Ir o contido principal
Outras actividades

A significación histórica e cultural do Seminario de Estudos Galegos na Galicia do século XX

- Salón de Actos do Centro Cultural O Vello Cárcere

Francisco Calo Lourido, profesor xubilado, historiador e antropólogo, explicou a importancia do Seminario de Estudos Galegos, fundado en 1923, para a cultura e a ciencia de Galicia. Citando a influencia dos antecedentes no s. XIX, Calo debullou os moitos nomes senlleiros daquela entidade, as súas xeiras e métodos  de traballo, sempre multidisciplinares pero cunha importancia decisiva en temas humanísticos como a historia, a arqueoloxía ou a etnografía, e tratando sempre de enxergar a toda Galicia nos seus afáns por coñecer e defender a súa identidade diferenciada, como hoxe trata de facer tamén o Museo do Pobo Galego, herdeiro, en boa medida, do espírito daquel Seminario.

Conferencia: XXl, o século das cineastas, de Chelo Loureiro

- Salón de Actos do Centro Cultural O Vello Cárcere

Chelo afirmou sentirse unha traballadora de base e subliñou as dificultades das mulleres para chegar á dirección e as complicacións da produción. Aí está a presencia de só tres directoras de cine en España no século XX: Pilar Miró, Cecilia Bartolomé e Josefina Molina. Nos oitenta xorden Icíar Bollaín e Isabel Coixet.

Dáse o feito de que tiveron que pasar 82 anos para que unha muller gañase o Óscar, Kathryn Bigelow, e os titulares foron “a muller de James Cameron gaña o Óscar”.

Hoxe é importante o número de directoras que están traballando en España. Moitas saíron do movemento CIMA, Asociación de mulleres cineastas de medios audiovisuais, creado para fomentar unha presencia equitativa das mulleres na creación e nos medios audiovisuais, para conseguir unha sociedade máis igualitaria e diversa. Contou o caso de Carla Simón e o Oso de Berlín para Alcarrás. En 2018 o Festival de Cannes asinou a carta pola paridade e a diversidade no cine co compromiso de traballar pola igualdade entre homes e mulleres, facer os equipos de programación e de xurados paritarios e dar así a oportunidade ás mulleres de contar historias narradas de forma diferente.

Cando Chelo empezou a producir non había directoras en Galicia, con Sandra Sánchez fixo o primeiro documental, 2006. Rematou facendo una escolma das directoras máis salientables coas que conta hoxe Galicia.

Foi presentada por Pilocha como muller senlleira, de vida intensa que se reflicte en cada un dos seus numerosos traballos.

A conferencia deu inicio á semana de cine Mulleres Atlánticas organizada con motivo da celebración de “Lugo, Capital da Cultura do Eixo Atlántico 2023”.

Presentación do libro A historia de España baseose en falacias, de Francisco Calo Lourido

- Salón de Actos do Centro Cultural O Vello Cárcere

O autor, cunha longa traxectoria como arqueólogo, antropólogo e historiador, subtitulou a obra “Nin Reconquista, nin Imperio, nin estado ata o XVIII, nin Nación ata o XIX”, e desmiuzou, con numerosos detalles e anécdotas, diversas etapas da historia de España analizando as causas e os propósitos dos historiadores españois sobre todo a partir do s. XIX. Calo Lourido utilizou numerosas fontes documentais e bibliográficas para facer unha moi rigorosa e científica crítica historiográfica ata os nosos días, aportando 25 páxinas coas referencias bibliográficas usadas e mesmo transcritas directamente polo autor a través das máis de 600 páxinas de que consta a obra.

A historia de España baseose en falacias está publicado por Edicións Xerais. Presentou o acto o vicepresidente do Club Culural Valle-Inclán, Felipe Arias.

Xesús Alonso Montero presenta dous libros da súa autoría en Lugo.

- O Vello Cárcere, Panóptico

O catedrático, académico e escritor Xesús Alonso Montero presentou os libros Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética, editado por Galaxia (2022) e El nombre y la obra de Antonio Machado dentro de las coordenadas del franquismo, de Hércules de Ediciones (2022).
En palabras do profesor ”hai un Machado no que creo que podía dicir algo que é o Machado tal e como é entendido, tal como é editado, tal como é homenaxeado, tal como é vilipendidado tamén nos corenta anos da ditadura franquista”. Varias persoas deixaron testemuños para este libro de momentos importantes do acontecer machadiano daqueles anos.
Alonso Montero foi un dos valedores da RAG para que Florencio Delgado Gurriarán, poeta de Córgomo, exiliado en México, fose homenaxeado nas Letras Galegas. Citou dous libros, un de 1999 de Ricardo Gurriarán, parente de Florencio, e outro da investigadora Dolores Plá que recolle a longa entrevista que lle fixo en México no ano 1979, pouco antes do pasamento do noso protagonista. O profesor Alonso ocúpase de temas que non foron tocados por outros autores, cuestións sociolingüísticas, cuestións relacionadas co exilio, coa república, coa guerra civil e tamén co exilio interior. Un ensaio obrigado
Acompañaron ao autor Tonina Gay, presidenta do Club Cultural Valle Inclán, e Tati Mancebo, directora Comercial de Editorial Galaxia.

Ciclo de "Cine europeo 2022". Presentación do documental Escribir lo imposible, dirixido por Simone Saibene.

- Salón de Actos da Casa do Saber, Vicerreitorado

Na programación do ciclo de “Cine Europeo de 2022” proxectouse o documental Escribir lo imposible. O escritor Juan Tallón é o protagonista dun documental que narra a historia do proceso de creación de "Rewind", novela presentada dúas semanas antes do confinamento. da súa última novela "Obra maestra", e de como a nova realidade acabou apoderándose da ficción. Lugo foi a primeira cidade en proxectalo, tras a estrea na Sección DOC España da Semana Internacional de Cine de Autor de Valladolid – Seminci 2021, Cineuropa Compostela e no MaF do Festival de Málaga.
 O seu director, Simone Saibene asistiu ao acto e aportou novos datos sobre o protagonista asì como os avatares da rodaxe e realización.

Homenaxe do Valle-Inclán a Florencio Delgado Gurriarán nas Letras Galegas 2022.

- No seu Córgomo natal

O Clube Cultural Valle-Inclán iniciou a celebración das Letras Galegas de 2022, dedicadas a Florencio Delgado Gurriarán, cunha viaxe á comarca de Valdeorras, que se desenvolveu o día 20 de marzo, e que incluiu unha sinxela homenaxe ao escritor no seu Córgomo natal, no concello de Vilamartín.

O Club Cultural Valle-Inclán celebra as Letras Galegas de 2021 en homenaxe a Xela Arias.

- Salón de Actos do Vello Cárcere

Mª Xesús Nogueira cualificou de ano singular este das Letras Galegas por moitas razóns, unha derivada da pandemia que ocasionou que a Academia decidise moi tardiamente quen había ser a figura homenaxeada, que todo fose moi precipitado, un tanto frío, videoconferencias, distanciamento social... Xela como autora é tamén moi singular porque ten un perfil diferente ás figuras homenaxeadas outros anos, pola súa xuventude, pola súa modernidade, mesmo pola súa dimensión icónica. Aclarou o título da conferencia Busco a vida entre papeis, palabras súas dunha auto-poética do ano 1988, publicada na revista “Congostra”, na que afirmaba “En canto á miña biografía non sei que dicir, imos ver, que nacín en Lugo no 62, que desde os 7 anos vivo en Vigo onde me considero unha pedra máis, que estudiei o bacharelato e avandoneino despois todo polo impulso dunha adolescencia digamos que atormentada, pola falta de independencia e a consideración dun ensino por demais autoritario e vacuo, que busco a vida entre papeis pero fuxo literariamente de grupos e seitas, que como do que me pagan do meu traballo como correctora de estilo nunha editorial e as miñas traducións ao galego encargadas o elixidas”. Neste pequeno fragmento sintetízanse en boa medida dous trazos moi importantes dela, un ese buscar a vida entre papeis, ese vivir de oficios relacionados coa literatura e de vivir para a escritura e o outro esa independencia que sempre marcou o seu carácter, cunha biografía singular un tanto contracorrente. Co apoio gráfico dun PowePoint, a conferenciante expuxo a vida e obra de Xela Arias. Presentou o acto Tonina Gay.

O Club Cultural Valle-Inclán celebra as Letras Galegas 2019 en homenaxe a Antonio Fraguas

- Casa do Saber

Dentro dos actos cos que o C. Cultural Valle-Inclán celebra as Letras Galegas de 2019, conmemoración que dura todo o ano, o profesor de Historia, arqueólogo e antropólogo Francisco Calo Lourido deu unha conferencia sobre a súa relación persoal e profesional con don Antonio Fraguas. Ademais de facer un repaso completo sobre a súa vida, apoiado nunha presentación de imaxes, incidiu na importancia que para o dito autor e os seus coetáneos do grupo Nós e do Seminario de Estudos Galegos tiña "o sentimento da terra" e o traballo íncansable polo país, que souberon transmitir a xeracións futuras como o propio conferenciante detallou no seu propio caso e doutras persoas vinculadas no s. XX ao Instituto P. Sarmiento de Estudios Gallegos (do CSIC) e, ata hoxendía, ao Museo do Pobo Galego, do que Fraguas foi director e presidente do seu Padroado. Fixo a presentación Felipe Arias Vilas.

O Club Cultural Valle-Inclán celebra as Letras Galegas 2019 en homenaxe a Antonio Fraguas

- Casa do Saber

Incluída nas actividades que o C. Cultural Valle-Inclán organizou para conmemorar as Letras Galegas de 2019 dedicadas a Antonio Fraguas, celebrouse unha Mesa redonda, presentada e moderada por Felipe Arias, para tratar diferentes aspectos, algúns deles pouco coñecidos, da vida e obra do persoeiro homenaxeado. Xulián Parga, como antigo alumno de Fraguas no Instituto de Lugo nos anos 50, destacou a súa vocación pola docencia, baseada no respecto aos alumnos a na paixón por ensinar e por ensinar a aprender con criterios moi anovadores para a época. O profesor de Didáctica das Ciencias Sociais na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, Francisco R. Lestegás, analizou as achegas de Fraguas á disciplina da Xeografía, non tanto no ámbito investigador (que son escasas, pese á súa grande síntese publicada en 1953) como no ámbito docente e cultural no seu máis amplo sentido, dado o seu inxente saber en moitas materias. Elena Freire, profesora de Antropoloxía na Facultade de Humanidades de Lugo, puxo o foco na monumental obra de Fraguas sobre o traxe galego, considerándoa máis unha achega identitaria e visual, aínda que tamén cun extenso texto, publicada pola Fundación Barrié de la Maza en 1994 e inspirada por Filgueira Valverde, cando xa o propio Fraguas formaba parte, el mesmo e dalgún xeito, do patrimonio cultural galego. Xosé Carlos Sierra, antropólogo, ex-director do Museo Etnolóxico de Ribadavia e patrono do Museo do Pobo Galego, contextualizou a persoa e a obra de Fraguas desde as orixes do Seminario de Estudos Galegos ata o Museo do Pobo que acabou dirixindo e presidindo, resaltando o vínculo entre as dúas institucións e as relacións de Fraguas con moitos persoeiros de todo o século XX, converténdose nunha figura singular na erudición e na cultura galega dese período. No subseguinte coloquio debateuse sobre o carácter da celebración das Letras Galegas e a importancia de analizar as diferentes facianas, coas súas luces e sombras, dos persoeiros escollidos cada ano pola Real Academia Galega.

Sesións de Filmoteca. Presentación do filme Pelerinaxes, de Simone Saibene.

- Salón de Actos da Casa do Saber

O Valle-Inclán se suma á celebración das nosas letras coa proxección de tres película galegas  nas últimas sermanas, dentro da programación das "Sesións de Filmoteca" que teñen lugar en colaboración co CGAI, Filmoteca de Galicia.  Hoxe péchase o ciclo con Pelerinaxes. Felipe Arias Vilas fixo referencia ás viaxes como outro gran apartado de actividades do club que, por certo, estivo en moitos dos sitios que aparecen nesta película polo que é gratificante poder vela e contar co seu director, o italogalego Simone Saibene. Segundo Simone o filme xurdiu en 2013 trala lectura do libro de Otero Pedrayo que recolle a viaxe que fixo en 1926 con Vicente Risco e Ben- Cho-Shey, desde Ourense a Santo André de Teixido. O feito de vivir en Ourense e de que Santo André tivese unha importancia moi forte na súa vida levouno á realización da película e afondar na Galicia Contemporánea.  Cun orzamento mínimo e un equipo de doce persoas, rodaron o camiño en catorce días e as entrevistas en tres. O traballo máis importante foi o previo con ano e medio de preprodución. Prestouse moita atención á fotografía, todos os lugares están rodados en función da luz. O filme tivo un percorrido importante, gañou dous premios, e foi editado en DVD e libro por Edicións Galaxia. Foi presentado por Felipe Arias Vilas, vicepresidente do club.

Sesións de Filmoteca. Pesentación do documental Almoina: o heroe infame, de Breogán Riveiro, por Claudio Rodríguez Fer.

- Salón de Actos da Casa do Saber

Dentro do ciclo "Sesións de Filmoteca"  que o C.C. Valle-Inclán vén celebrando en convenio co CGAI, proxectouse o día 8 de maio o filme documental Almoina: o heroe infame (2018), de Breogán Riveiro. A película foi presentada e comentada polo profesor e escritor lucense Claudio Rodríguez Fer, que analizou os detalles da azarosa vida do lucense José Almoina, político masón que durante a guerra civil se exiliou á República Dominicana onde chegou a ser secretario do ditador Trujillo, para acabar fuxindo tamén deste logo de escribir, de xeito sucrsivo pero con identidades diferentes, unha diatriba e unha apoloxía daquel sanguinario personaxe. Persoa sen estudos recoñecidos pero de extraordinaria formación e cultura autodidacta, para Claudio Rodríguez, José Almoina, asasinado en México por orde de Trujillo, é unha importante pero curiosa  e contraditoria figura da primeira metade do s. XX no ámbito hispanoamericano.

Sesións de Filmoteca. Presentación das curtametraxes Maruxa e 13 estampas da traizón, de Juan de la Colina.

- Salón de Actos da Casa do Saber

Presentou ao director a artista plástica lucense Mónica Alonso e dixo que repasar o curriculum de Juan semella un relato marabilloso, parece poesía, tremendamente extenso é como se fixésemos un percorrido por todos os espazos da arte galega das últimas décadas. Juan titulou 13 estampas da traizón en galego para diferencialo do libriño de 14 gravados 13 estampas de la traición que Luís Seoane realizou desde o exilio arxentino, en plena Guerra Civil, co obxectivo de recadar fondos para a Fronte Popular. Peza asfixiante pero con un final libre e esperanzador. Faltaba facer unha análise e queda feita con esta curta. Maruxa é unha homenaxe á muller de Luis Seoane, persoa crave na súa carreira que, tras o falecemento do artista en 1979, dedicou a súa vida á recuperación e agrupamento do seu legado para Galicia, nun proceso que culmina en 1996 coa creación da Fundación Luís Seoane na Coruña.

O Club Cultural Valle-Inclán asinou convenio coa AGADIC

- AGADIC Santiago de Compostela

Os convenios de colaboración foron asinados polo director da Agadic, Jacobo Sutil Nesta, e os presidentes destas catro asociacións: María Antonina Gay Parga, do Club Cultural Valle-Inclán; Manuel Precedo Barbeito, do Cineclube Padre Feijoo de Ourense; Ramón Poza Magdalena, do Cine Club Pontevedra, e Xoán Manuel Novegil González-Anleo, do Cineclube Lumière de Vigo. A través destes acordos, faise efectiva a descentralización da programación do Centro Galego de Artes de imaxe, CGAI-Filmoteca de Galicia, fóra da súa sede da Coruña, de xeito que os catro cineclubs ofreceranlle ao seu público unha escolma de títulos seleccionados polo persoal da filmoteca galega e que, cando menos nun 25%, responderá ás suxestións de cada unha das devanditas asociacións. A Agadic, como entidade á que está adscrito o Centro Galego de Artes da Imaxe, asume a adquisición dos dereitos de emisión das producións, así como os gastos dos traslados e, de ser o caso, os custos de comisariados dos programas proxectados. Con tal fin, achega un máximo de 50.000 euros a esta rede de colaboración, repartidos a partes iguais entre os catro acordos. Estas extensións do CGAI insírense na liña de apoio da Consellería de Cultura e Turismo ao labor de difusión cinematográfica de e creación de novos públicos que desenvolven diferentes entidades no ámbito local e autonómico. Este é tamén o caso da ampla programación anual de ciclos e semanas de cine que a Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga) lles achega ás súas entidades asociadas a través do acordo de colaboración asinado coa Axencia Galega das Industrias Culturais.

O Club Cultural Valle-Inclán celebra as Letras Galegas 2018 cunha mesa redonda sobre "A situación actual da lingua galega"

- Casa do Saber

O C.C. Valle-Inclán pechou o ciclo dedicado ás Letras Galegas de 2018 cunha mesa redonda sobre o tema "A situación actual da lingua galega", presentada e moderada pola Secretaria do Clube Mª Carmen Longarela. A ensinante Teresa Cabello relatou o seu proceso de inmersión no ensino e na cultura de Galicia pese a ser ela de Valladolid, e incidiu na necesidade de que o profesorado -pero tamén toda a sociedade- asuma dun xeito máis determinante a importancia que ten a lingua galega para a pervivencia da súa identidade e para o seu propio progreso social, comezando pola xente máis nova. O profesor e escritor Manuel C. Matalobos aportou os datos estatísticos que veñen demostrar que é o idioma galego o que está en perigo, e precisamente entre as xeracións máis novas, ante a presión do español e máis do inglés, e non só como unha cuestión que afecte ó ensino senón, o que é máis grave, a toda a comunidade social. O xornalista e tamén escritor Antón Grande, repasando o emprego do galego nos medios de comunicación, puxo exemplos da falta de consideración para o idioma que, ademais, se acompaña dun uso moi escaso na prensa escrita e dixital e nas emisoras de radio, mentres que, mesmo na radio e televisión públicas galegas, non se trata co respecto e coidado que sería esixible. Un debate sobre o tema pechou a acto e o ciclo, dedicado este ano á figura de Mª Victoria Moreno Márquez, precisamente unha foránea que asumiu e defendeu como propia a lingua galega.

O Club Cultural Valle-Inclán rende homenaxe a Xesús Mato co gallo da concesión da Medalla Castelao

- Portomarín

Na habitual “Festa do socio” que anualmente celebra o C.C. Valle-Inclán, neste caso comendo o polbo en Portomarín e aproveitando para visitar tamén a igrexa de Mosteiro (Guntín) e o Balneario e Termas romanas de Lugo, o domigno 21 de octubre rendéuselle unha homenaxe a Xesús Mato Mato co gallo da concesión da Medalla Castelao que recibiu este ano e que vén recoñecer o inxente traballo social, cultural e, en fin, humano e de entrega ós demais deste sacerdote nacido en Paradela. Ós postres do moi agradable xantar comunitario, puxéronse de relevo os moitos méritos de Xesús Mato non só como cura sempre moi vinculado ó pobo, senón tamén como comunicador (coa voz e coa escrita), como musicólogo e promotor de grupos (varios coros, Galicia canta ó Neno, Fuxan os Ventos...), como etnógrafo recolledor da cultura popular tradicional (tanto oral coma musical), como defensor do Camiño de Santiago sobre todo durante a súa longa estadía en varias parroquias do Cebreiro onde promoveu a restauración de varias igrexas e, en fin, como contínuo e teimudo valedor de obras e tarefas humanitarias como as que desenvolve aínda hoxe Auxilia Lugo, etc.. O "padre Mato", como é coñecido popularmente, recibiu un agasallo do Clube Valle-Inclán en forma de libros, e el agradeceu a sinxela pero moi sentida homenaxe, recibida ademais nas súas terras do Miño.

O Club Cultural Valle-Inclán celebra as Letras Galegas 2018. Encontro cos "Novísimos"

- Casa do Saber

Dentro do ciclo dedicado ás Letras Galegas 2018, e para lembrar a publicación da antoloxía feita por Mª Victoria Moreno e titulada "Os Novísimos", na que se incluían seis autores lucenses, o 19 de octubre tivo lugar unha mesa redonda, presentada e moderada por Tonina Gay, na que participaron catro daqueles autores (Rábade Paredes xa dera unha conferencia o día 15 e Fiz Vergara Vilariño xa morreu lamentablemente hai varios anos). O prolífico escritor e tradutor Darío X. Cabana incidiu nas cualidades persoais da Victoria Moreno e reivindicou un maior recoñecemento para os autores "novísimos" recollidos na anotoloxía dado que todos eles tiveron e teñen unha obra importante e mesmo decisiva na literatura galega ata o presente. O escritor e activista cultural Lois Diéguez lembrou o contexto histórico no que apareceu a citada antoloxía, concidindo precisamente coas accións do C.C. Valle-Inclán naquela época e coas reinvidicacións democráticas e sociais dos pasados anos 70, moitas das cales teñen pervivencia hoxendía. A escritora, profesora e cineasta Margarita Ledo Andión, a única muller presente na antoloxía, chamou a atención precisamente no avance que se produciu no campo do recoñecemento do feminismo desde aquela publicación, pero non só na literatura senón tamén na sociedade e mesmo na linguaxe. Por último, e antes de celebrarse un animado coloquio, o poeta e filólogo Xvier Rodríguez Barrio, que coincidiu -el como alumno- no Instituto de Lugo coa autora homenaxeada, relatou a xénese do libro e diversas circunstancias que axudan a entender a obra de conxunto de Moreno Márquez.

O Club Cultural Valle-Inclán celebra as Letras Galegas 2018. Conferencia “A miña relación con Mª Victoria Moreno” de Xesús Rábade Paredes.

- Casa do Saber

Para comezar un ciclo dedicado ás Letras Galegas e á figura de Mª Victoria Moreno Márquez organizado polo C. Cultural Valle-Inclán e que conta cunha axuda da Deputación Provincial, o pasado día 15 de octubre tivo lugar na Casa do Saber de Lugo (Vicerreitoría da USC) unha conferencia do profesor e escritor chairego Xesus Rábade Paredes, que foi alumno e colaborador da escritora homenaxeada neste ano 2018. O conferenciante analizou polo miúdo a súa obra poética e narrativa e comentou a importancia da antoloxía dedicada ós "Novísimos", tema este que será tratado nunha posterior Mesa Redonda a celebrar no mesmo lugar o venres 19 de octubre. Rábade Paredes, ademais de lembrar a etapa de coincidencia entre profesora e alumno no Instituto de Lugo, debullou a relación e a incidencia entre a vida e a obra de Moreno Marquez, marcada polo sentimento, a bondade e a dedicación a un país e unha língua que para ela eran de adopción pero de sincera e sentida adopción, pois relatou a súa fonda implicación en varios proxectos e tarefas de ámbito galego, entre elas obviamente as docentes e as literarias, coincindo con ela na defensa da cultura e o idioma que, rematou, hoxe é máis necesaria ca nunca. A presentación correu a cargo de Felipe Arias Vilas, vicepresidente do club.

Presentación do CD Un polbo en San Froilán, de Foolmakers

- Salón de Actos da Casa do Saber

Pilocha, Paula Cores e Luís Vila presentaron o primeiro traballo discográfico de Foolmakers co título Un polbo en San Froilán que ven do concerto que deron nas Festas do San Froilán de 2016. Foolmakers é un grupo integrado por catro psiquiatras do HULA máis un músico profesional. De seu amplo repertorio seleccionaron oito temas que gravaron nun fin de semana, sen cortes nin arreglos de pistas. Tardou en saír polos atrancos que supuxeron, entre outros, os dereitos de autor. O disco ten un punto de cinismo bo. Todos os temas se relacionan coa alimentación fundamentalmente e coas relación dos homes e as mulleres, o amor. Famosos temas coñecidos versionados ao galego que lles da calidez e nos que buscaron o contraste, unha mistura do máis enxebre e o máis de fóra. A audición dunha selección de temas do CD completou o acto que estivo moderado por Tonina Gay.

O Club Cultural Valle-Inclán celebrou os cincuenta anos do nacemento de Voces Ceibes

- Casa do Saber

O Club Cultural Valle-Inclán celebrou os cincuenta anos do nacemento de Voces Ceibes cunha conferencia que pronunciou Pilocha baixo o título As Voces Ceibes: sen gaitas. Foi acompañada por ilustracións musicais. Pilocha fixo referencia ao ano 1968 como de revolución e contestación: a guerra do Vietnam, a morte de Martin Luther King, os movementos sociais, culturais e políticos de Méjico e, en España, folgas e manifestacións reprimidas polo goberno de Franco. En Santiago vivíase tamén unha efervescencia política: encerros, folgas, manifestacións, detencións, multas… En maio de 1967 Raimón dá un recital no Estadio da Residencia de Santiago. Traduciron ao galego as súas letras Carlos Casares e Salvador García Bodaño. Benedicto e Xavier dan un pequeno recital na Facultade de Filosofía en febreiro de 1968. O primeiro concerto ía ter lugar na Escola de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo, o 30 de marzo de 1968, pero foi suspendido polo gobernador civil. Celebrouse, as aghachadas, na casa do profesor Xesús Alonso Montero. O 26 de abril a Facultade de Medicina de Santiago sería escenario do recital no que participaron Benedicto, Xavier, Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso e Vicente Araguas. Musican aos nosos poetas. Caracterízase aquel tempo polas contínuas suspensión de recitais, pola férrea censura. Asinan un contrato con Edigsa, editorial de Barcelona, e gravan unha ducia de EPs. Xurdiron problemas de todo tipo e o colectivo esmorece en 1974. Presentou Tonina Gay

O Club Cultural Valle-Inclán retoma a programación das Sesións de Filmoteca a través do acordo co CGAI

- Delegación Territorial da Xunta en Lugo

O director da Agadic, Jacobo Sutil, e a presidenta do Club Cultural Valle-Inclán, Mª Antonina Gay, subscribiron na Delegación Territorial da Xunta en Lugo este novo acordo de colaboración, mediante o que a asociación repite en 2018 como unha das sedes da programación do Centro Galego de Artes da Imaxe, xunto coa sede da filmoteca na Coruña e os cineclubs Padre Feijoo de Ourense e Lumière de Vigo. As proxeccións serán programadas unha vez á semana, mércores, ás 19,30 h., na Casa do Saber -Vicerreitorado- da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A entrada para as Sesións de Filmoteca é gratuíta para os socios do Club Cultural Valle-Inclán e para a comunidade universitaria. O seu prezo para o público xeral é de 1 euro.

Tamara Andrés presenta o seu poemario Corpo de Antiochia.

- Librería Trama

O presentador do libro, Héctor Acebo –tamén prologuista do mesmo-, definiu Corpo de Antiochia como un océano de beleza crítica e introspectiva. Antioquía non só é contexto, senón tamén símbolo ideal da devastación (e da reconstrución) emocional; lembremos que, ao longo da Historia, a cidade turca —esplendorosa no mundo grecolatino— rexurdiu en diversas ocasións, vítima dos terremotos e mesmo de terribles asedios. Para Tamara, Bruselas simboliza Antiochia, cidade vinculada ao seu pasado porque toda a súa familia por parte materna emigrou alí. Unha Bruselas idealizada na que sempre quixo vivir. Viviu alí un ano, ao regreso atopou unha cidade totalmente destruída. Sinte a nostalxia dese pasado que é parte dela. Antiochia-muller. Os poemas foron nacendo tras unha reflexión sobre cousas que sucedían e que non entendía. Despois chegou a composición do libro. Rematou o acto coa lectura de tres poemas, un por cada parte de que se compón Corpo de Antiochia: desterro, camiño, regreso. O acto foi presentado por Tonina Gay, presidenta do clube.

Alberte Branco presenta Trazos do Chanfaina Lab.

- Casa do Saber

Alberte Branco presentou a curta Trazos que dentro da programación do "Chanfaina Lab" do ano 2017 programou o Club Cultural Valle-Inclán en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe –CGAI-. Alberte, director de fotografía, quixo participar na xuntanza de cineastas galegos que cada setembro se realiza en San Sadurniño e filmou esta curta na que fai referencia aos lugares preferidos dos veciños que se prestaron a colaborar. Aproveitou Alberte para dar a coñecer este experimento audiovisual que se realiza desde 2014 grazas á idea de Manolo González, Director da extinguida Axencia Audiovisual Galega, e a colaboración da concellaría de cultura do Concello de San Sadurniño. O nome de "chanfaina" alude a unha receita tradicional dos territorios de antigos señoríos, cando as partes "nobres " do animal entregábanselle aos señores, mentres as vísceras e as partes mais pobres quedábanse na cociña dos labregos, coas que preparaban a denominada "chanfaina", de grande tradición nas parroquias de Bardaos e Igrexafeita.

Mesa Redonda sobre O tráfico e o sistema ORA no concello de Lugo.

- Salón de Actos do Vello Cárcere

Anabel Gulías, Concelleira de Urbanismo do Concello de Pontevedra, explicou a transformación producida nesta cidade ó fomentarse a mobilidade das persoas e limitar a presenza dos automóbiles, con diferentes gradacións segundo as zonas do concello. Pablo Veiga, representante do colectivo Masa Crítica de Lugo, avogou por potenciar máis a circulación e mobilidade en bicicleta, algo posible na cidade dada a súa dimensión e disposición topográfica, a maiores da importante repercusión medioambiental que iso supón. Mercedes Corral, presidenta da Asociación de Veciños de Bosende, reclamou un mellor servizo do transporte público nas súas frecuencias e rutas, así como a regulación definitiva do sistema de aparcamento. Miguel Fernández, concelleiro e voceiro do PSOE no Concello de Lugo, resumiu os plans e proxectos que no tema do tráfico e mobilidade ten o actual goberno municipal, tanto no relativo á organización do tráfico (por ex. coa súa ralentización), a progresiva peonalización dalgunhas zonas, a reformulación do sistema ORA... temas todos eles nos que hai unha gran controversia. Logo das intervencións tivo lugar un coloquio no que se debateron algúns dos temas tratados polos participantes na mesa e no que se puxo de relevo a importancia que ten o tema do tráfico para unha boa convivencia das persoas e resaltouse a urxente necesidade de emprender accións concretas e decididas no canto de teorizar continuamente sobre proxectos e plans que é difícil ver cumpridos. Foi presentada e moderada por Mª Carmen Longarela, secretaria do Club.

O Club Cultural Valle-Inclán celebra as Letras Galegas de 2017 dedicadas a Carlos Casares.

- Casa do Saber

Para celebrar as Letras Galegas deste ano 2017 dedicadas a Carlos Casares, o Clube Valle-Inclán organizou unha Mesa Redonda que tivo lugar o 6 de xuño na Casa do Saber da USC en Lugo, moderada pola presidenta do Clube Tonina Gay e coa participación de Tucho Calvo (escritor e xornalista), Dolores Vilavedra (profesora da USC) e Grial Parga (analista cultural en medios de comunicación). Tucho Calvo lembrou os seus numerosos contactos e conversas con Casares, analizando a postura do escritor no seu contexto político e cultural e destacando o seu papel no Parlamento galego e no ámbito institucional ao tempo que producía obras de creación literaria e unha abundante colaboración na prensa periódica. A profesora Vilavedra centrouse nos aspectos máis literarios de Carlos Casares, debullando os inicios da súa narrativa e a súa posterior evolución ó mesmo tempo que asumía o desempeño de cargos políticos e culturais que completaban unha tan complexa como atractiva personalidade,que se viu cortada por unha morte prematura. Grial Parga, que analizou polo miúdo as colaboracións xornalísticas de Casares, tamén salientou varios aspectos da súas relacións con Ramón Piñeiro e con outros persoeiros do seu tempo, nunha etapa na que o papel social do escritor ourensán foi moito máis aló da súa importancia como literato para converterse nunha completa referencia cultural no seu país.

Eloy Domínguez Serén presenta a súa película No cow in the ice.

- Casa do Saber

Programada dentro das "Sesións de Filmoteca" do Club Cultural Valle-Inclán, en colaboración co CGAI. Tras unha licenciatura en Comunicación e un máster viuse obrigado a emigrar. Eloy comentou a súa experiencia como traballador da construción en Suecia e o proceso de realización do seu filme que iniciou cun teléfono móbil. A aprendizaxe da lingua, a estadía no país nórdico durante dous anos e a axuda daquel país para a presentación do filme no festival Visions du Réel (Suiza). Aproveitouse para falar de novos proxectos e do seu traballo como profesor de cine nos campamentos de refuxiados saharauís de Tindouf (Argelia). Rematou o acto cun animado coloquio entre director e público asistente.