Visitamos A Domus do Mitreo. É o único lugar onde se pode apreciar perfectamente como a muralla se cimentou sobre parte dun edificio altoimperial (séculos I - III d.C.) que era unha impresionante domus ou gran casa con varias dependencias e mesmo estancias pintadas e con mosaicos.
Máis tarde, entre os séculos III e V, ampliouse dita domus e erixiuse un mitreo ou pequeno templo para dar culto ao deus Mitra, orixinario do Mediterráneo oriental pero transmitido ata os límites fisterráns do Imperio sobre todo por alto persoal militar e administrativo, como o centurión Victorius Victorinus que dedicou a ara en nome da statio (oficina militar -e seguramente recadadora de impostos-) de Lucus Augusti.
Despois degustaremos a xa tradicional pulpada do socio que compartimos pasadas as festas do San Froilán.