Ir o contido principal
A FIGURA DE ROBERTO VIDAL BOLAÑO NA EMERXENCIA E CONSOLIDACIÓN DO TEATRO GALEGO CONTEMPORÁNEO, POR CARLOS CAETANO BISCAINHO FERNANDES
A FIGURA DE ROBERTO VIDAL BOLAÑO NA EMERXENCIA E CONSOLIDACIÓN DO TEATRO GALEGO CONTEMPORÁNEO, POR CARLOS CAETANO BISCAINHO FERNANDES
Galería Sargadelos. 20:00:00

Na conferencia vísase facer un percurso pola fulcral intervención de Roberto Vidal Bolaño no campo teatral galego desde os momentos refundacionais de comezos da década de setenta até a transición para o novo século, na multifacetada figura de dramaturgo, actor, encenador, produtor-empresario, iluminador, figurinista ou escenógrafo.
Proponse unha viaxe con paraxes nos momentos decisivos dese periplo vital dedicado aos palcos do país e nas diferentes motivacións que norteaban o seu traballo: a vontade permanente de dotar a Galiza dun teatro de seu; a dignificación do traballo dos envolvidos na creación escénica, mais tamén o rexeitamento do letargo derivado da súa mole acomodación no estatus que o sistema lles concedía e a peaxe que envolvía o turbo relacionamento coa camada política; a atención á parateatralidade ou á tradición literaria galega; a denuncia, a través do metateatro, da súa marxinación por parte das institucións públicas; a incorporación propositada de temas molestos ao novo orde galego e de personaxes procedentes das periferias que a nova sociedade galega postautonómica esquecía ou marxinaba; a reivindicación de Otero Pedrayo como modelo de modernidade teatral e permanente fonte de aprendizaxe; o desmascaramento da ideoloxía imperialista antigalega dos que nos gobernaban; a continua atención aos diversos públicos aos que debería ir dirixido o realizado nos nosos palcos do país para que o nacente teatro galego alcanzase a se consolidar realmente; a vontade de solventar as envelenadas encomendas do Centro Dramático Galego sen concesións á subsidiariedade do sistema teatral galego a respecto do español, etc.
En conclusión, un home comprometido permanentemente co proceso de emerxencia e consolidación do teatro galego, con cuxo desaparecemento perdemos unha maneira ao mesmo tempo comprometida e rebelde de entender o oficio teatral.

Carlos Caetano Biscaínho Fernandes

Actor, profesor e ensaísta especializado no sistema teatral galego. No ámbito actoral, seguiu estudos de Arte Dramática con Arkadi Nemirovski, Doina Fagadar, Liudmila Ukólova, Ángel Gutiérrez, Claude Buchvald e Jacques Nichet, e, para alén do seu traballo nos palcos, tense dedicado á formación de intérpretes, á crítica de espectáculos e á investigación do campo teatral galego, con especial atención ao papel da lingua como norma sistémica.
Integrante habitual do xuri do Premio de Interpretación Teatral “Maruxa Villanueva” do Concello de Padrón, ten publicado as monografías Un país desde as táboas. 125 anos de teatro galego (2008), A Escola Dramática Galega na configuración do sistema teatral (2007) e Conformando o brinquedo. Reflexións á volta da preparación do actor (2004). Aliás, editou o volume Leandro Carré. Teatro recuperado, publicado en 2011 pola Biblioteca-Arquivo Teatral “Francisco Pillado Mayor” e é coautor dos volumes O ideario teatral das Irmandades da Fala. Estudio e antoloxía (2002) e Talía na Crónica de Nós. Dez anos de teatro galego, 1990-1999 (2000). Igualmente, responsabilizouse, xunto con Xosé Manuel Sánchez Rei, da edición do volume Carvalho Calero. Ciencia, literatura e nación (2011).
Doutor en Filoloxía Galego-Portuguesa cunha tese sobre teatro contemporáneo galego, na actualidade exerce como profesor na Universidade da Coruña.