Ir o contido principal
Outras actividades

Sesións de Filmoteca. Presentación das curtametraxes Maruxa e 13 estampas da traizón, de Juan de la Colina.

- Salón de Actos da Casa do Saber

Presentou ao director a artista plástica lucense Mónica Alonso e dixo que repasar o curriculum de Juan semella un relato marabilloso, parece poesía, tremendamente extenso é como se fixésemos un percorrido por todos os espazos da arte galega das últimas décadas. Juan titulou 13 estampas da traizón en galego para diferencialo do libriño de 14 gravados 13 estampas de la traición que Luís Seoane realizou desde o exilio arxentino, en plena Guerra Civil, co obxectivo de recadar fondos para a Fronte Popular. Peza asfixiante pero con un final libre e esperanzador. Faltaba facer unha análise e queda feita con esta curta. Maruxa é unha homenaxe á muller de Luis Seoane, persoa crave na súa carreira que, tras o falecemento do artista en 1979, dedicou a súa vida á recuperación e agrupamento do seu legado para Galicia, nun proceso que culmina en 1996 coa creación da Fundación Luís Seoane na Coruña.

O Club Cultural Valle-Inclán asinou convenio coa AGADIC

- AGADIC Santiago de Compostela

Os convenios de colaboración foron asinados polo director da Agadic, Jacobo Sutil Nesta, e os presidentes destas catro asociacións: María Antonina Gay Parga, do Club Cultural Valle-Inclán; Manuel Precedo Barbeito, do Cineclube Padre Feijoo de Ourense; Ramón Poza Magdalena, do Cine Club Pontevedra, e Xoán Manuel Novegil González-Anleo, do Cineclube Lumière de Vigo. A través destes acordos, faise efectiva a descentralización da programación do Centro Galego de Artes de imaxe, CGAI-Filmoteca de Galicia, fóra da súa sede da Coruña, de xeito que os catro cineclubs ofreceranlle ao seu público unha escolma de títulos seleccionados polo persoal da filmoteca galega e que, cando menos nun 25%, responderá ás suxestións de cada unha das devanditas asociacións. A Agadic, como entidade á que está adscrito o Centro Galego de Artes da Imaxe, asume a adquisición dos dereitos de emisión das producións, así como os gastos dos traslados e, de ser o caso, os custos de comisariados dos programas proxectados. Con tal fin, achega un máximo de 50.000 euros a esta rede de colaboración, repartidos a partes iguais entre os catro acordos. Estas extensións do CGAI insírense na liña de apoio da Consellería de Cultura e Turismo ao labor de difusión cinematográfica de e creación de novos públicos que desenvolven diferentes entidades no ámbito local e autonómico. Este é tamén o caso da ampla programación anual de ciclos e semanas de cine que a Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga) lles achega ás súas entidades asociadas a través do acordo de colaboración asinado coa Axencia Galega das Industrias Culturais.

O Club Cultural Valle-Inclán celebra as Letras Galegas 2018 cunha mesa redonda sobre "A situación actual da lingua galega"

- Casa do Saber

O C.C. Valle-Inclán pechou o ciclo dedicado ás Letras Galegas de 2018 cunha mesa redonda sobre o tema "A situación actual da lingua galega", presentada e moderada pola Secretaria do Clube Mª Carmen Longarela. A ensinante Teresa Cabello relatou o seu proceso de inmersión no ensino e na cultura de Galicia pese a ser ela de Valladolid, e incidiu na necesidade de que o profesorado -pero tamén toda a sociedade- asuma dun xeito máis determinante a importancia que ten a lingua galega para a pervivencia da súa identidade e para o seu propio progreso social, comezando pola xente máis nova. O profesor e escritor Manuel C. Matalobos aportou os datos estatísticos que veñen demostrar que é o idioma galego o que está en perigo, e precisamente entre as xeracións máis novas, ante a presión do español e máis do inglés, e non só como unha cuestión que afecte ó ensino senón, o que é máis grave, a toda a comunidade social. O xornalista e tamén escritor Antón Grande, repasando o emprego do galego nos medios de comunicación, puxo exemplos da falta de consideración para o idioma que, ademais, se acompaña dun uso moi escaso na prensa escrita e dixital e nas emisoras de radio, mentres que, mesmo na radio e televisión públicas galegas, non se trata co respecto e coidado que sería esixible. Un debate sobre o tema pechou a acto e o ciclo, dedicado este ano á figura de Mª Victoria Moreno Márquez, precisamente unha foránea que asumiu e defendeu como propia a lingua galega.

O Club Cultural Valle-Inclán rende homenaxe a Xesús Mato co gallo da concesión da Medalla Castelao

- Portomarín

Na habitual “Festa do socio” que anualmente celebra o C.C. Valle-Inclán, neste caso comendo o polbo en Portomarín e aproveitando para visitar tamén a igrexa de Mosteiro (Guntín) e o Balneario e Termas romanas de Lugo, o domigno 21 de octubre rendéuselle unha homenaxe a Xesús Mato Mato co gallo da concesión da Medalla Castelao que recibiu este ano e que vén recoñecer o inxente traballo social, cultural e, en fin, humano e de entrega ós demais deste sacerdote nacido en Paradela. Ós postres do moi agradable xantar comunitario, puxéronse de relevo os moitos méritos de Xesús Mato non só como cura sempre moi vinculado ó pobo, senón tamén como comunicador (coa voz e coa escrita), como musicólogo e promotor de grupos (varios coros, Galicia canta ó Neno, Fuxan os Ventos...), como etnógrafo recolledor da cultura popular tradicional (tanto oral coma musical), como defensor do Camiño de Santiago sobre todo durante a súa longa estadía en varias parroquias do Cebreiro onde promoveu a restauración de varias igrexas e, en fin, como contínuo e teimudo valedor de obras e tarefas humanitarias como as que desenvolve aínda hoxe Auxilia Lugo, etc.. O "padre Mato", como é coñecido popularmente, recibiu un agasallo do Clube Valle-Inclán en forma de libros, e el agradeceu a sinxela pero moi sentida homenaxe, recibida ademais nas súas terras do Miño.

O Club Cultural Valle-Inclán celebra as Letras Galegas 2018. Encontro cos "Novísimos"

- Casa do Saber

Dentro do ciclo dedicado ás Letras Galegas 2018, e para lembrar a publicación da antoloxía feita por Mª Victoria Moreno e titulada "Os Novísimos", na que se incluían seis autores lucenses, o 19 de octubre tivo lugar unha mesa redonda, presentada e moderada por Tonina Gay, na que participaron catro daqueles autores (Rábade Paredes xa dera unha conferencia o día 15 e Fiz Vergara Vilariño xa morreu lamentablemente hai varios anos). O prolífico escritor e tradutor Darío X. Cabana incidiu nas cualidades persoais da Victoria Moreno e reivindicou un maior recoñecemento para os autores "novísimos" recollidos na anotoloxía dado que todos eles tiveron e teñen unha obra importante e mesmo decisiva na literatura galega ata o presente. O escritor e activista cultural Lois Diéguez lembrou o contexto histórico no que apareceu a citada antoloxía, concidindo precisamente coas accións do C.C. Valle-Inclán naquela época e coas reinvidicacións democráticas e sociais dos pasados anos 70, moitas das cales teñen pervivencia hoxendía. A escritora, profesora e cineasta Margarita Ledo Andión, a única muller presente na antoloxía, chamou a atención precisamente no avance que se produciu no campo do recoñecemento do feminismo desde aquela publicación, pero non só na literatura senón tamén na sociedade e mesmo na linguaxe. Por último, e antes de celebrarse un animado coloquio, o poeta e filólogo Xvier Rodríguez Barrio, que coincidiu -el como alumno- no Instituto de Lugo coa autora homenaxeada, relatou a xénese do libro e diversas circunstancias que axudan a entender a obra de conxunto de Moreno Márquez.

O Club Cultural Valle-Inclán celebra as Letras Galegas 2018. Conferencia “A miña relación con Mª Victoria Moreno” de Xesús Rábade Paredes.

- Casa do Saber

Para comezar un ciclo dedicado ás Letras Galegas e á figura de Mª Victoria Moreno Márquez organizado polo C. Cultural Valle-Inclán e que conta cunha axuda da Deputación Provincial, o pasado día 15 de octubre tivo lugar na Casa do Saber de Lugo (Vicerreitoría da USC) unha conferencia do profesor e escritor chairego Xesus Rábade Paredes, que foi alumno e colaborador da escritora homenaxeada neste ano 2018. O conferenciante analizou polo miúdo a súa obra poética e narrativa e comentou a importancia da antoloxía dedicada ós "Novísimos", tema este que será tratado nunha posterior Mesa Redonda a celebrar no mesmo lugar o venres 19 de octubre. Rábade Paredes, ademais de lembrar a etapa de coincidencia entre profesora e alumno no Instituto de Lugo, debullou a relación e a incidencia entre a vida e a obra de Moreno Marquez, marcada polo sentimento, a bondade e a dedicación a un país e unha língua que para ela eran de adopción pero de sincera e sentida adopción, pois relatou a súa fonda implicación en varios proxectos e tarefas de ámbito galego, entre elas obviamente as docentes e as literarias, coincindo con ela na defensa da cultura e o idioma que, rematou, hoxe é máis necesaria ca nunca. A presentación correu a cargo de Felipe Arias Vilas, vicepresidente do club.

Presentación do CD Un polbo en San Froilán, de Foolmakers

- Salón de Actos da Casa do Saber

Pilocha, Paula Cores e Luís Vila presentaron o primeiro traballo discográfico de Foolmakers co título Un polbo en San Froilán que ven do concerto que deron nas Festas do San Froilán de 2016. Foolmakers é un grupo integrado por catro psiquiatras do HULA máis un músico profesional. De seu amplo repertorio seleccionaron oito temas que gravaron nun fin de semana, sen cortes nin arreglos de pistas. Tardou en saír polos atrancos que supuxeron, entre outros, os dereitos de autor. O disco ten un punto de cinismo bo. Todos os temas se relacionan coa alimentación fundamentalmente e coas relación dos homes e as mulleres, o amor. Famosos temas coñecidos versionados ao galego que lles da calidez e nos que buscaron o contraste, unha mistura do máis enxebre e o máis de fóra. A audición dunha selección de temas do CD completou o acto que estivo moderado por Tonina Gay.

O Club Cultural Valle-Inclán celebrou os cincuenta anos do nacemento de Voces Ceibes

- Casa do Saber

O Club Cultural Valle-Inclán celebrou os cincuenta anos do nacemento de Voces Ceibes cunha conferencia que pronunciou Pilocha baixo o título As Voces Ceibes: sen gaitas. Foi acompañada por ilustracións musicais. Pilocha fixo referencia ao ano 1968 como de revolución e contestación: a guerra do Vietnam, a morte de Martin Luther King, os movementos sociais, culturais e políticos de Méjico e, en España, folgas e manifestacións reprimidas polo goberno de Franco. En Santiago vivíase tamén unha efervescencia política: encerros, folgas, manifestacións, detencións, multas… En maio de 1967 Raimón dá un recital no Estadio da Residencia de Santiago. Traduciron ao galego as súas letras Carlos Casares e Salvador García Bodaño. Benedicto e Xavier dan un pequeno recital na Facultade de Filosofía en febreiro de 1968. O primeiro concerto ía ter lugar na Escola de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo, o 30 de marzo de 1968, pero foi suspendido polo gobernador civil. Celebrouse, as aghachadas, na casa do profesor Xesús Alonso Montero. O 26 de abril a Facultade de Medicina de Santiago sería escenario do recital no que participaron Benedicto, Xavier, Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso e Vicente Araguas. Musican aos nosos poetas. Caracterízase aquel tempo polas contínuas suspensión de recitais, pola férrea censura. Asinan un contrato con Edigsa, editorial de Barcelona, e gravan unha ducia de EPs. Xurdiron problemas de todo tipo e o colectivo esmorece en 1974. Presentou Tonina Gay

O Club Cultural Valle-Inclán retoma a programación das Sesións de Filmoteca a través do acordo co CGAI

- Delegación Territorial da Xunta en Lugo

O director da Agadic, Jacobo Sutil, e a presidenta do Club Cultural Valle-Inclán, Mª Antonina Gay, subscribiron na Delegación Territorial da Xunta en Lugo este novo acordo de colaboración, mediante o que a asociación repite en 2018 como unha das sedes da programación do Centro Galego de Artes da Imaxe, xunto coa sede da filmoteca na Coruña e os cineclubs Padre Feijoo de Ourense e Lumière de Vigo. As proxeccións serán programadas unha vez á semana, mércores, ás 19,30 h., na Casa do Saber -Vicerreitorado- da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A entrada para as Sesións de Filmoteca é gratuíta para os socios do Club Cultural Valle-Inclán e para a comunidade universitaria. O seu prezo para o público xeral é de 1 euro.

Tamara Andrés presenta o seu poemario Corpo de Antiochia.

- Librería Trama

O presentador do libro, Héctor Acebo –tamén prologuista do mesmo-, definiu Corpo de Antiochia como un océano de beleza crítica e introspectiva. Antioquía non só é contexto, senón tamén símbolo ideal da devastación (e da reconstrución) emocional; lembremos que, ao longo da Historia, a cidade turca —esplendorosa no mundo grecolatino— rexurdiu en diversas ocasións, vítima dos terremotos e mesmo de terribles asedios. Para Tamara, Bruselas simboliza Antiochia, cidade vinculada ao seu pasado porque toda a súa familia por parte materna emigrou alí. Unha Bruselas idealizada na que sempre quixo vivir. Viviu alí un ano, ao regreso atopou unha cidade totalmente destruída. Sinte a nostalxia dese pasado que é parte dela. Antiochia-muller. Os poemas foron nacendo tras unha reflexión sobre cousas que sucedían e que non entendía. Despois chegou a composición do libro. Rematou o acto coa lectura de tres poemas, un por cada parte de que se compón Corpo de Antiochia: desterro, camiño, regreso. O acto foi presentado por Tonina Gay, presidenta do clube.

Alberte Branco presenta Trazos do Chanfaina Lab.

- Casa do Saber

Alberte Branco presentou a curta Trazos que dentro da programación do "Chanfaina Lab" do ano 2017 programou o Club Cultural Valle-Inclán en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe –CGAI-. Alberte, director de fotografía, quixo participar na xuntanza de cineastas galegos que cada setembro se realiza en San Sadurniño e filmou esta curta na que fai referencia aos lugares preferidos dos veciños que se prestaron a colaborar. Aproveitou Alberte para dar a coñecer este experimento audiovisual que se realiza desde 2014 grazas á idea de Manolo González, Director da extinguida Axencia Audiovisual Galega, e a colaboración da concellaría de cultura do Concello de San Sadurniño. O nome de "chanfaina" alude a unha receita tradicional dos territorios de antigos señoríos, cando as partes "nobres " do animal entregábanselle aos señores, mentres as vísceras e as partes mais pobres quedábanse na cociña dos labregos, coas que preparaban a denominada "chanfaina", de grande tradición nas parroquias de Bardaos e Igrexafeita.

Mesa Redonda sobre O tráfico e o sistema ORA no concello de Lugo.

- Salón de Actos do Vello Cárcere

Anabel Gulías, Concelleira de Urbanismo do Concello de Pontevedra, explicou a transformación producida nesta cidade ó fomentarse a mobilidade das persoas e limitar a presenza dos automóbiles, con diferentes gradacións segundo as zonas do concello. Pablo Veiga, representante do colectivo Masa Crítica de Lugo, avogou por potenciar máis a circulación e mobilidade en bicicleta, algo posible na cidade dada a súa dimensión e disposición topográfica, a maiores da importante repercusión medioambiental que iso supón. Mercedes Corral, presidenta da Asociación de Veciños de Bosende, reclamou un mellor servizo do transporte público nas súas frecuencias e rutas, así como a regulación definitiva do sistema de aparcamento. Miguel Fernández, concelleiro e voceiro do PSOE no Concello de Lugo, resumiu os plans e proxectos que no tema do tráfico e mobilidade ten o actual goberno municipal, tanto no relativo á organización do tráfico (por ex. coa súa ralentización), a progresiva peonalización dalgunhas zonas, a reformulación do sistema ORA... temas todos eles nos que hai unha gran controversia. Logo das intervencións tivo lugar un coloquio no que se debateron algúns dos temas tratados polos participantes na mesa e no que se puxo de relevo a importancia que ten o tema do tráfico para unha boa convivencia das persoas e resaltouse a urxente necesidade de emprender accións concretas e decididas no canto de teorizar continuamente sobre proxectos e plans que é difícil ver cumpridos. Foi presentada e moderada por Mª Carmen Longarela, secretaria do Club.

O Club Cultural Valle-Inclán celebra as Letras Galegas de 2017 dedicadas a Carlos Casares.

- Casa do Saber

Para celebrar as Letras Galegas deste ano 2017 dedicadas a Carlos Casares, o Clube Valle-Inclán organizou unha Mesa Redonda que tivo lugar o 6 de xuño na Casa do Saber da USC en Lugo, moderada pola presidenta do Clube Tonina Gay e coa participación de Tucho Calvo (escritor e xornalista), Dolores Vilavedra (profesora da USC) e Grial Parga (analista cultural en medios de comunicación). Tucho Calvo lembrou os seus numerosos contactos e conversas con Casares, analizando a postura do escritor no seu contexto político e cultural e destacando o seu papel no Parlamento galego e no ámbito institucional ao tempo que producía obras de creación literaria e unha abundante colaboración na prensa periódica. A profesora Vilavedra centrouse nos aspectos máis literarios de Carlos Casares, debullando os inicios da súa narrativa e a súa posterior evolución ó mesmo tempo que asumía o desempeño de cargos políticos e culturais que completaban unha tan complexa como atractiva personalidade,que se viu cortada por unha morte prematura. Grial Parga, que analizou polo miúdo as colaboracións xornalísticas de Casares, tamén salientou varios aspectos da súas relacións con Ramón Piñeiro e con outros persoeiros do seu tempo, nunha etapa na que o papel social do escritor ourensán foi moito máis aló da súa importancia como literato para converterse nunha completa referencia cultural no seu país.

Eloy Domínguez Serén presenta a súa película No cow in the ice.

- Casa do Saber

Programada dentro das "Sesións de Filmoteca" do Club Cultural Valle-Inclán, en colaboración co CGAI. Tras unha licenciatura en Comunicación e un máster viuse obrigado a emigrar. Eloy comentou a súa experiencia como traballador da construción en Suecia e o proceso de realización do seu filme que iniciou cun teléfono móbil. A aprendizaxe da lingua, a estadía no país nórdico durante dous anos e a axuda daquel país para a presentación do filme no festival Visions du Réel (Suiza). Aproveitouse para falar de novos proxectos e do seu traballo como profesor de cine nos campamentos de refuxiados saharauís de Tindouf (Argelia). Rematou o acto cun animado coloquio entre director e público asistente.

Presentación do documental Contrafaces e do seu director, Fon Cortizo.

- Casa do Saber (Vicerreitorado)

O director Fon Cortizo asistiu á proxección de Contrafaces, filme que abre as Sesións de Filmoteca do Club Cultural Valle-Inclán en colaboración co CGAI. Comentou Fon que plantexaron o documental como unha película de dobres, establecendo un paralelismo entre a figura de Elías Portela en Isladia e Erin Moure en Canadá. Víronse na obriga de introducir novas figuras como Iolanda Zúñiga, Elisa Sampedrín ou Chus Pato que aparecen como conversadoras en algún momento. Hai unha proposta lingÚística que parte dos personaxes, unha visión sobre as linguas moi diferentes entre si: unha lingua maioritaria, o inglés, unha minoritaria, o islandés e unha minorizada, o galego, pero que na película se igualan e teñen a mesma categoría. A idea non foi facer unha película poética senón de persoas que, neste caso, crean e interactúan.

Convenio de colaboración entre a AGADIC e o Club Cultural Valle-Inclán para a programación cinematográfica do CGAI.

- Casa do Saber

Jacobo Sutil, director da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria) e Tonina Gay, presidenta do Club Cultural Valle-Inclán, asinaron convenio de colabaoración para a nova programación cinematográfica que desenvolverá o CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe) en Lugo a través do Club Cultural Valle-Inclán. Ao acto asistiu Guillermo Escrigas, director do CGAI. As proxeccións terán lugar os mércores, na Casa do Saber (Vicerreitorado), en sesión de 19:30 horas. Non se programará nos meses de xullo e agosto. O convenio rexerá para o ano 2017 e espérase que continúe en anos seguintes.

Presentación e coloquio do documental Affliction, de Peter Casaer.

- Salón de actos do Pazo de San Marcos. Deputación Provincial

O Valle-Inclán, en colaboración con Médicos Sen Fronteiras, proxectou o documental Affliction que foi presentado por Mónica Álvarez, enfermeira expatriada de MSF e a Dra. Mª José García Pais, da Unidade de Patoloxía Infecciosa do HULA. Ao remate estableceuse. Segundo Mónica MSF tiña traballado antes o ébola pero nunca nunha epidemia destas características.foi intención de MSF contar en Affliction, desde dentro, como foi a epidemia de ébola. Un reto importante e unha homenaxe ao persoal sanitario que traballou para combatela, ás persoas que tiveron ébola, aos superviventes que perderon todo e quedaron estigmatizados por moito tempo. E tamén aos traballadores sanitarios nacionais que foron os máis golpeados se se ten en conta que sofren sistemas de saúde deficitarios. Calcúlase que morreu o 50% dos contaxiados, moitos deles sanitarios. Mª José expresou o seu profundo respecto por Mónica e a organización que representa porque é admirable o seu traballo. Fixo un resumo teórico do que é o ébola e unha reflexión: o número de pacientes que se trataron fóra de África foi moi pequeno, 27 persoas, sobreviviron o 82%. Crese que parte desta diferencia radica nas medidas de soporte intensivo que se poden utilizar aquí e é tan triste como que alí, onde realmente está a enfermidade, non se podan aplicar polo que se complica e atrasa o diagnóstico. O éxito e o control da epidemia dependía fundamentalmente do esforzo da xente que traballou alí formando á poboación para intentar freala.

Ovidio Fernández e e seu fillo Abdi presentaron en Lugo Shoots from Abyssinia. O Sur.

- Salón de actos do Pazo de San Marcos. Deputación Provincial

Ovidio volve a Abyssinia para gravar a segunda parte do documental Shoots from Abyssinia. Nesta viaxe únese o fillo máis novo, Abdi. Motiva a xeira o desexo de que os dous irmáns coñezan a terra dos seus antergos, que quedara pendente na primeira ocasión, e achegarse á súa etnia, a Gurage. O documental recolle o percorrido durante un mes polo sur de Etiopía, un país con cento e pico étnias, cadansúa con idioma propio. No contacto coas xentes vese que a etnia condiciona o xeito de vida e a diferencia entre a hospitalidade dos agricultores e a hostilidade das etnias nómadas, principalmente a mursi. O director declárase un artesán da imaxe. Esta foi unha viaxe de improvisación. O guión é o propio camiño, que se completa cunha valoración ao final de cada xornada. Despois virá a montaxe.

Proxección de Tabién la lluvia e presentación da importancia da auga en Níxer por Mónica Álvarez.

- Salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado

O Valle-Inclán en colaboración con Médicos sen Fronteiras proxectou o filme También la lluvia, de Icíar Bollaín, como complemento da exposición As Vidas da auga que, con fotografías de Juan Carlos Tomasi, se presentou en Afundación de Lugo do do 26 de setembro ao 27 de octubre. A mostra recolle a importancia da auga en Níxer: marca o día a día de toda a poboación. Neste país do Sahel, as vidas da auga son moitas: a alimentación, o benestar e a saúde dependen do acceso a unha auga de boa calidade. En Níxer, centos de miles de nenos sofren cada ano desnutrición aguda severa e malaria, dúas enfermidades que conviven durante os meses máis críticos para as familias, cando xa agotaron os produtos da colleita anterior e aínda están por recolectar os da seguinte. MSF traballa para responder a esta crise crónica e reducir a morbilidade e a mortalidade dos nenos menores de 5 anos Para explicar a importancia da auga en países como Níxer, a súa falla ou a súa mala calidade poden ter consecuencias graves na vida de moitas persoas acompañounos Mónica Álvarez, expatriada lucense de Médicos sen Fronteiras. Ten traballado en República Centro Africana, Níxer, Sudán do Sul, Haití, Etiopía e os Balcáns.

Presentación do poemario Peregrino, de Jorge Arbeleche.

- Galería Sargadelos

O poeta, ensaísta e académico uruguaio Jorge Arbeleche, gañador do Premio Nacional de Literatura, veu presentar a Lugo o seu último poemario, Peregrino (Vitruvio). Segundo o propio autor, o título Peregrino apunta a “un viaje iniciático al revés; sería un viaje ‘finálico’, por decirlo con una palabra inventada. Es el peregrinar de toda una vida y toda una obra acerca de la búsqueda de la propia identidad”. Ademais do propio lírico, participaron no acto a secretaria do Valle-Inclán, Carmen Longarela, e o tamén poeta e xornalista Héctor Acebo, quen foi o encargado de afondar en Peregrino e no estilo do seu autor, en quen é especialista. Acebo precisou que “Peregrino trata —entre outras cousas— a aventura vital, non só referida a un home hipersensible e ilustrado (que podería ser o álter ego de Arbeleche), senón tamén a personaxes admirados ou totalmente descoñecidos”. En Peregrino Arbeleche “volveu consagrar os instantes, sempre dende o cántico, dende un ton que inxecta ás palabras unha sonoridade bárbara, que pasa das notas agudas ás graves con naturalidade. É “unha das voces principais da poesía uruguaia das últimas cinco décadas”.

Presentación da novela Catalina de Santisso, de Aurora García Rivas

- Galería Sargadelos

Acompañan á autora Marisol Fernández Rocha, polo Valle-Inclán, Marián Suárez García e a directora de Septem ediciones, Marta Magadán. Aurora é presentada como unha autora vocacional que se move indistintamente en diversos xéneros literarios e o fai nos seus dous idiomas patrimoniais: a fala e o castelán. A novela, con datos históricos, recrea a vida de Catalina de Santisso e fai un percorrido polos lugares máis emblemáticos polos que se supón que debeu transcorrer a súa vida (Miranda, Meira, Lugo, Santiago, Friol…) Catalina de Santisso é a historia dunha moza que coñece o lado máis escuro da vida a través do seu esposo, Vasco das Seixas, o Señor da Fortaleza lucense de Xiá. Hai unha lenda, “A dona das torres”, que conta o milagre que se produce cando o seu pai, ao saber que a súa filla foi asasinada polo seu marido, manda exhumar o corpo que aparece incorrupto. Tomando esta lenda como referencia, a autora escribiu Catalina de Santisso, novela histórica e ben documentada que recrea o século XVI en Galicia.

O Club Cultural Valle-Inclán agasalla ao Primeiro Presidente e á primeira socia

- Restaurante Mencía. Mencía

O Club Cultural Valle-Inclán agasallou coa entrega de placas ao Primeiro Presidente, Julio Ulloa Vence e á primeira socia, Mª Luisa Maceda Méndez con motivo de celebrarse os cincuenta anos da fundación do club. Co logo do club máis o famoso Charlot, deseñado por Carlos Varela Veiga, acompaña o seguinte texto: O CLUB CUILTURAL VALLE-INCLÁN A JULIO ULLOA VENCE, Primeiro Presidente, cincuenta anos despois. Lugo, maio-2016 Similar placa foi entregada a Mª Luisa, primeira socia. O acto tivo lugar tras a Asemblea xeral ordinaria da Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA), este ano en Lugo con motivo do cincuentenario, e antes dun xantar compartido. https://www.youtube.com/watch?v=TGqgPY0Oua8&feature=youtu.be

Proxección O Acoirazado Potemkin, de Sergei M. Eisenstein Presentación de M. Ángeles Rodríguez Fontela, profesora da Facultade de Humanidades de Lugo

- Casa do Saber (Vicerreitorado USC)

Ángeles presenta a Eisenstein como un humanista que vai das ciencias ás letras. A súa formación en enxeñería e arquitectura tradúcese na visión arquitectónica para a construción fílmica. Foi un pioneiro no uso da montaxe no cine, non como simple método utilizado para enlazar escenas, senón como medio capaz de manipular as emocións. Influencias de Aristóteles, entre outras os cinco actos e o concepto de peripecia -o paso da fortuna ao infortunio moi rapidamente-. Bebe do simbolismo do seu profesor, Meyerhold. Ten influencias do teatro Kabuki, e puntos de conexión con Bertolt Brecht, contemporáneo seu. O Acoirazado Potemkin aparece en numerosas listas como a mellor película da historia do cine. Pechou un animado coloquio.

Letras Galegas: Manuel María - Cincuenta aniversario Valle-Inclán. Arredor de Manuel María: política, cultura e teatro en Lugo nos setenta. Mesa redonda con Camilo Valdehorras e Manuel Lourenzo.

- Casa do Saber (Vicerreitorado USC)

Acto presentado por Xosé Valcáracel e Tonina Gay. Inicio e final con cancións obra de teatro Unha vez foi o trebón de Manuel María que representou o grupo teatral do Valle-Inclán dos anos setenta. Manuel Lourenzo falou dos antecedentes do teatro en Grecia. Nun momento das Irmandades da Fala alguén dixo “hai que intervir” e entre os seus obxectivos prantaxouse que se fixese teatro. Non temos nada que envexar nin a esa cultura que ten como cabeza a Shakespeare, nós temos a Cunqueiro, Rosalía e Otero Pedrayo, un Otero que repasou todas as vangardas e todos os estilos e deunos un teatro que é irrepetible. Do teatro galego dos setenta salientou que “se fai máis agresivo contra a ditadura porque hai unha xeración que ten menos medo, había que despertar á xente. Ese impulso dos setenta é necesario que o haxa hoxe porque neste país entendo que estamos pisadiños”. Camilo Valdehorras iniciou a súa intervención falando sobre a“conciencia amurallada”, faccións políticas, eventos culturais, lecturas, a batalla pola lingua galega. O Lugo do “trebón” de Manuel María e as catro navallas da súa dramaturxia literaria. O Grupo de Teatro “Valle-Inclán” (1975-76) representou Unha vez foi o trebón, teatro épico-político de forma pobre, contido crítico e intención revolucionaria. As “catro navallas”: linguaxe de estilo oral popular; ideoloxía temática nacional-popular galega; estética poética popularista, grotesca e épica; e didáctica Cívico-Ético-Política. https://www.youtube.com/watch?v=khypsGUm2Yk&feature=youtu.be

Presentación do documental A Seara, de Pepe Coira

- Salón de actos do Pazo de San Marcos. Deputación Provincial

Na Seara do Courel houbo un proxecto de rehabilitación para facer máis atractiva turisticamente a aldea. Para levalo a cabo, era imprescindible a complicidade dos veciños. Anos despois, os arquitectos rememoran aquela experiencia. A idea do director, Pepe Coira, foi que quen vexa o documental pase pola mesma experiencia que pasou el: familiarizarse coa aldea, coñecela, vela. Plantexado en catro partes, a primeira, sobre a posibilidade do plan, os arquitectos teñen que convencer aos veciños para que o fagan, idea de turismo. Segunda parte que é o proxecto - en arquitectura a fase clave-. Terceira facer a obra. Cuarta que pasa despois, a máis complexa de todas porque estando na Seara descubres un mundo moi potente, con varios estratos sociais: os que viven, os que son fillos e volven, os que mercan as casas, os sendeiristas… Presentou Felipe Arias Vilas e participaron no coloquio final o director e tres dos catro arquitectos do Gabinete GAU responsables do traballo no ano 1999.