A finais dos anos 70 en México tivo lugar unha experiencia totalmente revolucionaria. Un colectivo de estudantes de cinema conformaron un grupo de activistas para reivindicar os dereitos das mulleres nunha sociedade patriarcal que fomentaba a desigualdade. O Colectivo Cine Mujer contaba historias íntimas, de maneira directa e sen complexos, lonxe de discursos e estéticas institucionais. Con cámaras de 16 milímetros e sen preocuparse polas técnicas profesionais de rodaxe fixeron un cinema de enorme vitalidade, apegado á realidade e moi reivindicativo. A experiencia durou unha década e pouco a pouco as integrantes foron encontrando outros lugares, sempre secundarios e marxinais, dentro dunha industria que voltou as costas ao Colectivo.
Foi en 2022 no Festival Internacional de Cine de Valdivia, en Chile, onde os filmes foron rescatados do esquecemento e restaurados dixitalmente. Entón comezou unha segunda vida para o Colectivo. As imaxes duras e realistas, o discurso íntegro e reivindicativo destes filmes atoparon por fin un público disposto a aceptalo, no contexto do movemento me too e de todas as denuncias de maltrato e discriminación dentro da industria cinematográfica. Foi un triunfo absoluto dun cinema que aínda hoxe aparece adiantado ao seu tempo. Os filmes do Colectivo Cine Mujer falan das renuncias das mulleres condenadas a ser amas de casa, de temas aínda por resolver como o dereito ao aborto e a liberdade sexual, as reivindicacións pola igualdade laboral e a solidariedade de xénero.
As películas serán proxectadas por primeira vez en Galicia en dúas sesións, os días 15 e 16 de decembro.
Día 15: Cosas de mujeres (Rosa Martha Fernández, 1975-1978), Rompiendo el silencio (Rosa Martha Fernández, 1979)
Día 16: Vicios en la cocina, las papas silban (Beatriz Mira, 1978), Bordando la frontera (Ángeles Necoechea, 1986)
En colaboración coa Asociación Juan Casaveteiro.
Entrada libre e de balde.