AXENDA / NOVASInicio
  • 05 Novembro 2013. Hora: 20:00. Museo Provincial de Lugo

    CONFERENCIA: OS CASTROS DO ACCIDENTE ASTURIANO E A SÚA RELACIÓN COA MINERÍA AURÍFERA

    CASTROS GALAICOS NA PROVINCIA DE LUGO

    Ángel Vila Valdés é arqueólogo da Dirección General de Patrimonio Cultural da Consejería de Educación, Cultura e Turismo do Principado de Asturias, dende onde dirixiu o Plan Arqueolóxico do Navia - Eo, programa polo cal se planificaron durante a última década as intervencións arqueolóxicas nos depósitos do occidente asturiano, tanto en tarefas de escavación coma de conservación, restauración e musealización.
    Desenvolve a súa investigación en ámbitos diversos da  Prehistoria e Antigüidade con particular atención ao mundo castreño e a minaría aurífera antiga, temas sobre os que versou a súa Tese Doutoral. Foi responsable de traballos arqueolóxicos en castros do oeste de Asturias como Coaña, Pendia ou Chao Samartín.
    Participou como investigador en varios proxectos I+D, patrocinados polo Ministerio de Cultura e o Principado de Asturias, colaborando con institucións como o Consello Superior de Investigacións Científicas, a Universidad Autónoma de Madrid, a Universidad de Oviedo, a Casa de Velázquez de Madrid ou a Mercyhursts University (USA).
    É autor dun centenar de artigos científicos e membro correspondente do Real Instituto de Estudios Asturianos.

    Para o desenvolvemento deste ciclo contamos cunha axuda de Vicepresidencia Primeira -Cultura- Deputación de Lugo.


     

  • 30 Outubro 2013. Hora: 20:00. Galería Sargadelos

    EL MAL DE LA MURALLA

    EL MAL DE LA MURALLA

    O Club Cultural Valle-Inclán presenta o libro El Mal de la Muralla, de Jesús García Calderón. O autor estará acompañado por  Felipe Arias Vilas e Tonina Gay.

    O Mal da Muralla é, sen lugar a dúbidas, un texto moi singular. Formulado como unha longa epístola sentimental, en contestación á epístola moral que lle dirixise ao autor en forma de libro e hai máis de dez anos o filósofo Xosé Alvilares, condúcenos a unha lúcida reflexión sobre tempo, a cidade, o amor á literatura ou o verdadeiro compromiso social e moral co ámbito que parece, nestes axitados anos, máis necesaria que nunca. Cando a finais de 1995 Jesús García Calderón acudiu destinado a Lugo como o seu novo Fiscal Xefe, pronto comprendeu que a impoñente muralla romana que rodea a vella cidade influía de xeito silencioso e positivo nalgúns dos seus habitantes. Este descubrimento xunto ao achado da poesía de Luis Pimentel e outros regalos literarios que lle deparou a súa longa estanza en Galicia, que se prolongaría ata o ano 2001, permitíronlle afondar neste fenómeno e obter un cúmulo de conclusións e propostas que quixo verquer neste breve e evocador ensaio. O autor transcende dende o ámbito puramente local e fálanos, en definitiva, de moitas cidades e murallas de todo o mundo que habitan no noso interior e que necesitamos cada día máis para descifrar esa escritura invisible da existencia.

    Jesús García Calderón. Naceu en Badajoz, en 1959. Xurista, poeta narrador e ensaísta. Ten  desenvolvido dende 1991, cando a Colección Adonais lle publicase La Provincia, o seu primeiro libro, unha obra poética moi persoal, tan recoñecida como afastada de grupos ou cenáculos literarios, que foi definida por Antonio Carvajal pola súa fonda verdade como unha forma de poesía da vivencia e baseada nun amplo conxunto de valores individuais e sociais. Entre os seus libros destacan La moneda secreta (1996), Un lugar en el Norte (1998), Hacer es destruir (2003), La soledad partida (2006), Los nudos de la vida (2006) ou La mirada desnuda (2012). En 2009, a Revista Literaria Ánfora Nova dedicoulle un extenso número monográfico co título La lúcida voz de la memoria.
    Previamente, en 2001, publicara un conxunto de relatos na colección La Gaveta de la Editora Regional de Extremadura co título Los regalos sombríos.
    No seu labor como xurista e humanista, é dende 2001 o Fiscal Superior de Andalucía, destacan os seus traballos para a defensa do Patrimonio Histórico ou os seus esforzos por desenvolver un novo dereito a comprender erradicando a incomprensión e os excesos habituais da linguaxe xurídica.
    É Académico das Reales Academias de Bellas Artes e de Jurisprudencia e Legislación de Granada.
     

     

  • 24 Outubro 2013. Hora: 20:00. Galería Sargadelos

    ARCADIA. OS GARADIÁNS DO SEGREDO

    ARCADIA. OS GARDIÁNS DO SEGREDO

    O Club Cultural Valle-Inclán presenta o libro Arcadia. Os gardiáns do segredo, de Alberte Blanco Casal. O autor estará acompañado por Branca Rodríguez Pazos e Tonina Gay

    Roi Pereira, correspondente dun importante xornal francés, chega ao Cairo coa misión de redactar unhas crónicas sobre o desenvolvemento dos traballos nuns xacementos arqueolóxicos de Alexandría e Guiza. Mais o tranquilo acontecer cotiá rómpese ao aparecer asasinada en estrañas circunstancias Carol Ardent, a directora do grupo de Alexandría, e ao descubrirse a desaparición duns importantes códices e tabelas de arxila en posesión da arqueóloga. Ao pouco tempo aparece a noticia da morte, en Nápoles, do cardeal Castigliani en circunstancias parecidas. En ambos os dous asasinatos os cadáveres amosan unhas misteriosas figuras xeométricas e  outras  manipulacións. A investigación dos crimes, á que se  incorpora Roi Pereira e  o experto do Vaticano Xacobe de
    Ulloa, conduce á descuberta dunhas enigmáticas mensaxes que os mergulla nun mundo sórdido e velado no que as tensas relacións internacionais se van entrelazando cuns relevantes achados pertencentes ás antigas civilizacións de Exipto e Mesopotamia.

    Alberte Blanco Casal
    Profesor numerario de Tecnoloxía de Ensinanza Secundaria. Entre 2005 e 2009 foi Director Xeral de Montes da Consellería de  Medio Rural da Xunta de Galiza. Participou na obra colectiva “Os incendios forestais en Galicia”, editada polo Consello da Cultura Galega en 2006 e coordinada por Francisco Díaz-Fierros e Plácido Baamonde. É colaborador de varios diarios dixitais, ademais da revista do Fórum Galaico Transmontano editada en Chaves (Portugal). En abril de 2013 publicou a súa primeira novela: Arcadia. Os gardiáns do segredo.

  • 17 Outubro 2013. Hora: 20:00. Museo Provincial de Lugo

    CONFERENCIA: A MINERÍA ROMANA DO OURO NO S.E. DA PROVINCIA DE LUGO, POR LUÍS LÓPEZ GONZÁLEZ

    CASTROS GALAICOS E MINAS ROMANAS NA PROVINCIA DE LUGO

    Luís Francisco López González
    Licenciado en Prehistoria e Arqueoloxía pola Universidade Complutense de Madrid e colaborador co Departamento de Historia Antiga e Prehistoria do Centro de Estudios Históricos do CSIC e de varias universidades baixo a dirección de expertos como Javier Arce, Manuel Fernández-Miranda e Germán Delibes.
    De 1988 a 1996, intégrase no proxecto de intervención de estudos sobre a Zona Arqueolóxica de Las Médulas", dirixido por Javier Sánchez-Palencia, participando tamén noutros proxectos de investigación en áreas veciñas como a dos ríos Boeza, Duerna e do Sil, onde investiga el territorio ná época de transición do mundo prerromano ao romano.
    Desde 1990 dirixe a investigación subvencionada pola Xunta de Galicia Caurel-Val de Quiroga: estrutura social e territorio, que conformou a súa tese de licenciatura. A partir de 1995 investiga sobre a minería aurífera e o poboamento castrexo na cunca alta do río Navia, con diversos traballos de prospección e escavación, por exemplo nos castros de Cervantes en Lugo e no de Chano nos Ancares leoneses. Xunto con Yolanda Álvarez, traballa en áreas bercianas, lucenses e leonesas, documentando a transición do mundo prerromano ao romano e o claro impacto da minería romana nestas zonas.
    Fundou a empresa arqueolóxica Terra-Arqueos S.L., codirixindo e participando na escavación e posta en valor de xacementos como os castros de Laias, de Vilela en Taboada, de Dorra, de Orellán, os de Vigo e Sta. Tegra, o de Baroña, o de Chao Samartín, a Capa Torres de Xixón, Castro Ventosa de Cacabelos, Viladonga, Castromaior e, ata a actualidade, no de San Cibrao de Las así como nos xacementos de Cidadela e Iria Flavia. Dirixe tamén prospeccións en varios concellos de Galicia e de Castela e León, así como o deseño e montaxe de Centros de interpretación como o do Barbanza no Neixón ou a Aula arqueolóxica de Las Batuecas en Salamanca.

    Para o desenvolvemento deste ciclo contamos cunha axuda de Vicepresidencia Primeira -Cultura- Deputación de Lugo.