O documental VDL. Casa Experimental relata a historia da casa deseñada en 1932 por Richard J. Neutra como estudio e residencia habitual. En 1963 un incendio destruíu a casa, que foi reconstruída en 1966 incorporando parámetros de respecto polo medio ambiente, e conforme aos sistemas propios da industria: custo, lixeireza, transparencia e compactidade, que Neutra anticipara: "só as casas que utilizan tecnoloxía industrial son verdadeiramente modernas".
ARQUITECTO. Richard Neutra (1892-1970) Naceu en Viena, onde estudou arquitectura e asistiu á escola de construción de Adolf Loos. En 1912 principiou amizade con Rudolph Schindler e en 1914 participou na Primeira Guerra Mundial. Terminada a guerra e a súa formación, traballou en Zúrich para o paisaxista Gustav Ammann, e en Berlín para Erich Mendelshon, antes de emigrar en 1923 a Estados Unidos, onde coñeceu a Louis Sullivan e a Frank Lloyd Wright. En 1926 fundou o seu estudo nos Ángeles, compartindo proxectos con Schindler e, de 1949 a 1959, con Robert E. Alexander. Nos seus últimos anos exerceu xunto ao seu fillo, tamén arquitecto, Dion Neutra.