Alfoz. 10:30:00
Saímos ás dez e media da mañá cara ás vellas terras de Alfoz, que conserva necrópoles megalíticas de hai 5.000 anos pola parte que mira á Serra do Xistral pero tamén en zonas máis baixas, e que, ademais de varios castros, ten a súa historia moi marcada polo Mariscal Pedro Pardo de Cela, que por aquí (por Castro de Ouro e pola fortaleza pétrea da Frouxeira) andou antes de ser axustizado en Mondoñedo en 1483.
Visitaremos primeiro ás igrexas de Santiago de Adelán e de San Vicente da Lagoa, para rematar a mañá no castelo e capela do Castro de Ouro. Celebraremos o Xantar do socio no restaurante O Frenazo (A Seara-Alfoz). Pola tarde, paseo pola Finca Galea (Museo da Auga) e saída para Lugo facendo unha parada en San Martiño de Mondoñedo.