![](/sites/default/files/peliculas-2022-05/pharos_of_chaos_ficha_%282%29.jpg)
Pelerinaxes é un filme inspirado no libro Pelerinaxes I de Ramón Otero Pedrayo. A película fai o mesmo camiño que fixeron, en 1927, Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey, entre Ourense e Santo André de Teixido (Cedeira). Un camiño que comeza na Praza do Ferro da cidade das Burgas e percorre diversas localidades das provincias de Ourense, Lugo e A Coruña (Vilamarín, Monterroso, Palas de Rei, Lugo, Rábade, Vilalba, As Pontes de García Rodríguez e Ortigueira, entre outros).
Protagoniza a longametraxe a actriz lucense Carmen Méndez, que encarna a Luzía, unha investigadora licenciada en audiovisual que percorre as oito etapas do camiño entre Ourense e Santo André, para rematar un proxecto audiovisual iniciado na universidade sobre o libro de Otero Pedrayo xunto a un compañeiro, falecido anos atrás nun accidente. Pelerinaxes, que se sitúa entre a ficción e o documental, alterna o traxecto realizado pola protagonista con entrevistas a homes e mulleres, figuras do mundo cultural galego coma Laura Tato, Valentín Carrera, Patricia Arias Chachero, Susana Reboreda, Carme Fernández-Pérez Sanjulián, Pablo Gallego, Luis Martínez Risco ou Alberto Allegue.
A finalidade da película é dar a coñecer ese camiño tan importante realizado polos pais da cultura galega, e facelo dunha forma máis actual e entretida. Pelerinaxes fai unha homenaxe a esa viaxe na busca da identidade galega, sobre o mesmo camiño de Ourense a Santo André de Teixido a día de hoxe e a través dos ollos dunha moza que investiga sobre o seu pasado. Os camiños pouco andados coma este, hai que ensinalos. O relato de Otero é algo máis que un diario de viaxe: é todo un universo cultural o que pousa e aniña entre as notas de Pelerinaxes. O documental visibiliza unha Galicia pouco coñecida e, ao mesmo tempo, pona en valor dende un punto de vista cultural e turístico.
VOG
Presenta o director, Simone Saibene