Ir o contido principal
A cicatriz branca
Ciclo
A cicatriz branca
Data de proxección
Lugar de proxección
Auditorio Gustavo Freire
Director
Margarita Ledo Andión
Pais
España. Arxentina
Ano da produción
2012
Xénero
Ficción
Duración
92
Produtores
Nós, Produtora Cinematográfica Galega, Haddock Films, CRTVG
Director de Fotografía
Pablo Cayuela Miguel
Director de Arte
Bernardo Tejeda
Montaxe
Ramiro Ledo Cordeiro
Guión
Margarita Ledo Andión
Música
Abe Rábade
Intérpretes
Eva Veiga, Xabier Deive, Lino Braxe, Tamar Novas, Margarita Fernández, Mónica Camaño, Xoana Pintos, Clotilde Iglesias, Néstor Ageitos, Darío Ageitos
Sinopse

Dende comezo  do século vinte as mulleres galegas que emigraban soas eran acollidas en Bos Aires polas Carmelitas Terciarias, as “Hijas de María” ou pola “Sociedad Protectora de la Joven Sirvienta”. Necesidade, abandono, agresións  sexuais, nais solteiras… como causa, máis una cidade distante e burlona, onde a meirande parte delas pasaron a ter a condición de “mucamas”, de “criadas de camadentro”. Está é a paisaxe de fondo para A cicatriz branca.

Pensada como unha película que establece un ligame cun feito social central no século vinte, a emigración, neste caso como experiencia diversa dun dos grupos máis fráxeis e só parcialmente visíbel, as mulleres, A cicatriz branca é un relato en espiral que vai cara as sensacións que o choque  con determinados lugares e situacións vai labrando no interior das personaxes, ate una nova visión de ti propia-outra.

Representadas no imaxinario como cadeliñas fieis, traballadoras e analfabetas; case sempre como túzaras, atravesadas e agarradas; como ocorrentes e chocalleiras na serie radiofónica e cinematográfica “Cándida”; como obxecto de desexo, por veces, o “síndrome da galega” identifícase por certas fobias, unha culpabilidade marcada, o medo ao ridículo e o pánico a estar na boca dos outros, o temor a ser xulgada. Cunha única imaxe na cabeza, a dos seus abrazados no peirao; cun queixo, unha bola de pan, un cobertor e, se cadra, unha máquina de coser, o seu  fardel —de agardala alguén— completábase con seis camisas de lenzo ou azafrán en rama para os que a viñan recoller.
Adoito na travesía facía a súa aparición una doenza, primeiro síntoma da perda e dun proceso de estrañamento que aparentemente concluía ao incorporarse aos bailes e convivios da Sociedade que agrupaba aos da súa parroquia. Chegar a casar, polo xeral “a cegas”, era a fin natural ate o punto de que o club lucense, ou o asturiano, funcionan como as dúas grandes axencias matrimoniais. Tal vez os momentos máis significativos para as migracións femininas sexan os anos vinte/trinta, coa guerra civil e o exilio como inflexión, e os anos do peronismo, cando a emigrante accede á categoría de obreira industrial e se mira no espello de Evita.
 As personaxes que traman a historia de A cicatriz branca teñen orixes absolutamente dispares, en certa maneira son ao mesmo tempo todas as emigrantes. Están acó e aló; pertencen a aquela época e tamén inzan o presente; por veces o imaxinario é o que sobranceia ao pé dunha estraña capacidade para recoñecer/resistir a perda entrementres se desenvolve unha viaxe interior que, coma toda viaxe, muda o seu comportamento e canda el as súas querenzas.