueiro, Rosalía e Otero Pedrayo, un Otero que repasou todas as vangardas e todos os estilos e deunos un teatro que é irrepetible. Do teatro galego dos setenta  salientou que “se fai máis agresivo contra a ditadura porque hai unha xeración que ten menos medo, había que despertar á xente. Ese impulso dos setenta é necesario que o haxa hoxe porque neste país entendo que estamos pisadiños”.
Camilo Valdehorras iniciou a súa intervención falando sobre a“conciencia amurallada”, faccións políticas, eventos culturais, lecturas, a batalla pola lingua galega. O Lugo do “trebón” de Manuel María e as catro navallas da súa dramaturxia literaria. O Grupo de Teatro “Valle-Inclán” (1975-76) representou  Unha vez foi o trebón, teatro épico-político de forma pobre, contido crítico e intención revolucionaria.  As “catro navallas”: linguaxe de estilo oral popular;  ideoloxía temática nacional-popular galega; estética poética popularista, grotesca e épica; e didáctica Cívico-Ético-Política.

www.youtube.com/watch

 

Letras Galegas: Manuel María
Conferencia de Camilo Gómez Torres,  Manuel María: vida e obra
Casa do Saber (Vicerreitorado USC). 9 de maio de 2016. 20:00 horas

Dentro das actividades programadas para celebrar as Letras Galegas dedicadas a Manuel María, tivo lugar na Casa do Saber da USC en Lugo unha conferencia do profesor Camilo Gómez Torres, sen dúbida o maior especialista na obra literaria do escritor chairego, á que dedicou a súa tese doutoral. Gómez Torres fixo unha demorada análise da vida e obra de Manuel María e as súas diferentes etapas, facendo fincapé non só na enorme e variadísima produción escrita pois Manuel María foi poeta, narrador, dramaturgo e ensaísta, ademais dun gran conversador, senón tamén na súa prolífica actividade cultural, social e mesmo política. Destacou igualmente a súa bonhomía e a súa permanente disposición para servir ao país, tanto no propio ámbito galego como fóra del,  pois foi tamén un gran viaxeiro que levou Galicia polo mundo enteiro.


Viaxe-Concerto coa Sociedad Filarmónica de Lugo
Montederramo, 24 de abril de 2016

Sociedad Filarmónica de Lugo, a
CLUB CULTURAL VALLE INCLÁN

Hai algo do que os lugueses nos temos que sentir orgullosos. É daqueles rapaces que conscentes e pacientes da fame tamén cultural nos anos escuros, foron quen de artellar e aglutinar vontades na procura do coñecemento das manifestacións das artes que o resto do mundo andaba a disfrutar. Mercé a sensibilidade, conviccións e valentia compartidas, - non sen os atrancos gubernativos de rigor da época -, foi posible o nacemento de agrupacións culturais coma o Clube Cultural Valle Inclán.
 A S. Filarmónica de Lugo, aproveitando esta xuntanza musico-gastronómica-cultural das dúas sociedades, ademáis da memoria de recoñecemento a prol dos fundadores quere expresarvos a sinceira felicitación por este CINCOENTENARIO que estades a conmemorar. Sirva este modesto agasallo como testemuño da nosa admiración e gratitude polo moito que tedes aportado ao enriquecemento humanístico da cidade. E, como non, os mellores desexos de longa vida e o incondicional ofrecemento de colaboración. Parabéns, amigos.

Montederramo, 24 de abril de 2016


A Sociedad Filarmónica de Lugo fixo entrega da súa medalla ao Club Cultural Valle-Inclán que celebra os 50 anos da súa creación.
As dúas sociedades organizaron unha viaxe-concerto (Cuarteto de saxofóns Skirion) ao Mosteiro de Montederramo, Xunqueira de Espadanedo e San Pedro de Rocas.

 

Letras Galegas 2016. Manuel María
Mesa redonda Arredor de Manuel María.
Casa do Saber (Vicerreitorado USC), 6 de abril. 20:00 horas

Dentro da conmemoración das Letras Galegas dedicada a Manuel María, o C. Cultural Valle-Inclán organizou unha mesa redonda, presentada pola presidenta do Clube Tonina Gay, coa participación de tres persoas que estiveron moi próximas e achegadas á vida do escritor:
Alfonso Blanco, da Asociación Cultural Xermolos e da Irmandade Manuel María, resaltou a enorme humanidade do autor e a súa preocupación constante pola defensa da identidade de Galicia achegándose a calquera sitio que o chamasen e sempre coa esa idea de compromiso co país e as súas xentes. Darío Xohán Cabana, escritor chairego e membro da Real Academia Galega, analizou os valores literarios - a maiores dos de carácter persoal e humano - da obra de Manuel María, debullando as diferentes etapas e influencias na súa variada e amplísima obra escrita, ademais de insistir no seu papel en fitos culturais como a creación e difusión da Nova Canción Galega ou de Voces Ceibes ou na acción política no franquismo e na transición. Felipe Senén López, museólogo e activista cultural de longa traxectoria, falou sobre a actitude do autor de Outeiro de Rei diante da cultura do mundo enteiro, salientando as súas ansias universais de coñecemento, plasmadas en numerosas viaxes pero sempre desde unha visión nidiamente galega, e relatando feitos e anécdotas que revelan a forte pero moi afable personalidade de Manuel María.

Letras Galegas 2016. Manuel María
Presentación libro-DVD
Manuel María: Eu son fala e terra desta miña terra.
Casa do Saber (Vicerreitorado USC), 11 de marzo de 2016. 20:00 horas

A chairega Margarita Ledo presentou en Lugo o seu documental  Manuel María: Eu son fala e terra desta miña terra, editado pola produtora Nós. Unha aproximación íntima á figura de Manuel María, homenaxeado este ano na celebración das Letras Galegas. DVD acompañado do libro A propósito de Manuel con textos de Miguel Anxo Fernán Vello, Paulino Pereiro, Carme Vidal, Darío Xohán Cabana e Margarita Ledo.
Manuel María visto nas facetas de creador literario, de persoa política mais sobre todo, de home da fala. Os comezos de escrita en galego, a afectiva proximidade á súa terra e tamén ás súas viaxes a  feiras, manifestacións e outros actos públicos. A película bebe de múltiples fontes audiovisuais, arquivos privados e institucionais correspondentes a diversas épocas, e combina as imaxes coa voz do propio Manuel María. Pechou o acto un animado coloquio.

50 aniversario do Club Cultural Valle-inclán
Bárbara Santos, presenta o filme Les parapluies de Cherburg e proxección do mesmo 50 anos despois

Salón de actos do Pazo de San Marcos, Deputación Provincial, 4 de marzo de 2016. 20:00 horas.

A primeira película proxectada polo Club Cultural Valle-Inclán foi Les parapluies de Cherburg, o 4 de marzo de 1966, no Cine España, en sesión de 20:00. Rememoramos o feito, coa presentación de Bárbara Santos, Doutora pola Universidade de Compostela coa tese Jacques Demy: Una necesaria recuperación en el cine francés.
Quizais Os paraugas de Cherburgo sexa a película máis coñecida de Jacques Demy. É o seu terceiro filme e o primeiro rodado en cor. Galardoado co premio Louis Delluc e a Palma de Ouro á mellor película no Festival de Cannes de 1964 e ese mesmo ano nomeado aos Oscar como mellor película de fala non inglesa pero o premio levouno Hoxe, onte e mañá (Ieri, Oggi, Domani) de Vittorio de Sica.
Jacques Demy presenta unha película totalmente innovadora nas súas formas cinematográficas. Un filme etiquetado na época como "en-chanté" ("en-cantado") Unha historia de amor entre dous mozos de diferentes clases sociais que se filma totalmente cantada, sen escenas de bailes. Demy asina o seu estilo, un estilo que non é outra cousa que a busca dunha obra de arte total tal e como pretendía o pintor Kandinsky. Unha obra baseada na conxunción perfecta de todas as artes, sen que unha resalte máis que outra. Grazas á perfecta sintonía cos seus amigos e colaboradores habituais, o músico Michel Legrand e o decorador Bernard Evein logra esta película que o propio Demy cualifica como "un filme jazz. Un Matisse que canta".
 

 

50 aniversario do Club Cultural Valle-Inclán
Mesa Redonda
Medio século de evolución en Lugo: urbanismo e sociedade
Casa do Saber (Vicerreitorado USC), día 2 de marzo de 2016. 20:00 hora

Dentro da programación conmemorativa do 50 aniversario do C. Cultural Valle-Inclán, celebrouse o 2 de marzo na Casa do Saber (USC) de Lugo unha Mesa Redonda sobre Medio século de evolución en Lugo: urbanismo e sociedade. Moderada por Felipe Arias, que fixo unha presentación con 25 imaxes comparando o Lugo dos anos 60 con imaxes actuais para introduicr e contextualizar o tema, interveu primeiramente o arquitecto e artista Santiago Catalán, que fixo un repaso á vida e obra de varios arquitectos que traballaron de xeito singular no Lugo desde fins do s. XIX ata mediados do XX, como Cobreros ou Maquieira, facendo unha mención especial para os irmáns García Fernández, que elaboraron un plan especial que nunca chegou a executarse.
Anxo Carreira, profesor na UDC e tamén arquitecto, comentou con carácter xeral algúns aspectos do exercicio da profesión na cidade e provincia lucense, analizando a súa relación coa política daquela época e da actual, tanto no que se refire á normativa urbanística como á actitude da propia sociedade fronte á arquitectura e o urbanismo poñendo a miúdo o proveito privado diante do ben común.
A antropóloga social da USC Elena Freire incidiu nestes temas sociais, analizando as circunstancias dos diferentes grupos humanos e económicos que habitaron e habitan a cidade, a maior parte deles de orixinaria extracción rural ou, recentemente, proxcedente da inmigración, grupos que se transladan dentro daquela segundo os seus medios e intereses; salientou así mesmo a importancia de comprender os problemas urbanísticos dentro de parámetros antropolóxicos e sociais máis amplos.

 

50 aniversario do Club Cultural Valle-Inclán
Mesa Redonda
Asociacionismo cultural en Lugo hoxe.
Casa do Saber (Vicerreitorado USC), día 12 de febreiro de 2016. 20:00 horas

Dentro da programación para celebrar o 50 aniversario do C.C. Valle-Inclán tivo lugar Mesa Redonda, presentada por Tonina Gay, na que participaron representantes de diversas asociacións culturais lucenses.
Tereixa Campo, de Achádego, resumiu as moitas actividades teatrais  realizadas desde 1978  coa colaboración de moitas persoas e institucións. Adolfo de Abel, dos Antigos Alumnos da Escola de Artes Aplicadas, creada en 1976, chamou a atención sobre un problema común a moitas destas entidades como é a elevada idade media dos seus compoñentes, a maioría deles xubilados; o mesmo A. de Abel, como representante de Lugo Patrimonio resumiu as accións e actividades desta asociacións desde o ano 2006. Ruth Rodríguez, de Cultura do País (2008) resaltou o papel que a xente nova e universitaria xoga na dita entidade, con fins moi variados que van desde cursos varios a recreacións lúdico-conmemorativas. Xulio Xiz falou de Fonmiñá, creada en 1976 e centrada na fotografía e sobre todo ultimamente na Semana de Cine, incidindo nas dificultades económicas e xeneracionais que teñen moitas destas agrupacións culturais. Por último, e antes dun breve pero animado coloquio final, José Luís Díaz, da Sociedade Filarmónica, fundada xa en 1947, insistiu nos problemas que hoxe ten o asociacionismo cultural a causa das actuais estruturas educativas e sociais que tamén afectan, entre moitos outros temas, ao gusto pola música clásica.
 

 

50 aniversario do Club Cultural Valle-Inclán
O asociacionismo cultural en Galicia: cultura e lingua como forma de resistencia na ditadura franquista.
Casa do Saber (Vicereitorado USC), día 3 de febreiro de 2016, 20:00 horas

Dentro da programación especial organizada para conmemorar o 50 aniversario do C. Cultural Valle-Inclán, tivo luga unha conferencia do profesor de Historia Contemporánea Ricardo Gurriarán sobre o Asociacionismo cultural en Galicia baixo a ditadura franquista.
Presentado por Tonina Gay, o conferenciante tratou, apoiado en imaxes, sobre as orixes e a evolución das asociacións culturais que naceron nos anos 50 e 60 como "un canto e unha luz na noite", resaltando o papel de entidades coma O Galo de Santiago ou O Facho da Coruña e analizando as dificultades e, ó mesmo tempo, a trascendencia que este tipo de asociacións tiveron na evolución non só cultural senón tamén social e mesmo política das últimas décadas do franquismo e ainda despois.
Así mesmo, sinalou tamén algúns dos fitos e das persoas máis relevantes na creación e no desenvolvemento do C.C. Valle-Inclán, nacido en boa medida como cine-clube pero que habería de incidir igualmente en moitos outros ámbitos da vida cultural lucense ó longo dos seus 50 anos.

 

Letras Galegas 2015: Filgueira Valverde
Salón de actos da Deputación Provincial, día 27 de maio de 2015

Logo dunha presentación na que se resaltou o carácter poliédrico da personalidade de Filgueira Valverde, o que motiva que se poida falar de luces e sombras, como sucede con tantos outros persoeiros aos que se lles dedicou a conmemoración das Letras Galegas, Xosé Carlos Sierra, antropólogo e director do Museo Etnolóxico de Ribadavia, relatou  as súas experiencias nos contactos con Filgueira no Museo de Pontevedra e o papel deste na configuración do panorama museístico galego salientando o seu interese por implicar á xente nova no mundo do patrimonio cultural, contando sempre coa axuda do seu colaborador Alfredo García Alén.
Francisco Calo, catedrático de Historia e patrón do Museo do Pobo Galego, incidiu no grave erro que, ao seu xuízo, supón reducir a figura de Filgueira só aos aspectos políticos, cando a súa inxente obra e o seu recoñecido galeguismo fai del probablemente o polígrafo máis completo da cultura galega no século pasado e é vital para entender moitas das institucións do país, desde o Seminario de Estudos Galegos ata o Consello da Cultura.
Xesús Ferro Ruibal, filólogo e membro da Real Academia Galega, analizou sobre todo a faciana creadora de Filgueira, e coincidiu en destacar a súa enorme personalidade como investigador en case todos os campos da cultura humanística, ademais de incidir en aspectos concretos do seu labor polifacético, incluíndo a súa implicación na política, marcada en boa medida polo súa defensa e amor á identidade de Galicia e tamén polo afán de potenciar os valores da súa Pontevedra natal.

Colocación dunha placa na casa de Celestino Fernández de la Vega
Rúa Dr. GAsalla, nº 28, 18 de febreiro de 2014

Cumpríndose neste ano o centenario do nacemento de Celestino Fernández de la Vega Pardo, o Club Cultural Valle-Inclán promoveu a colocación dunha placa a el dedicada, na fachada do edificio no que residiu unha grande parte da súa vida, Rúa Dr. Gasalla, nº 28, Lugo. Para esta merecida homenaxe contou coa estimable colaboración do Concello de Lugo e co oportuno permiso da Comunidade de Veciños.
Celestino, ou Cilistro, Fernández de la Vega, pensador e escritor, foi membro fundador do noso club e nos nosos arquivos figura como o seu socio número 1.
Estiveron presentes a súa viuva, Mª Luisa Maceda, os seus fillos Luís e Alberto o Sr. Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre,  membros do Club Cultural Valle-Inclán, familiares e un nutrido número de amigos.
Interviron Tonina Gay, presidenta do clube, para xustificar a homenaxe, Mª Luisa Maceda para agrdecelo e José López Orozco para recordar que Cilistro fixo unha das mellores traduccións da obra ‘De la esencia de la verdad’, do filósofo Martin Heidegger, xunto con Ramón Piñeiro, desde o alemán.

elprogreso.galiciae.com/nova/312042-centenario-especial

www.lugo.es/cs/Satellite

 

Homenaxe a  Benxamín Casal Vila
Salón Rexio do Círculo das Artes, 17 de xaneiro de 2014.

Editorial Galaxia, Club Cultural Valle-Inclán Círculo da Artes tributaron unha homenaxe a Benxamín Casal Vila baixo o lema A forza da intelixencia
nun acto que congregou a numeroso público.
Benxamín Casal foi presidente do Consello de Administración de Galaxia, do Valle-Inclán e do Círculo.
Fixeron uso da palabra pola seguinte orde: Antón Vidal Andión, Tonina  Gay e Jesús  López-Domínguez  López en representación dos organizadores; Xesús Alonso  Montero, Real Academia Galega, Ramón  Villares  Paz, Consello da Cultura Galega,  Xosé López  Orozco, concello de Lugo e  Alberto  Núñez Feijóo, Xunta de Galicia. Pecharon o acto Xulián  Parga  Rodríguez, amigo, Pilar, filla maior de Benxamín, e os seus netos Guillero e Beatriz.
Música, Najla  Shami e Xurxo Varela, viola de gamba.

www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2014/01/18/lugo-recuerda-benxamin-casal/0003_201401L18C12991.htm

www.editorialgalaxia.com/weblog/


 

Homenaxe a Antonio Gandoy
Salón de actos do Pazo de San Marcos, día 17 de febreiro de 2012.

O Club Cultural Valle-Inclán rendiu homenaxe a D. Antonio Gandoy Díaz, ao cumplirense o pasado día 11 de febreiro os dez anos do seu pasamento.
Para celebrar este acto contouse coa colaboración de "Preescolar Na Casa", programa de Educación Infantil Familiar que D. Antonio creou no ano 1977.
Fixeron uso da palabra José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación Provincial de Lugo, Marisol Fernández Rocha, Presidenta da "Fundación Preescolar Na Casa" e Anxo García Bello, do equipo de comunicación de "Preescolar Na Casa", quen presentou o adiovisual D. Antonio Gandoy Díaz (1930 – 2002) O carpinteiro das utopías realizables. Actuou de moderadora Tonina Gay, presidenta do Club Cultural Valle-Inclán.

elprogreso.galiciae.com/nova/151924.html

 Centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro
Galería Sargadelos, 28 de novembro de 2011

O Club Cultural Valle-Inclán celebra o centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro programando unha conferencia baixo o título As historias e as xentes de Álvaro Cunqueiro. Foi pronunciada por Mª Xesús Nogueira, Doutora en Filoloxía Galega,  profesora na Facultade de Humanidades de Lugo, escritora e crítica literaria. A conferenciante centrouse na inmensa capacidade narrativa e na importancia dos personaxes na obra de Cunqueiro, sexa cal sexa o xénero que trate.
Presentadora o acto Mª del Carmen Longarela , secretaria do Club Cultural Valle-Inclán.

xornal.usc.es/xornal/acontece/2011_11/noticia_0168.html

 

Letras Galegas 2011 Lois Pereiro
Galería Sargadelos, día 11 de maio.

O Club Cultural Valle-Inclán celebra as letras galegas ao tempo que se achega á figura de Lois Pereiro, autor designado pola Real Academia Galega para homenaxear no ano 2011.
Mª Xesús Nogueira, doutora en Filoloxía Galega,  profesora na Facultade de Humanidades de Lugo, escritora e crítica literaria pronunciou unha conferencia co título Lois Pereiro: furia, poesía, vida.
A poñente é autora do  libro Diccionario Lois Pereiro,  publicado por "3C3 Editores", con limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín.