
Los objetos amorosos supón o debut na longametraxe de ficción de Adrián Silvestre cunha historia sinuosa e desconcertante. Luz, emigrante colombiana, chega a Roma para traballar duro e poder traer consigo o seu fillo de dous anos. Pero coñecerá a Fran, por un divertido equívoco, e a súa visión da vida mudará por completo. Velaquí a historia de dúas mulleres fronte ao mundo, mais non no sentido ao que nos ten afeitos o cine convencional. Silvestre mestura formatos e xéneros, desvirtúa expectativas e rompe moldes, converte unha crónica social nun relato de aprendizaxe, unha película política nunha peculiar historia de amor. E o seu pulso narrativo nunca cede por moito que o filme cambie de ton constantemente e nos conduza dende o hotel no que comeza a traballar Luz ata unha vila romana deshabitada, onde a historia encontra a súa culminación. Impresionantes interpretacións de Laura Rojas Godoy e Nicole Costa.