Ir o contido principal
ACHEGÁMONOS ÁS EXPLOTACIÓNS AURÍFERAS ROMANAS DO ORIENTE DE LUGO E AOS CASTROS DO NORTE DA PROVINCIA
ACHEGÁMONOS ÁS EXPLOTACIÓNS AURÍFERAS ROMANAS DO ORIENTE DE LUGO E AOS CASTROS DO NORTE DA PROVINCIA
Museo Provincial de Lugo. 20:00:00

CASTROS GALAICOS E MINAS ROMANAS NA PROVINCIA DE LUGO

Entre as etapas ou fenómenos históricos de maior relevancia na historia de Galicia e por tanto da provincia de Lugo, e que ademais ten unha moi importante representación ou manifestación no ámbito patrimonial, están o mundo dos castros prerromanos e galaico-romanos e as explotacións auríferas romanas.
Por iso, o Club Cultural Valle-Inclán considera de moito interese organizar e desenvolver, de xeito aberto para todo de tipo de público, un ciclo cunha parte teórica e outra práctica, para tratar, por unha banda, dos castros galaicos do norte e nordés lucense incluíndo entre eles o de Taramundi por canto este pertencía orixinariamente ó Conventus Lucensis, e, por outra banda, que contemple o tema das explotacións mineiras auríferas romanas, tanto sobre xacementos primarios ou sobre rocha (nas serras orientais lucenses) como secundarios ou de aluvión (no val do río Sil, entre outros).
As catro conferencias previstas serán impartidas por especialistas con ampla experiencia no estudo arqueolóxico e histórico daqueles dous temas referidos, o mundo castrexo e a etapa galaico-romana.
Para complementar axeitadamente o ciclo teórico, o Valle-Inclán organiza a realización de dúas viaxes, guiadas polos mesmos conferenciantes ou  outras persoas especialistas na materia: unha das viaxes centrarase nos castros do nordés e do norte lucense, fundamentalmente de tipo costeiro pero incluíndo o asturiano de Taramundi, e a outra fará un percorrido por algunhas das explotacións romanas máis importantes do val do Sil (como as da zona de Montefurado) e da Serra do Courel (como as minas da Toca e do Torubio).         

PROGRAMA DE CONFERENCIAS E VIAXES:

Martes 15 de outubro.- Aurelia Balseiro García (directora do Museo Provincial de Lugo): “A tradición ourive na historia antiga da Mariña lucense”
Xoves 17 de outubro.- Luís López González (arqueólogo profesional, empresa Terra-Arqueos): “A minería romana do ouro no S.E. da provincia de Lugo”
Domingo 20 de outubro.- Viaxe polas minas romanas lucenses do Sil e do Caurel (Montefurado, castros e minas do val do Lor...).
Martes 5 de novembro.- Ángel Villa Valdés (arqueólogo da Consejería de Cultura do Principado de Asturias): “Os castros do occidente asturiano e a súa relación coa minería aurífera”
Xoves 7 de novembro.- Emilio Ramil González (arqueólogo profesional, empresa AXA Arqueoloxía): “Os castros da costa oriental lucense”
Domingo 10 de novembro.- Viaxe polo Eo e a Mariña oriental lucense (castros de Taramundi, As Grobas de Ribadeo e Fazouro, Rinlo...).

Para o desenvolvemento deste ciclo contamos cunha axuda de Vicepresidencia Primeira -Cultura- Deputación de Lugo.