OUTRAS ACTIVIDADES / PRESENTACIONSInicio

Eloy Domínguez Serén presenta a súa película No cow in the ice.
Casa do Saber,  31 de maio de 2017. 19:30 horas.

Programada dentro das "Sesións de Filmoteca" do Club Cultural Valle-Inclán, en colaboración co CGAI. Tras unha licenciatura en Comunicación e un máster viuse obrigado a emigrar. Eloy comentou a súa experiencia como traballador da construción en Suecia e o proceso de realización do seu filme que iniciou cun teléfono móbil. A aprendizaxe da lingua, a estadía no país nórdico durante dous anos e a axuda daquel país para a presentación do filme no festival Visions du Réel (Suiza).
Aproveitouse para falar de novos proxectos e do seu traballo como profesor  de cine nos campamentos de refuxiados saharauís de Tindouf (Argelia).
Rematou o acto cun animado coloquio entre director e público asistente.

 

Presentación do documental Contrafaces e do seu director, Fon Cortizo.
Casa do Saber (Vicerreitorado), 19 de abril de 2017. 19:30 horas.

O director Fon Cortizo asistiu á proxección de Contrafaces, filme que abre as Sesións de Filmoteca do Club Cultural Valle-Inclán en colaboración co CGAI.
Comentou Fon que plantexaron o documental como unha película de dobres, establecendo un paralelismo entre a figura de Elías Portela en Isladia e Erin Moure en Canadá. Víronse na obriga de introducir novas figuras como Iolanda Zúñiga, Elisa Sampedrín ou Chus Pato que aparecen como conversadoras en algún momento. Hai unha proposta lingÚística que parte dos personaxes, unha visión sobre as linguas moi diferentes entre si: unha lingua maioritaria, o inglés, unha minoritaria, o islandés e unha minorizada, o galego, pero que na película se igualan e teñen a mesma categoría. A idea non foi facer unha película poética senón de persoas que, neste caso, crean e interactúan.

 

Ovidio Fernández e e seu fillo Abdi presentaron en Lugo Shoots from Abyssinia. O Sur.
Salón de actos do Pazo de San Marcos, Deputación Provincial, 24 de febreiro de 2017.

Ovidio volve a Abyssinia para gravar a segunda parte do documental Shoots from Abyssinia. Nesta viaxe únese o fillo máis novo, Abdi. Motiva a xeira o desexo de que os dous irmáns coñezan a terra dos seus antergos, que   quedara pendente na primeira ocasión, e achegarse á súa etnia, a Gurage. O documental recolle o percorrido durante un mes polo sur de  Etiopía, un país con cento e pico étnias, cadansúa con idioma propio.  No contacto coas xentes  vese que a etnia condiciona o xeito de vida e a diferencia entre a  hospitalidade dos agricultores e a hostilidade das etnias nómadas, principalmente a mursi.
O director declárase un artesán da imaxe. Esta foi unha viaxe de improvisación. O guión é o propio camiño, que se completa cunha valoración ao final de cada xornada. Despois virá a montaxe. 

Presentación do poemario Peregrino, de Jorge Arbeleche.
Galería Sargadelos, 14 de setembro de 2016. 20:00 horas.

O poeta, ensaísta e académico uruguaio Jorge Arbeleche, gañador do Premio Nacional de Literatura, veu presentar a Lugo o seu último poemario, Peregrino (Vitruvio).
 Segundo o propio autor, o título Peregrino apunta a “un viaje iniciático al revés; sería un viaje ‘finálico’, por decirlo con una palabra inventada. Es el peregrinar de toda una vida y toda una obra acerca de la búsqueda de la propia identidad”.
Ademais do propio lírico, participaron no acto a secretaria do Valle-Inclán, Carmen Longarela, e o tamén poeta e xornalista Héctor Acebo, quen foi o encargado de afondar en Peregrino e no estilo do seu autor, en quen é especialista. Acebo precisou que “Peregrino trata —entre outras cousas— a aventura vital, non só referida a un home hipersensible e ilustrado (que podería ser o álter ego de Arbeleche), senón tamén a personaxes admirados ou totalmente descoñecidos”. En Peregrino Arbeleche “volveu consagrar os instantes, sempre dende o cántico, dende un ton que inxecta ás palabras unha sonoridade bárbara, que pasa das notas agudas ás graves con naturalidade.  É “unha das voces principais da poesía uruguaia das últimas cinco décadas”.

Proxección O Acoirazado Potemkin, de Sergei M. Eisenstein
Presentación de M. Ángeles Rodríguez Fontela, profesora da Facultade de Humanidades de Lugo
Casa do Saber (Vicerreitorado USC). 20 de maio de 2016. 20:00 horas


Ángeles presenta a Eisenstein como un humanista que vai das ciencias ás letras. A súa formación en enxeñería e arquitectura tradúcese na visión arquitectónica para a construción fílmica. Foi un pioneiro no uso da montaxe no cine, non como simple método utilizado para enlazar escenas, senón como medio capaz de manipular as emocións. Influencias de Aristóteles, entre outras os cinco actos e o concepto de peripecia -o paso da fortuna ao infortunio moi rapidamente-. Bebe do simbolismo do seu profesor, Meyerhold. Ten influencias do teatro Kabuki, e puntos de conexión con Bertolt Brecht, contemporáneo seu.
O Acoirazado Potemkin aparece en numerosas listas como a mellor película da historia do cine. Pechou un animado coloquio.

 

Presentación do documental A Seara, de Pepe Coira
Salón de actos do Pazo de San Marcos, Deputación Provincial. 12 Maio 2016. Hora: 20:00.

Na Seara do Courel houbo un proxecto de rehabilitación para facer máis atractiva turisticamente a aldea. Para levalo a cabo, era imprescindible a complicidade dos veciños. Anos despois, os arquitectos rememoran aquela experiencia. A idea do director, Pepe Coira, foi que quen vexa o documental  pase pola mesma experiencia que pasou el: familiarizarse coa aldea, coñecela, vela. Plantexado en catro partes, a primeira, sobre a  posibilidade do plan, os arquitectos teñen que convencer aos veciños para que o fagan, idea de turismo. Segunda parte que é o proxecto - en arquitectura a fase clave-. Terceira facer a obra.  Cuarta que pasa despois, a máis complexa de todas porque estando na Seara descubres un mundo moi potente, con varios estratos sociais: os que viven, os que son fillos e volven, os que mercan as casas, os sendeiristas… Presentou Felipe Arias Vilas e participaron no coloquio final o director e tres dos catro arquitectos do Gabinete GAU responsables do traballo no ano 1999.

 

Presentación da novela Catalina de Santisso, de Aurora García Rivas
Galería Sargadelos, día 29 de maio de 2016. 20:00 horas

Acompañan á autora Marisol Fernández Rocha, polo Valle-Inclán,  Marián Suárez García e a directora de Septem ediciones, Marta Magadán.
Aurora é presentada como unha autora vocacional que se move indistintamente en diversos xéneros literarios e o fai nos seus dous idiomas patrimoniais: a fala e o castelán.
A novela, con datos históricos, recrea a vida de Catalina de Santisso e fai un percorrido  polos lugares máis emblemáticos polos que se supón que debeu transcorrer a súa vida (Miranda, Meira, Lugo, Santiago, Friol…)
Catalina de Santisso é a historia dunha moza que coñece o lado máis escuro da vida a través do seu esposo, Vasco das Seixas, o Señor da Fortaleza lucense de Xiá. Hai unha lenda, “A dona das torres”,  que conta o milagre que se produce cando o seu pai, ao saber que a súa filla foi asasinada polo seu marido, manda exhumar o corpo que aparece incorrupto. Tomando esta lenda como referencia, a autora escribiu Catalina de Santisso,  novela histórica e ben documentada que recrea o século XVI en Galicia.

 

PRESENTACIÓN DA NOVELA TEMPO DE PEDRA DE RAMÓN AREA
Galería Sargadelos, 21 de decembro de 2015

Novela escrita por Ramón Area, psiquiatra no Hospital de Conxo (Santiago de Compostela) e que durante un tempo estivo tamén no Hospital de Calde en Lugo; o autor preside a Asociación galega de Saúde Mental.
No acto, presentado por Felipe Arias en representación do Club Cultural Valle-Inclán, interveu en primeiro lugar Pablo Quintana, responsable da Editorial Canela que publica o libro, que destacou o interese da obra dentro dos criterios da editora de primar temas vinculados á cultura popular e da realidade social galega.
A cantante e profesora de música Pilar Martínez Conde (Pilocha) analizou o contexto vital das producións e creacións do autor así como as referencias, literarias e mesmo cinematográficas da obra presentada, facendo fincapé na polivalencia do traballo profesional e creativo de Ramón Area e, por tanto, no interese desta novela, que vén sendo algo máis que unha simple narración polas connotacións sociais e vitais que aporta.
O autor da obra desvelou as causas, persoais e profesionais, de escribir de xeito novelado o feito real do descubrimento dunha lápida no cemiterio de Conxo correspondente a un alemán morto en 1917 logo de andar embarcado no barco Sta. Úrsula, o que leva ó autor a reconstruír a súa vida a partir da solemne pedra dun cemiterio desaparecido e logo parcialmente recuperado en Conxo. Ramón Area falou de necesidade de explicar e entender o contexto social e ambiental que se vive nos centros hospitalarios psiquiátricos, vinculándoos en gran medida ó valor e á permanencia da pedra, como materia pesada, duradeira e tantas veces chea de misterios.

 

PRESENTACIÓN DO LIBRO-CINEMA A CICATRIZ BRANCA DE MARGARITA LEDO
Galería Sargadelos, 7 de maio de 2015

A cicatriz branca podería ter sido outro documental de Margarita pero elexiu a ficción. Tendo como base feitos acontecidos no século pasado  pon en pantalla a unha muller que poder ser calquera das numerosísimas que emigraron a América, neste caso Buenos Aires, na primeira metade do século XX.
Hai tempo que Margarita está dedicada ao mundo da comunicación audiovisual. A súa nova proposta creativa  edítase en Galaxia na colección Libros – Cinema. Segundo Víctor Freixanes recolle todo o discurso dos galegos e a épica do traballo e o sufrimento na perspectiva das mulleres e no mundo de alén mar.
Interviron no acto a autora, Víctor F. Freixanes, director xeral de  Galaxia e Tonina Gay, presidenta do Club Cultural Valle-Inclán.

 

 PRESENTACIÓN-DEBATE PARA QUE NOS SERVE GALIZA?

Galería Sargadelos, 29 de abril de 2014

Club Cultural Valle-Inclán e Editorial Galaxia ofreceron un debate arredor do libro de Xaime Subiela: Para que nos serve Galiza?  (Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2012). 
Participaron  Lidia Senra, sindicalista agraria,  Grial Parga, analista cultural e crítico de cine e televisión, Xaime Subiela, politólogo, sociólogo e autor do libro. Actuou de presentador e moderador Felipe Arias Vilas, historiador e muséologo (en representación do C.C. Valle-Inclán).
Sérvenos para algo o galeguismo? É preciso repensar Galiza como identidade-proxecto para o noso tempo, democratizando a idea e a proposta, unha nación aberta, en construción.

 

PRESENTACIÓN DE LAS MAESTRAS DE LA REPÚBLICA
Salón de actos da Deputación Provincial, 7 de febreiro de 2014

Presentado en Lugo polo Club Cultural Valle-Inclán, en colaboración con FETE-UGT.
Na presentación José Luís Rodríguez Trigo, Secretario Comarcal de FETE – UGT, sinalou que o obxectivo principal deste documental é homenaxear ás mestras que se comprometeron cunha escola pública en momentos  difíciles. O Ministerio de Instrucción Pública da República tivo como bandeira que a educación era un piar básico en calquera sociedade que quixese prosperar, educación pública, laica e non discriminatoria. 
Elaborado por historiadores e investigadores e coordinado pola Federación de Enseñanza de UGT foi premiado co Goya ao mellor documental  dous días despois da súa proxección en Lugo.

Presentou o acto Mª Carmen Longarela, Secretaria do Club Cultural Valle-Inclán

 

PRESENTACIÓN DE ENTREPARADAS
Salón de actos da Deputación Provincial, 29 de xaneiro de 2014

O documental Entreparadas foi presentado en Lugo polo actor Félix Estévez que xunto con outros quince actores e un equipo integrado por máis de cen persoas rodaron escenas de teatro ambulante na liña de autobús 22 da cidade de Ourense. Dirixido por Toño Chouza, con selección de textos de autores da Xeración Nós realizada por Elena Seijo, de Sarabela Teatro e con produción de Maxi Cid, María Liaño, e Jorge Coira.
E n t r e p a r a d a s cóntanos a historia de 16 persoas anónimas que atesouran experiencias vitais únicas. A longametraxe fixa a súa mirada en Jose, con parálise cerebral e Felisa, inmigrante invidente, que comparten unha experiencia que marcará as súas vidas con outras persoas provenientes de diferentes colectivos (asociación contra o cancro, centro psiquiátrico, unidade de violencia de xénero, vítimas de accidentes de tráfico, aula municipal do maior, discapacitados AIXIÑA, menores con medidas xudiciais e outros voluntarios).

 

PRESENTACIÓN DE SHOOTS FROM ABYSSINIA
Salón de actos da Deputación Provincial, 23 de xaneiro de 2014

Club Cultural Valle-Inclán proxectou o documental Shoots fron Abyssinia, de Ovidio Fernández  quen asistiu acompañado polo seu fillo Abdul, protagonista do mesmo.
Shoots from Abyssinia é a culminación dun traballo que se iniciou no verán de 2010 coa rodaxe desde a capital, Addis Abeba, ata o  norte de Etiopía. A película xorde nun principio para mostrar Etiopía, un país completamente descoñecido para a grande maioría da xente que vive ao norte e de costas ao continente africano.

 

PRESENTACIÓN DE LA MADRIGUERA
Galería Sargadelos, día 20 de novembro de 2013

Logo dunha presentación do acto a cargo de Felipe Arias, en nome do Club Cultural Valle-Inclán, que fixo unha breve semblanza biobibliográfica da autora e resaltou a contexualización xeográfica da súa novela, o poeta e profesor Xoé Otero Canto desmiuzou os distintos aspectos da obra, desde a trama novelesca ata a fondura da expresión escrita, que vai máis aló dunha simple narración novelada posto que dalgún xeito obriga ao lector a participar do guión, dos acontecementos e dos espazos e lugares que aparecen na obra. Pola súa parte, a escritora astur-galega Aurora García Rivas confesou que LaMadriguera fora unha novela que lle esixira moito traballo de prepararación e documentación, ás veces de carácter etnográfico, o que lle permitiu urdir unha novela complexa pola cantidade de personaxes que nela aparecen en distintas épocas, pero moi ben articulada facer que os lectores a sigan con fruición literaria e con devezo cultural e mesmo histórico.

 

PRESENTACIÓN DE EL MAL DE LA MURALLA
Galería Sargadelos, día 30 de outubro de 2013

Jesús García Calderón desprazouse desde Granada para presentar o seu libro El Mal de la Muralla.
Na presentación de Felipe Arias Vilas, preocupado polo Patrimonio Cultural ao igual que Jesús, puidemos escoitar que “nos últimos quince anos, afortunadamente, hai un cambio de tendencia no mundo da xudicatura, no mundo da xustiza, en canto á visión que se ten do Patrimonio Cultural e unha das persoas ás que se debe que isto variara témola nesta sala, é Jesús García Calderón”.
El Mal de la Muralla,  está editada por Ánfora Nova baixo a fórmula de mecenado colectivo exercido a través da colaboración dun grupo de persoas e entidades, no seu desexo de participar no apoio e difusión desta obra, mediante a compra de varios exemplares da mesma.
El Mal de la Muralla é unha homenaxe ás persoas que coñeceu e tratou Jesús nesta cidade.  Fixo fincapé ao paseo circular pola muralla que te achega e te afasta ao mesmo tempo. “Creo que fai que o cidadán de Lugo sexa proclive á fantasía, á reflexión e que se incline moitas veces cara á virtude. Esta virtude xenéralle tamén algúns desgustos e por iso utilicei o recurso retórico de mal de la muralla.
Non faltou o  recordo dos lucenses Pimentel, Fole e Celestino Fernández de la Vega, escritores europeistas do século XX.

Jesús García Calderón é Fiscal Superior de Andalucía e estivo acompañado por Felipe Arias Vilas e Tonina Gay.

 

PRESENTACIÓN DA NOVELA  ARCADIA. OS GARDIÁNS DO SEGREDO
Galería Sargadelos, día 24 de outubro de 2013, ás 20,00 horas

Alberte Blanco Casal acompañado por Branca Rodríguez Pazos e Tonina Gay presentou a novelaArcadia. Os gardiáns do segredo, da Editorial Círculo Rojo.

A sentencia do primeiro ministro inglés do século XIX Benjamin Disraeli “O mundo está gobernado por personaxes moi diferentes aos que cren ós que non ven máis alá dos seus ollos” é a introdución, o prefacio xeral da novela, para que o lector vaia advertido do que vai encontrar na obra. Como fondo  sociedades secretas internacionais e como escenarios as principias cidades centros de poder do mundo.

 

PRESENTACIÓN DO FILME A CICATRIZ BRANCA
Auditorio Gustavo Freire, día 4 de maio de 2013, ás 19,00 horas

 A cicatriz branca  pechou o  ciclo CINEMA NO AUDITORIO que veu organaizando a Concellería de Cultura do Concello de Lugo con xestión do  Club CulturalValle-Incán.


O filme foi presentado pola súa directora e guionista,Margarita Ledo Andión, que estivo acompañada por Marisol Fernández Rocha, membro da directiva do clube.
O papel das mulleres na diáspora galega, retratada a través de vivencias na Bos Aires dos anos 50. Rodada na Arxentina e en Galicia,  forma parte do proxecto Cine, Diversidade e  Redes do Grupo de Estudos Audiovisuais do Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela coa participación do Ministerio de Ciencia a través do Plan Nacional de I+D+i.

 

 

PRESENTACIÓN DO LIBRO CARTAS DESDE O PRESIDIO 
Galería Sargadelos, día 22 de outubro de 2012

Club Cultural Valle-Inclán presenta o libro Cartas desde o presidio, de Eusebio Cuesta, 

Eusebio Cuesta, natural de Monforte de Lemos (1904 – 1946), mestre albanel, sufriu presidio durante sete anos (1936 – 1943) acusado de rebelión militar.  Nas súas cartas reflicte as  inquedanzas e preocupacións familiares ao tempo que fai unha foto semivelada da realidade social do momento.

Cartas desde o presidio está editado polo Ateneo Republicano de Valdeorras.  
Fixo a presentación Basilio Cobo Rodríguez, médico do Centro de Saúde de San Roque, editor e escritor e pronunciou sentidas palabras o fillo do autor, Manuel Cuesta. O Club estivo representado pola súa presidenta, Tonina Gay.


  PRESENTACIÓN DO LIBRO OUTRAMENTE DE PILAR GARCÍA NEGRO
Galería Sargadelos, día 7 de xuño de 2012.

O Club Cultural Valle-Inclán presenta o libro Outramente dePilar García Negro, editado por Laiovento na súa colección Ensaio con intervencións da autora, de   Lucía L. Baio, xefa de opinión que foi de Xornal de Galicia e  Tonina Gay, xornalista.

María Pilar García Negro (Lugo, 9 de Outubro de 1953) é profesora da  Universidade da Coruña. Autora de numerosos libros sobre lingua e literatura galegas. É directoraxerente da Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas. Obtivo o XV Premio “Vicente Risco” de Ciencias Sociais 2010 co volume O clamor da rebeldía.Rosalía de Castro: ensaio e feminismo. Foi corredactora da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos e pertence ao seu Comité Científico. Deputada no Parlamento Galego polo BNG desde 1989 a 2003.

Outramente recolle os artigos cos que Pilar García Negro colaborou asiduamente  durante  vinte e dous meses, desde outubro de 2009 ata agosto de 2011, en "Xornal de Galicia". Os artigos aquí contidos recollen as sucesivas entregas ata o mesmo momento en que a superioridade decidiu clausurar a edición  en papel e, posteriormente, pechar a dixital.

 PRESENTACIÓN DE LA SOMBRA DEL ÁMBAR
Galería Sargadelos, día 18 de maio de 2012

Club Cultural Valle-Inclán presenta a novela La sombra del ámbar,  de María Luisa Prada Sarasúa.  Acompañan á autora a xornalista de "Onda Cero", Lourdes Abuide e a presidenta do club Tonina Gay.

María Luisa Prada Sarasúa é natural de Mieres del Camino, Asturias, e reside desde hai tempo en Gijón. Deuse a coñecer na escrita no ano 2004 coa novela Vivir al sol. Posteriormente publicou En el túnel, Una cita en ArlésEl hierro del mayoral.

La sombra del ámbar ten como escenario A Fonsagrada e o Hospital Psiquiátrico de Conxo e como protagonista a unha moza licenciada en Comunicación Audiovisual á que se lle encarga realizar unha reportaxe sobre a vida dos pacientes acollidos no centro. Unha deles intentará convencer á xornalista do erro que se ven cometendo desde hai trinta anos no tratamento e a investigación policial tras un accidente no que morrera a súa irmá xemelga.

 

PRESENTACIÓN DO LIBRO CARTOGRAFÍAS DO DERRUBO. ESCRIBIR AO XORNAL
Galería Sargadelos,  día 9 de marzo de 2012

Club Cultural Valle-Inclán e "Difusora de Letras, Artes e Ideas" presentan o libro Cartografías do derrubo. Escribir ao xornal , de Carme Adán.
Nel recompílanse os artigos sobre actualidade que escribiu Carme Adán como colaboradora de  Xornal de Galicia.
Acompañan á autora  Branca Rodríguez Pazos, membro do Club Cultural Valle-Inclán e a súa presidenta, Tonina Gay.
Carme Adán, é filósofa, ensaísta, política e doutora en Filosofía pola USC. Catedrática de filosofía de ensino secundario. Desde o 2005 até o 2009 foi Secretaria Xeral de Igualdade no goberno da Xunta de Galicia.

 

PRESENTACIÓN DO LIBRO CAMAS DE HIERBA
Galería Sargadelos, día 27 de setembro de 2011

Club Cultural Valle-Inclán presenta o libro Camas de hierba"Ediciones Vitruvio" de Héctor Acebo. Acompañan ao autor o profesor e escritor Claudio Rodríguez Fer, o periodista Javier Rivera e a presidenta do club Tonina Gay.  Camas de hierba é un poemario escrito baixo a tutela de Antonio Martínez Sarrión, un dos grandes poetas e memorialistas vivos, e conforma o número 248 de “Baños del Carmen”, a principal colección de "Ediciones Vitruvio". 
Héctor Acebo (San Tirso de Abres, Asturias, 1987 ) é licenciado en Periodismo pola Universidad Complutense, escribe artigos de opinión e de crítica literaria e cinematográfica en varios medios impresos e dixitais. Na actualidade, ademáis de xefe de opinión en "La huella digital", colabora no  diario asturiano "La Nueva España", e en "La Comarca del Eo",semanario editado por  "El Progreso".

elprogreso.galiciae.com/nova/117685.html

www.lahuelladigital.com/claudio-rodriguez-fer-apadrino-literariamente-a-hector-acebo-en-lugo/

llavedeloscampos.blogspot.com.es/2011_09_01_archive.html