CONFERENCIASInicio

 

Influencias estranxeiras en Castelao
Salón de actos do Pazo de San Marcos, día 10 de febreiro de 2015 

Siro López, gran coñecedor e rigoroso analista de toda a obra de Castelao, debullou as moitas influencias recibidas polo autor rianxeiro, tanto desde o punto de vista do debuxo (a partir do noruegués-alemán Gulbrannsson para a liña e do francés Forain para os textos, ou ben do coñecemento da revista satírica "L´Arriette au Beurre"), como no que se refire aos aspectos teóricos do humorismo gráfico e a caricatura, nos que Castelao é debedor da obra do cubano Bernardo G. Ramos. Siro explicou, baseándose nunha nutrida escolma de imaxes, como o xenio de Castelao soubo asimilar as influencias do seu tempo para crear unha obra polifacética que o converteu nun verdadeiro símbolo inmortal da arte e do pensamento político en Galicia.

A calidade da industrialización agroalimentaria en Galicia
Salón de actos do Pazo de San Marcos, día 5 de novembro de 2014

José Mouriño Cuba (Biólogo e Enxeñeiro Técnico Agrícola, experto en produción agroalimentaria): A calidade e a industrialización agroalimentaria en Galicia.
A industrialización é un tema básico nas producións agropecuarias, o que se traslada ao mundo agroalimentario que cada vez debera preocupar máis aos consumidores. Ao fío de varios aspectos tratados noutras conferencias, resaltou a importancia dos conceptos de partida dos produtores e dos produtos, analizando as alternativas referidas ás estruturas agrarias, así como aos problemas produtivos e comerciais. Hoxe hai máis de 300 produtos galegos, moitos deles na provincia lucense, que contan con Denominación de Calidade e na súa evolución será fundamental a información e a formación dos consumidores, insistindo na diferenciación entre produto de calidade recoñecida e produto caseiro e produto ecolóxico.

Os soutos de castiñeiros
Salón de actos do Pazo de San Marcos, día 4 de novembro de 2014

Antonio Rigueiro Rodríguez (Enxeñeiro de Montes, Catedrático da Escola Politécnica da USC en Lugo): Os soutos de castiñeiros.
Tras lembrar a vella historia dos castiñeiros, tratou polo miúdo as características destas árbores e dos seus froitos, tendo en conta as múltiples variedades de castaña que se coñecen, sobre todo na provincia de Lugo. Describiu as distintas técnicas de cultivo e sinalou os pros e contras dos vellos soutos tradicionais e de patrón autóctono ao lado dos soutos novos feitos a base de patróns híbridos. Comentou as posibilidades de explotación económica das terras dedicadas a soutos, sobre todo para a produción de castaña (moita dela exportable ao estranxeiro), sendo o rendemento como madeira o máis problemático pola súa duración e a pesar da súa gran calidade.

Galicia, potencial paraíso ecolóxico
Salón de actos do Pazo de San Marcos, día 30 de outubro de 2014

Ernesto Sánchez Salgado (Enxeñeiro Técnico Agrícola, Director Técnico do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica): Galicia, potencial paraíso ecolóxico.
Desde os antecedentes no s. XIX e principios do XX, a partir dos anos 80 medrou moito a concienciación sobre as producións ecolóxicas tanto no campo agrícola coma no gandeiro e hoxe tamén na acuicultura. Os criterios básicos da produción ecolóxica están nos sistemas de fertilización e na relación directa entre produtores e consumidores. A provincia de Lugo é onde hai unha maior produción deste tipo e mesmo aumentou nas etapas de crise pese a que un dos seus inconvenientes pode estar no seu prezo; con todo, case o 80 % da produción ecolóxica galega é exportada cara a outros países o que garante o seu futuro. Estableceu as distincións básicas entre produtos ecolóxicos e “caseiros”.   

Benxamín Casal: un alento renovador na agricultura galega
Salón de actos do Pazo de San Marcos, día 28 de outubro de 2014

Francisco Díaz Fierros Viqueira (Catedrático Emérito da USC. Membro da R.Academia Galega): Benxamín Casal: Un alento renovador na agricultura galega.
Logo dunha introdución sobre o contexto da investigación sobre o agro galego entre os anos 60 e 80 do s.XX, analizou a evolución da agricultura en Galicia, forzada cara a unha maior mercantilización e logo pasou a resaltar o papel destacado de Benxamín Casal non só na investigación, con varios traballos -algúns básicos- no seu haber entre eles a tradución da monumental obra do francés Abel Bouhier, senón tamén na promoción e desenvolvemento do medio rural e das súas potencialidades.


Os castros da costa oriental lucense 
Museo Provincial de Lugo, día 7 de novembro de 2013

Emilio Ramil González é arqueólogo profesional e como tal exerce desde hai 35 anos; é socio fundador da empresa AXA Arqueoloxía S.C. Autor de  numerosas publicacións en forma de artigos e libros relacionados co tema arqueolóxico e patrimonial.

Fixo unha introdución sobre a importancia arqueolóxica e patrimonial dos chamados castros costeiros das Mariñas lucense e coruñesa, e pasou logo a describir os traballos arqueolóxicos realizados por el mesmo no Castro das Grobas (Ribadeo), nunha espléndida paraxe natural, e por outros autores desde os pasados anos 60 no Castro de Fazouro (Foz), que sufriu varias agresións tanto naturais como humanas, analizando en ambos os dous casos os métodos de escavación e de consolidación e o interese que estes teñen para que se poida obter un aproveitamento patrimonial, cultural e mesmo turístico.

Presentou Felipe Arias Vilas, Director do Museo do Castro de Viladonga e vicepresidente do Club Cultural Valle-Inclán.

Para o desenvolvemento deste ciclo contamos cunha axuda de Vicepresidencia Primeira -Cultura- Deputación de Lugo.

 

 

 

Os castros do occidente asturiano e a súa relación coa minería aurífera 
Museo Provincial de Lugo, día 5 de novembro de 2013

Ángel  Vila Valdés é arqueólogo da Dirección General de Patrimonio Cultural da Consejería de Educación, Cultura e Turismo do Principado de Asturias. É autor dun centenar de artigos científicos e membro correspondente do Real Instituto de Estudios Asturianos.

Analizou a importancia da minería e do uso do ouro en Asturias desde tempos moi antigos, pasando logo a describir os procesos de explotación fundamentalmente en época romana, xa desde pouco antes do cambio de Era e ata o s. II polo menos. Expuxo unha extensa mostra das numerosas minas auríferas do occidente asturiano e do seus complexos sistemas de explotación, que puxo en relación cos cambios no hábitat castrexo, dando lugar incluso a asentamentos de clara feitura romana, coma no caso do castro e a domus de Chao Samartín (Grandas de Salime).

Presentou Felipe Arias Vilas, Director do Museo do Castro de Viladonga.

Para o desenvolvemento deste ciclo contamos cunha axuda de Vicepresidencia Primeira -Cultura- Deputación de Lugo.

 

A minería romana do ouro no sureste da provincia de Lugo 
Museo Provincial de Lugo, día 17 de outubro de 2013

Luís Francisco López é arqueólogo profesional, empresa Terra-Arqueos. Licenciado en Prehistoria e Arqueoloxía pola Universidade Complutense de Madrid e colaborador co Departamento de Historia Antiga e Prehistoria do Centro de Estudios Históricos do CSIC e de varias universidades.

Analizou o contexto arqueolóxico e histórico no que se desenvolveu a explotación das minas auríferas en época galaico-romana, tanto as de tipo primario sobre rocha (como as do Courel ou de Cervantes), como as feitas sobre sedimentos vinculados a ríos auríferos (como as de Montefurado no río Sil). Incidiu na importancia que esta minería tivo na reordenación do territorio castrexo prerromano, dando lugar a novos asentamentos e uns novos modos de vida e de explotación dos recursos naturais xunto coa aparición dunha complexa trama viaria.  

Foi presentado por Felipe Arias Vilas.

Para o desenvolvemento deste ciclo contamos cunha axuda de Vicepresidencia Primeira -Cultura- Deputación de Lugo.

 

A tradición ourive na historia antiga da Mariña Lucense
Museo Provincial de Lugo, 15 de outubro de 2013 

Aurelia Balseiro é Licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago coa especialidade de Museoloxía, e investigadora recoñecida e especializada en ourivería prerromana do Noroeste. Directora do Museo Provincial de Lugo.

Revisou os numerosos achados da ourivería producidos na franxa norte da provincia de Lugo, analizando as diferentes mostras de xoias, a maior parte delas aparecidas de xeito casual e que forman parte de coleccións privadas como a de Gil Varela: torques de distintos tipos entre os que destacan o de Burela ou os do chamado tipo ártabro, arracadas ou finos pendentes, diademas ou bandas de cinto moitas veces decorados con escenas de carácter simbólico, e outras pezas moi diversas como algunhas tortas de fundición dos antigos ourives.

Presentou Felipe Arias Vilas.

Para o desenvolvemento deste ciclo contamos cunha axuda de Vicepresidencia Primeira -Cultura- Deputación de Lugo.

  

Santa Eulalia de Bóveda e o seu contorno arqueolóxico
Museo Provincial de Lugo, día 18 de xaneiro de 2013

O Club Cultural Valle-Inclán programa unha conferencia de  ENRIQUE MONTENEGRO RÚA baixo o título  Santa Eulalia de Bóveda e o seu contorno arqueolóxico.  Presenta Felipe Arias Vilas, director do Museo Arqueolóxico de Viladonga. 

ENRIQUE MONTENEGRO RÚA é licenciado en Xeografía e Historia pola UNED e  doctorando no departamento de Prehistoria y Arqueología de la Facultad de Filosofía y Letras de la Universidad Autónoma de Madrid. Desde o ano 2006 a súa investigación céntrase no desenvolvemento do proxecto de tese doutoral do monumento de Santa Eulalia de Bóveda, sobre o que ten publicado monografías, artigos en revistas especializadas, colaborado en publicacións colectivas e participado en cursos, congresos e conferencias.

 

 Debate Os  Medios de Comunicación no cine: a Televisión
Salón de actos do Pazo de San Marcos, día 16 de decembro de 2011

O Club Cultural Valle-Inclán e a Asociación da Prensa de Lugo pechan o ciclo dedicado aos medios de comunicación -TV-. Tras a proxección das películas:  Quiz show (O dilema), de Robert  Redford,  O desafío: Frost contra Nixon, de Ron Howard e Un rostro na multitude , de Elia Kazan, hai temas para ser analizados. A televisión que vemos e a televisión que queremos. Televisión e sociedade.
Participan no debate
-  Xulio Xiz Ramil, creador da primeira televisión local de Lugo.
-  Rocío Cortés Galdo, xefa de cultura e sociedade de El Progreso.
-  Orestes Currás Ordóñez, correspondente de TVE en Lugo.
-  Moderan a presidenta da Asociación da Prensa de Lugo, Sabela Corbelle e a presidenta do Club Cultural Valle-Inclán, Tonina Gay.

Mesa redonda Benestar social: a psiquiatrización do social
Galería Sargadelos, día 24 de novembro de 2011

 

 

O Club Cultural Valle-Inclán organiza unha mesa redonda baixo o título Benestar social: A psiquiatrización do Social na que interveñen:
- Sagrario Fernández Méndez, traballadora  social do HULA
- Bernardino Pardo Teijeiro, médico de Nadela.
- Luis Vila Pillado, xefe de Servizo de Psiquiatría do HULA.
- Modera, Branca Rodríguez Pazos, membro do club.
Pecha coloquio

 

Debate A Cultura en Lugo
Salón de actos do Pazo de San Marcos, día 28 de abril de 2011.

Con motivo das eleccións municipais que terán lugar o día 22 de maio de 2011, o Club Cultural Valle-Inclán organiza un debate sobre A cultura en Lugo. Asociacionismo cultural, programación, relacións coas institucións e colaboracións,  infraestruturas…, entre outras cuestións, serán analizadas e valoradas nun acto, seguido de coloquio.
Participan:
- Xosé Clemente López Orozco, alcalde da cidade e cabeza de lista polo PSdeG PSOE.
- Xaime Castiñeira Broz cabeza de lista polo PP.
- Antón Bao Abelleira, cabeza de lista polo BNG.
- Modera Tonina Gay, presidenta do Club Cultural Valle-Inclán.

 

 Mesa redonda Tráfico e cidadanía
Salón de actos do Pazo de San Marcos, día 28 de marzo de 2011

O Club Cultural Valle-Inclán programa unha mesa redonda baixo o título Tráfico e cidadanía   na que se intentará analizar un tema do máximo interese para a convivencia automóbil – cidadán na cidade de Lugo. Tras a exposición dos catro poñentes abrirase coloquio.
Participan:
- Erundina Pérez Roibás, Directora de Autoescola
- Jorge Sanmiguel, Voceiro da Policía Local
- Adela Figueroa, en representación de ADEGA
- Jaime Gueimonde, Presidente de UNAVE e da Asociación  de Veciños Gatos Roxos.
- Modera Felipe Arias Vilas, da directiva do Club Cultural Valle-Inclán

 

 

Mesa redonda Medio ambiente e resíduos urbáns
Salón de actos do Pazo de San Marcos, día 28 de febreiro de 2011

O Club Cultural Valle-Inclán programa unha mesa redonda sobre Medio ambiente e residuos urbáns.
Participantes:
- Luís Lamas Novo, presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA).
-Valentín Arias Pontón, presidente da Asociación de Veciños da Milagrosa.
- Lois Toirán, en representación de ADEGA.
-Lino González Dopeso, concelleiro de medio ambiente.
- Modera, Mª Carmen Longarela Pena, secretaria do Club Cultural Valle-Inclán.