Ir o contido principal
Isto non é unha película
Ciclo
Esto no es una película
Data de proxección
Director
Jafar Panahi, Mojtaba Mirtahmasb
Pais
Irán
Ano da produción
2011
Xénero
Documental | Documental sobre cinema
Duración
75
Produtores
Jafar Panahi Film Productions
Director de Fotografía
Mojtaba Mirtahmasb, Jafar Panahi
Guión
Jafar Panahi
Sinopse

Isto non é unha película é o último traballo do cineasta Jafar Panahi, quen foi condenado en 2010 a non volver rodar nin viaxar ao estranxeiro durante 20 anos por considerar que o seu cinema atacaba ao réxime iraniano. Panahi desafía esta imposición xunto a Mojtaba Mirtahmasb, quen, na súa mirada e dirección tras a cámara, converte o mundo privado do cineasta nun espazo de representación pública.
A película supera a reflexión sobre que é o cinema, entre o documento e a ficción do documento, para converterse nun acto de desobediencia civil no propio oficio de cineasta. É un testemuño sobre a liberdade artística, pero tamén sobre a idea, o tempo e a función do cinema. Isto non é unha película supón así mesmo un cambio nunha cinematografía tan excepcional como a iraniana, na que o hermetismo poético dá paso a un realismo desprovisto de ficción.

Isto non é unha película chegou misteriosamente ao Festival de Cannes de 2011, dise que nun USB dentro dun pastel.

Jafar Panahi
Jafar Panahi (Irán, 1960) cineasta, guionista e produtor iraniano, un dos máis influentes da chamada nova onda iraniana.

Estudou dirección na Facultade de Cinema e Televisión da Universidade de Teherán. Comezou a súa carreira profesional rodando varias películas para TV e traballou como axudante do director Abbas Kiarostami na película A través das oliveiras (1994).

Coa película O globo branco, con guión de Abbas Kiarostami, gañou o “Caméra d´Or” en 1995 no Festival de cinema de Cannes. O espello (Ayneh) (1997) foi premiado co “Leopardo de Ouro” no Festival Internacional de Cinema de Locarno e O círculo (Dayereh) (2000), no que criticou a forma en que son tratadas as mulleres na República Islámica de Irán, mostrando as vexacións cotiás a que son sometidas e a súa falta de liberdade, gañou o “León de Ouro” no Festival de Cinema de Venecia e o premio da FIPRESCI daquel ano no Festival Internacional de cinema de San Sebastián. O círculo foi seleccionado tamén entre os 10 mellores filmes do ano 2000 polos críticos. Sangue e ouro (2003), foi mostrada ese ano na Semana Internacional de Cinema de Valladolid onde gañou -ex aequo con Osama, do afgán Siddiq Barnak- a “Espiga de Ouro”; no Festival de Cannes conseguiu o premio do xurado da sección “Un Certain Regard”. Fóra de xogo (Offside) (2006) na que conta a historia dunhas mozas que se disfrazan de rapaces para poder asistir a un partido de fútbol foi seleccionada para a sección oficial a competición do Festival de cinema de Berlín onde conseguiu o “Oso de Ouro”. Proxectouse en Lugo na Semana Internacional de Cine de Autor de Fonmiñá.

Panahi mostrara publicamente o seu apoio a Mirhossein Musavi durante as disputadas eleccións que deron a victoria ao actual presidente de Irán, Mahmud Ahmadineyad. O 30 de xullo de 2009 foi detido no cemiterio de Teherán onde asistira, xunto a un numeroso grupo de persoas, ao enterro de Neda Agha-Soltan, a rapaza iraniana asasinada durante as protestas electorais a mans da milicia ‏Basij. A noticia puido coñecerse polo blog dun activista residente en Irán. Máis tarde foi liberado, pero retiróuselle o pasaporte coa prohibición de abandonar o país. O 1 de marzo de 2010 foi detido de novo e tamén a súa muller o fillo, a filla e varios amigos que foron postos en liberdade ás poucas horas.

Grazas á mobilización internacional en favor da súa liberación, e tras dez días en folga de fame, o 25 de maio de 2010 Panahi saíu do cárcere baixo fianza de 2.000 millóns de riales, equivalente entón a uns 160.000 €. Estivo 88 días na cadea e sufriu malos tratos. Non obstante, o 20 de decembro de 2010 foi condenado a 6 anos de cárcere e 20 de inhabilitación para facer cinema, viaxar ao estranxeiro ou conceder entrevistas. Panahi apelou a sentenza, pero en outubro de 2011 un tribunal de Teherán confirmou a pena que lle deran. O delito que se lle imputa é "actuar contra a seguridade nacional e facer propaganda contra o réxime". Cumple os seis anos en arresto domiciliario.

Jafar Panahi xunto coa avogada Nasrin Sotoudeh foron galardoados no ano 2012 co Premio Sájarov del Parlamento Europeo á liberdade de conciencia. Denominado así en memoria do científico e disidente soviético Andrei Sájarov, concédese anualmente polo Parlamento Europeo dende 1988 a persoas ou organizacións que contribuíron significativamente á loita polos dereitos humanos ou a democracia.
"Ao conceder o Premio Sájarov á liberdade de conciencia aos iranianos Nasrin Sotoudeh e Jafar Panahi o Parlamento Europeo envía unha mensaxe de solidariedade e recoñecemento a unha muller e un home que non sucumbiron ao medo e á intimidación e que decidiron antepoñer a sorte do seu país á súa. Espero sinceramente que poidan vir a Estrasburgo a recoller o premio en persoa o próximo mes de decembro", sinalou o presidente do PE, Martin Schulz, ao anunciar os nomes dos galardoados. Panahi no puido acudir porque sigue en arresto domiciliario e a súa cadeira quedou valeira simbolicamente como se fixo con anterioridade nos festivais de Berlín e Cannes aos que fora invitado en 2010. Recolleu o premio a súa filla.


Premios
Seccións oficiais de Cannes, Toronto, Nova York, e Gijón.