O Club Cultural Valle-Inclán presenta o libro Arcadia. Os gardiáns do segredo, de Alberte Blanco Casal. O autor estará acompañado por Branca Rodríguez Pazos e Tonina Gay
Roi Pereira, correspondente dun importante xornal francés, chega ao Cairo coa misión de redactar unhas crónicas sobre o desenvolvemento dos traballos nuns xacementos arqueolóxicos de Alexandría e Guiza. Mais o tranquilo acontecer cotiá rómpese ao aparecer asasinada en estrañas circunstancias Carol Ardent, a directora do grupo de Alexandría, e ao descubrirse a desaparición duns importantes códices e tabelas de arxila en posesión da arqueóloga. Ao pouco tempo aparece a noticia da morte, en Nápoles, do cardeal Castigliani en circunstancias parecidas. En ambos os dous asasinatos os cadáveres amosan unhas misteriosas figuras xeométricas e outras manipulacións. A investigación dos crimes, á que se incorpora Roi Pereira e o experto do Vaticano Xacobe de
Ulloa, conduce á descuberta dunhas enigmáticas mensaxes que os mergulla nun mundo sórdido e velado no que as tensas relacións internacionais se van entrelazando cuns relevantes achados pertencentes ás antigas civilizacións de Exipto e Mesopotamia.
Alberte Blanco Casal
Profesor numerario de Tecnoloxía de Ensinanza Secundaria. Entre 2005 e 2009 foi Director Xeral de Montes da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galiza. Participou na obra colectiva “Os incendios forestais en Galicia”, editada polo Consello da Cultura Galega en 2006 e coordinada por Francisco Díaz-Fierros e Plácido Baamonde. É colaborador de varios diarios dixitais, ademais da revista do Fórum Galaico Transmontano editada en Chaves (Portugal). En abril de 2013 publicou a súa primeira novela: Arcadia. Os gardiáns do segredo.