HISTORIA DO CLUBEInicio

O “Valle-Inclán”, que é como se coñece habitualmente en Lugo esta asociación cultural, constituíuse de xeito oficial e como cineclube o 13 de febreiro de 1966. Celebrábase aquel ano o centenario do nacemento de don Ramón María del Valle-Inclán e os fundadores decidiron poñerlle á nova entidade o nome deste escritor galego. Días despois xa contaba coa súa primeira xunta directiva e o 4 de marzo proxectou o seu primeiro filme, Les parapluies de Cherbourg, de Jacques Demy. Durante varios anos mantivo unha programación estable que se proxectou nos cines lucenses España, Kursal, Victoria, Central Cinema e Gran Teatro, todos eles hoxe desaparecidos.

Na primeira etapa ostentaron sucesivamente a presidencia Julio Ulloa Vence, José Manuel Otero Novas, Benxamín Casal Vila, Ovidio Vázquez Rodríguez e Carlos Varela Veiga. Como socio número 1 do cineclube e un dos fundadores figura o escritor Celestino Fernández de la Vega.

Posteriormente serían presidentes Camilo Gómez Torres, Francisco Arrizado Yáñez e Carme Vázquez Vázquez.

Se ben o cine e o teatro son os puntos de referencia para as súas actividades, de inmediato a programación verase ampliada á difusión e creación cultural e dirixida á recuperación, potenciación e defensa da cultura e a lingua galegas. No primeiro ano réndeselle homenaxe a Valle-Inclán cun programa que abrangue conferencias, obras de teatro e recitais e no que participan Antonio Ona de Echave (Bispo da Diócese), os escritores Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero, Domingo García Sabell e Juan Guerrero Zamora, e actores como Julio Navarro, Italo Ricardi, Ángela María Torres, Julieta Serrano e o lugués Antonio Penedo.

O 17 de maio de 1967 promove a celebración da primeira misa en galego (a epístola, o evanxeo e a homilía, únicas concesións da xerarquía da Igrexa naquel tempo).

Na década dos 70 o Valle-Inclán prestará atención especial ao teatro, achegando a Lugo as agrupacións de máis sona e as obras de vangarda. Hai que lembrar grupos teatrais como Teatro Circo, Rosalía de Castro, O Facho, Francisco Lanza, Candea, Artello, Antroido, Luís Seoane, Mari-Gaila ou TEU de Salamanca, e obras como Zardigot, de Euloxio R. Ruibal, Romance de Micomicón e Adhelala, de Eduardo Blanco Amor, Mendiño e o can morto, de Bertolt Brecht, Entremés famoso sobre a pesca no río Miño, de Gabriel Feixóo de Araúxo, Petición de mano e El Oso, de Antón Chejov, Celtas sen filtro, Percival e outras historias, de Xosé Luís Méndez Ferrín, Edipo rei, de Sófocles etcétera.

En 1977, Carlos Varela Veiga, figura fundamental para o cine galego, elaborou desde o Valle-Inclán un anteproxecto de estatutos para unha futura Federación de Cineclubes de Galicia, que tomaría forma definitiva en 1984.

Nestas décadas preocupaban as centrais nucleares –como a proxectada para Xove-, os problemas da Galicia rural, os montes veciñais en man común, a emigración e a industrialización en Galicia, a Seguridade Social Agraria, así como o ensino e a normalización da lingua galega, temas todos eles analizados e debatidos por especialistas que convocaban a unha numerosa e interesada audiencia.

Tamén houbo presenza da música e pódense citar como exemplos o Festival do movemento da canción galega con Antón Seoane, Emilio Cao, Jei Noguerol, Miro Casabella, Rodrigo Romaní, Xurxo Mares e Xosé Manuel, e igualmente o Galicia canta ao Neno dos lucenses Fuxan os Ventos.

Para celebrar o vixésimo aniversario en 1986, creouse un comité que elaborase unha programación que incluíu unha Homenaxe ós traballadores lugueses da cultura -Luís Pimentel, Leopoldo Villamil, Jesús Corredoira, Aureliano J. Pereira, Álvaro Cunqueiro, Julia Minguillón, Aquilino Iglesia Alvariño, María Mariño, Xoán Montes, Pascual Veiga, Manuel Castro Gil... -, ademais doutras homenaxes (a Valle-Inclán e ao Cine), Semanas das culturas brasileira e portuguesa e viaxes culturais para fomentar o coñecemento da provincia de Lugo.

Nesta longa etapa, serán escenario das actividades do Valle-Inclán o Salón Rexio do Círculo das Artes, e as salas de actos da EUITA, a Escola de Comercio, o Banco de Bilbao e da Caixa Galicia na actual rúa Tuñas Bouzón.

Logo dun período de certa inactividade o Valle-Inclán renaceu con forza en 1994 e tivo como presidentes a Xerardo Pardo de Vera Díaz e Mª Antonina Gay Parga.

Co paso do tempo, o Cineclube Valle-Inclán foi ampliando e diversificando as súas actividades e manifestacións culturais, aumentando a súa presenza na sociedade lucense en ámbitos moi diversos, maioritariamente sobre temas galegos: historia e patrimonio cultural, lingua e literatura, presentacións de libros, publicacións, teatro, música, economía, medio ambiente e ecoloxía, socioloxía, saúde, educación e outras materias, tratando de harmonizar e de complementarse coa súa programación cinematográfica, actividade nunca abandonada por completo e reactivada nos tempos máis recentes da entidade, tanto de xeito illado como con periodicidade fixa por medio de ciclos temáticos ou de autor.

Desta etapa pódense destacar tamén diversas reivindicacións e manifestos: Por unha cidade viva, a defensa do desaparecido Gran Teatro e do Cuartel de San Fernando, a proposta para Cronista Oficial da Cidade, así como o traballo a prol do recoñecemento pola UNESCO da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade.

Desaparecidos os antigos foros para o cine e para as actividades, tivo que abrirse a novos espazos: salón de actos da Fundación Caixa Galicia, Auditorio Municipal Gustavo Freire, Escola de Maxisterio (Facultade de Formación do Profesorado), Galería Sargadelos e, nos últimos anos, o salón de actos do Pazo de San Marcos (Deputación de Lugo).

Nesta nova xeira engadíronse como unha parte importante da súa programación as viaxes e os paseos culturais pola cidade e provincia de Lugo, por toda Galicia e por moitas zonas de España e Portugal. Esta actividade, moi demandada nos últimos tempos, supón un fito fundamental na relación de convivencia e diálogo entre os asociados e fomentan o coñecemento e o aprecio polo patrimonio cultural e natural no seu máis amplo sentido.