Para que serve unha revolución? Unha revolución crea outras posibilidades de vida. Esa é a premisa da que parte este filme, que toma como caso de estudo a última das grandes revolucións europeas, a que tivo o seu comezo o 25 de abril de 1974 en Portugal, profunda nas súas raíces coloniais, e reflexiona sobre o seu final o 25 de novembro de 1975. Que podemos aprender dese período de 19 meses, do denominado PREC (Proceso Revolucionario en Curso)? Que imaxes deixa esta revolución popular que empezou como un golpe de estado militar?
Este ensaio audiovisual, construído con algúns dos traballos cinematográficos máis importantes do período e con materiais de arquivo televisivo e das cooperativas cinematográficas xurdidas á calor do proceso, é unha reflexión sobre a forza política destas imaxes, sobre o legado que nos deixan, e sobre o papel dos arquivos, o cinema, os medios de comunicación e a representación en xeral nas nosas loitas contemporáneas. A revolución (é) probable fálanos, ademais, do fráxil estatuto de documento das imaxes como “proba”, e da posibilidade real de aprender da historia desde o presente.