AXENDA / NOVASInicio
  • 17 Maio. Lugo

    Ricardo Carballo (Carvalho) Calero homenaxeado nas Letras Galegas de 2020

    Día das Letras Galegas de 2020

    A elección de Ricardo Carballo Calero (Carvalho na súa última escolla persoal) como figura a quen honrar no Día das Letras Galegas, fíxose agardar dúas décadas e precisamente este ano 2020 tivo a mala sorte de non poder ser celebrado e difundido como merece. Neste sentido, o C. Cultural Valle-Inclán súmase á proposta de dar continuidade á dita celebración e persoa no vindeiro 2021 para facilitar as actividades que se fan nestas efemérides, sobre todo no ámbito do ensino e das asociacións culturais coa súa oportuna repercusión mediática. En todo caso, o C.C. Valle-Inclán conmemorará as Letras Galegas de 2020 coa acostumada edición dun marcador de libros dedicado ó autor homenaxeado e, se fose posible, coa organización dalgún acto cultural e público sobre Carballo Calero.

    Nado en Ferrol (1910), Ricardo Carballo estivo moi vinculado a Lugo, pois tivo que pasar o seu particular “exilio interior” (como tantos outros) nas décadas posteriores á guerra civil, sen poder optar a un emprego público pola súa militancia galeguista e republicana, ademais de ser un activo membro do Seminario de Estudos Galegos, que se ligaba á Xeración NÓS. Así, Licenciado en Dereito e en Filosofía e Letras, pasou a dirixir o Colexio Fingoi de Lugo entre os anos 1950 e 1965, nunha experiencia educativa e cultural moi destacada, na que tivo moito que ver a intensa actividade de Carballo xunto ó promotor do centro, Antonio Fernández.

    Sendo xa doutor en Filoloxía, a partir de 1965 imparte ensinanzas de Lingua e Literatura nun Instituto de Compostela ó tempo que se encargaba de dar as primeiras clases de galego na Facultade de Letras, onde logo (1972) sería o primeiro catedrático desta lingua, sendo xa entón membro da R. Academia Galega e do Instituto de Estudios Gallegos ‘P. Sarmiento’. A el se debe unha monumental Historia da Literatura Galega Contemporánea (de 1963, pero completada en 1975) ou a súa Gramática elemental del gallego común utilísima naqueles anos (1966), ademais de ter unha ampla obra poética, narrativa, teatral e, sobre todo, de historia e estudo crítico da nosa lingua e literatura.

    Participou na elaboracións das primeiras Normas Ortográficas do galego de 1971, pero nos anos 80, xa recoñecida a autonomía de Galicia, entende que a normativa do galego debía recuperar as súas orixes históricas galaico-portuguesas, optando por unha ortografía reintegracionista que facilitaría a comunicación e difusión no mundo lusista e que el utilizaría ata a súa morte en 1990.

    Home de personalidade adusta e seria ó tempo que moi rigoroso no seu traballo científico, era de trato amable nos medios máis próximos e familiares e, desde logo, moi merecente das homenaxes que se lle renden ó dedicarlle a conmemoración das Letras Galegas.

    Foto cedida por Eduardo R. Ochoa