Ir o contido principal
EL MAL DE LA MURALLA
EL MAL DE LA MURALLA
Galería Sargadelos. 20:00:00

O Club Cultural Valle-Inclán presenta o libro El Mal de la Muralla, de Jesús García Calderón. O autor estará acompañado por  Felipe Arias Vilas e Tonina Gay.

O Mal da Muralla é, sen lugar a dúbidas, un texto moi singular. Formulado como unha longa epístola sentimental, en contestación á epístola moral que lle dirixise ao autor en forma de libro e hai máis de dez anos o filósofo Xosé Alvilares, condúcenos a unha lúcida reflexión sobre tempo, a cidade, o amor á literatura ou o verdadeiro compromiso social e moral co ámbito que parece, nestes axitados anos, máis necesaria que nunca. Cando a finais de 1995 Jesús García Calderón acudiu destinado a Lugo como o seu novo Fiscal Xefe, pronto comprendeu que a impoñente muralla romana que rodea a vella cidade influía de xeito silencioso e positivo nalgúns dos seus habitantes. Este descubrimento xunto ao achado da poesía de Luis Pimentel e outros regalos literarios que lle deparou a súa longa estanza en Galicia, que se prolongaría ata o ano 2001, permitíronlle afondar neste fenómeno e obter un cúmulo de conclusións e propostas que quixo verquer neste breve e evocador ensaio. O autor transcende dende o ámbito puramente local e fálanos, en definitiva, de moitas cidades e murallas de todo o mundo que habitan no noso interior e que necesitamos cada día máis para descifrar esa escritura invisible da existencia.

Jesús García Calderón. Naceu en Badajoz, en 1959. Xurista, poeta narrador e ensaísta. Ten  desenvolvido dende 1991, cando a Colección Adonais lle publicase La Provincia, o seu primeiro libro, unha obra poética moi persoal, tan recoñecida como afastada de grupos ou cenáculos literarios, que foi definida por Antonio Carvajal pola súa fonda verdade como unha forma de poesía da vivencia e baseada nun amplo conxunto de valores individuais e sociais. Entre os seus libros destacan La moneda secreta (1996), Un lugar en el Norte (1998), Hacer es destruir (2003), La soledad partida (2006), Los nudos de la vida (2006) ou La mirada desnuda (2012). En 2009, a Revista Literaria Ánfora Nova dedicoulle un extenso número monográfico co título La lúcida voz de la memoria.
Previamente, en 2001, publicara un conxunto de relatos na colección La Gaveta de la Editora Regional de Extremadura co título Los regalos sombríos.
No seu labor como xurista e humanista, é dende 2001 o Fiscal Superior de Andalucía, destacan os seus traballos para a defensa do Patrimonio Histórico ou os seus esforzos por desenvolver un novo dereito a comprender erradicando a incomprensión e os excesos habituais da linguaxe xurídica.
É Académico das Reales Academias de Bellas Artes e de Jurisprudencia e Legislación de Granada.