Harriet e a familia viven nas marxes do río Ganxes. Seu pai dirixe unha plantación de xute e ela, as catro irmáns e o traste do irmán pequeno viven unha vida tranquila como expatriados. As súa vidas dan unha viraxe cando o Capitán John chega para pasar unha temporada na casa do veciño e amigo da familia. Harriet, a irmá máis vella Valerie e dúas amigas compiten polo afecto do Capitán John. As tensións, celos e disputas entre eles desenvólvense no contexto do seu país de adopción e do río que flúe marcando a pasaxe do tempo e os inevitables cambios.
El río narra as vivencias dunha familia occidental na India a comezos dos anos 40. O espertar adolescente, a curiosidade infantil infatigable, o descubrimento da dor, a perda da inocencia para entrar na idade adulta, a aceptación da vida como un gran río en que a auga flúe sen pausa. Serán os temas fundamentais en que se centrará a trama. "O río pasa e doe medrar", di Harriet.
Baseada na novela homónima do escritor Rumer Godden, El río foi a primeira película en cor de Jean Renoir e é unha das obras chave da súa filmografía. Rodada integramente na India, obtivo un grande éxito internacional (Premio Internacional no Festival de Cine de Venecia en 1951) e o público acudiu ás salas atraído polas bonitas imaxes rodadas na India en Technicolor: vistas documentais do bazar cheo de postos, do Festival das Luces de Diwali, o culto á deusa Kali, o encantador de serpes, os traballadores cargando fardos de xute, os pescadores nas súas barcas…
O director Wes Anderson comentou que El río foi o que determinou rodar Viaje a Darjeeling na India despois de que Scorsese, para quen é unha das súas películas favoritas, lle descubrise a película.
VOSE
1952: Premios BAFTA: Nominada a mellor película e film británico
1951: Festival de Venecia: Premio Internacional
1951: Círculo de Críticos de Nova York: Nominada a mellor película
1951: National Board of Review: Top Mellores películas estranxeiras