Este libro é máis un contributo para desvendar a verdadeira Rosalía e a real significación da súa obra da man de quen, con obras fundamentais como Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro (1988) ou Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (2011), contribuíu como ninguén a deitar por terra os estereotipos e deturpacións interesadas sobre a nosa autora nacional e a restaurar a súa figura.
Reúnese aquí unha colección de artigos publicados por Francisco Rodríguez nos últimos anos en diversos dixitais, xornais e publicacións especializadas, sempre co ánimo de facer chegar ao grande público unha outra imaxe de Rosalía de Castro, resultado de anos de investigacións e análises rigorosas, fiel á realidade mais aínda hoxe non plenamente asumida.
Terá lugar no Salón de Actos de O Vello Cárcere o venres, día 13 de febreiro de 2026, ás 19:30 horas, coa presencia do autor, Francisco Rodríguez, e o prologuista do libro, Néstor Rego. Presentará Tonina Gay, presidenta do Valle-Inclán.
Francisco Rodríguez (1945), Doutor en Filoloxía Románica, é escritor, crítico literario e historiador.