
A irresistible personalidade dun Sterling Hayden xa retirado en Francia descóbrenos neste magnético documental unha figura que vai alén do actor que nos namorou en La jungla de asfalto ou Johnny Guitar. Botando a vista atrás só tres anos antes da súa morte, o intérprete, experto mariñeiro, relátanos como chegou a comandar un convoi de 400 barcos con provisións para os partisanos iugoslavos asediados polo exército alemán ou como, moito antes diso, xa dera a volta ao mundo no seu navío. Este flirtear con Tito levouno a vincularse fugazmente ao partido comunista, polo que tivo que render contas ante o Comité de Actividades Antiestadounidenses. Baixo ameaza delatou a varios dos seus compañeiros, o que lle valeu apoios en Hollywood mais deixoulle unha fonda ferida que tentaría pechar coa bebida e que acabaría por repercutir na súa decisión de deixar a actuación. Estes e outros acontecementos son os que confesa ante a cámara de Bühler, quen tamén adaptaría a súa aclamada autobiografía á gran pantalla.
VOSE