Ir o contido principal
Outras actividades

PRESENTACIÓN DA NOVELA TEMPO DE PEDRA DE RAMÓN AREA

- Galería Sargadelos

Novela escrita por Ramón Area, psiquiatra no Hospital de Conxo (Santiago de Compostela) e que durante un tempo estivo tamén no Hospital de Calde en Lugo; o autor preside a Asociación galega de Saúde Mental. No acto, presentado por Felipe Arias en representación do Club Cultural Valle-Inclán, interveu en primeiro lugar Pablo Quintana, responsable da Editorial Canela que publica o libro, que destacou o interese da obra dentro dos criterios da editora de primar temas vinculados á cultura popular e da realidade social galega. A cantante e profesora de música Pilar Martínez Conde (Pilocha) analizou o contexto vital das producións e creacións do autor así como as referencias, literarias e mesmo cinematográficas da obra presentada, facendo fincapé na polivalencia do traballo profesional e creativo de Ramón Area e, por tanto, no interese desta novela, que vén sendo algo máis que unha simple narración polas connotacións sociais e vitais que aporta. O autor da obra desvelou as causas, persoais e profesionais, de escribir de xeito novelado o feito real do descubrimento dunha lápida no cemiterio de Conxo correspondente a un alemán morto en 1917 logo de andar embarcado no barco Sta. Úrsula, o que leva ó autor a reconstruír a súa vida a partir da solemne pedra dun cemiterio desaparecido e logo parcialmente recuperado en Conxo. Ramón Area falou de necesidade de explicar e entender o contexto social e ambiental que se vive nos centros hospitalarios psiquiátricos, vinculándoos en gran medida ó valor e á permanencia da pedra, como materia pesada, duradeira e tantas veces chea de misterios.

Letras Galegas 2015: Filgueira Valverde

- Salón de actos da Deputación Provincial

Logo dunha presentación na que se resaltou o carácter poliédrico da personalidade de Filgueira Valverde, o que motiva que se poida falar de luces e sombras, como sucede con tantos outros persoeiros aos que se lles dedicou a conmemoración das Letras Galegas, Xosé Carlos Sierra, antropólogo e director do Museo Etnolóxico de Ribadavia, relatou as súas experiencias nos contactos con Filgueira no Museo de Pontevedra e o papel deste na configuración do panorama museístico galego salientando o seu interese por implicar á xente nova no mundo do patrimonio cultural, contando sempre coa axuda do seu colaborador Alfredo García Alén. Francisco Calo, catedrático de Historia e patrón do Museo do Pobo Galego, incidiu no grave erro que, ao seu xuízo, supón reducir a figura de Filgueira só aos aspectos políticos, cando a súa inxente obra e o seu recoñecido galeguismo fai del probablemente o polígrafo máis completo da cultura galega no século pasado e é vital para entender moitas das institucións do país, desde o Seminario de Estudos Galegos ata o Consello da Cultura. Xesús Ferro Ruibal, filólogo e membro da Real Academia Galega, analizou sobre todo a faciana creadora de Filgueira, e coincidiu en destacar a súa enorme personalidade como investigador en case todos os campos da cultura humanística, ademais de incidir en aspectos concretos do seu labor polifacético, incluíndo a súa implicación na política, marcada en boa medida polo súa defensa e amor á identidade de Galicia e tamén polo afán de potenciar os valores da súa Pontevedra natal.

PRESENTACIÓN DO LIBRO-CINEMA A CICATRIZ BRANCA DE MARGARITA LEDO

- Galería Sargadelos

A cicatriz branca podería ter sido outro documental de Margarita pero elexiu a ficción. Tendo como base feitos acontecidos no século pasado pon en pantalla a unha muller que poder ser calquera das numerosísimas que emigraron a América, neste caso Buenos Aires, na primeira metade do século XX. Hai tempo que Margarita está dedicada ao mundo da comunicación audiovisual. A súa nova proposta creativa edítase en Galaxia na colección Libros – Cinema. Segundo Víctor Freixanes recolle todo o discurso dos galegos e a épica do traballo e o sufrimento na perspectiva das mulleres e no mundo de alén mar. Interviron no acto a autora, Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia e Tonina Gay, presidenta do Club Cultural Valle-Inclán.

Influencias estranxeiras en Castelao

- Salón de actos do Pazo de San Marcos

Siro López, gran coñecedor e rigoroso analista de toda a obra de Castelao, debullou as moitas influencias recibidas polo autor rianxeiro, tanto desde o punto de vista do debuxo (a partir do noruegués-alemán Gulbrannsson para a liña e do francés Forain para os textos, ou ben do coñecemento da revista satírica "L´Arriette au Beurre"), como no que se refire aos aspectos teóricos do humorismo gráfico e a caricatura, nos que Castelao é debedor da obra do cubano Bernardo G. Ramos. Siro explicou, baseándose nunha nutrida escolma de imaxes, como o xenio de Castelao soubo asimilar as influencias do seu tempo para crear unha obra polifacética que o converteu nun verdadeiro símbolo inmortal da arte e do pensamento político en Galicia.

A calidade da industrialización agroalimentaria en Galicia

- Salón de actos do Pazo de San Marcos

José Mouriño Cuba (Biólogo e Enxeñeiro Técnico Agrícola, experto en produción agroalimentaria): A calidade e a industrialización agroalimentaria en Galicia. A industrialización é un tema básico nas producións agropecuarias, o que se traslada ao mundo agroalimentario que cada vez debera preocupar máis aos consumidores. Ao fío de varios aspectos tratados noutras conferencias, resaltou a importancia dos conceptos de partida dos produtores e dos produtos, analizando as alternativas referidas ás estruturas agrarias, así como aos problemas produtivos e comerciais. Hoxe hai máis de 300 produtos galegos, moitos deles na provincia lucense, que contan con Denominación de Calidade e na súa evolución será fundamental a información e a formación dos consumidores, insistindo na diferenciación entre produto de calidade recoñecida e produto caseiro e produto ecolóxico.

Os soutos de castiñeiros

- Salón de actos do Pazo de San Marcos

Antonio Rigueiro Rodríguez (Enxeñeiro de Montes, Catedrático da Escola Politécnica da USC en Lugo): Os soutos de castiñeiros. Tras lembrar a vella historia dos castiñeiros, tratou polo miúdo as características destas árbores e dos seus froitos, tendo en conta as múltiples variedades de castaña que se coñecen, sobre todo na provincia de Lugo. Describiu as distintas técnicas de cultivo e sinalou os pros e contras dos vellos soutos tradicionais e de patrón autóctono ao lado dos soutos novos feitos a base de patróns híbridos. Comentou as posibilidades de explotación económica das terras dedicadas a soutos, sobre todo para a produción de castaña (moita dela exportable ao estranxeiro), sendo o rendemento como madeira o máis problemático pola súa duración e a pesar da súa gran calidade.

Galicia, potencial paraíso ecolóxico

- Salón de actos do Pazo de San Marcos

Ernesto Sánchez Salgado (Enxeñeiro Técnico Agrícola, Director Técnico do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica): Galicia, potencial paraíso ecolóxico. Desde os antecedentes no s. XIX e principios do XX, a partir dos anos 80 medrou moito a concienciación sobre as producións ecolóxicas tanto no campo agrícola coma no gandeiro e hoxe tamén na acuicultura. Os criterios básicos da produción ecolóxica están nos sistemas de fertilización e na relación directa entre produtores e consumidores. A provincia de Lugo é onde hai unha maior produción deste tipo e mesmo aumentou nas etapas de crise pese a que un dos seus inconvenientes pode estar no seu prezo; con todo, case o 80 % da produción ecolóxica galega é exportada cara a outros países o que garante o seu futuro. Estableceu as distincións básicas entre produtos ecolóxicos e “caseiros”.

Benxamín Casal: un alento renovador na agricultura galega

- Salón de actos do Pazo de San Marcos

Francisco Díaz Fierros Viqueira (Catedrático Emérito da USC. Membro da R.Academia Galega): Benxamín Casal: Un alento renovador na agricultura galega. Logo dunha introdución sobre o contexto da investigación sobre o agro galego entre os anos 60 e 80 do s.XX, analizou a evolución da agricultura en Galicia, forzada cara a unha maior mercantilización e logo pasou a resaltar o papel destacado de Benxamín Casal non só na investigación, con varios traballos -algúns básicos- no seu haber entre eles a tradución da monumental obra do francés Abel Bouhier, senón tamén na promoción e desenvolvemento do medio rural e das súas potencialidades.

PRESENTACIÓN-DEBATE PARA QUE NOS SERVE GALIZA?

- Galería Sargadelos

O Club Cultural Valle-Inclán e Editorial Galaxia ofreceron un debate arredor do libro de Xaime Subiela: Para que nos serve Galiza? (Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2012). Participaron Lidia Senra, sindicalista agraria, Grial Parga, analista cultural e crítico de cine e televisión, Xaime Subiela, politólogo, sociólogo e autor do libro. Actuou de presentador e moderador Felipe Arias Vilas, historiador e muséologo (en representación do C.C. Valle-Inclán). Sérvenos para algo o galeguismo? É preciso repensar Galiza como identidade-proxecto para o noso tempo, democratizando a idea e a proposta, unha nación aberta, en construción.

Colocación dunha placa na casa de Celestino Fernández de la Vega

- Rúa Dr. Gasalla, 28

Cumpríndose neste ano o centenario do nacemento de Celestino Fernández de la Vega Pardo, o Club Cultural Valle-Inclán promoveu a colocación dunha placa a el dedicada, na fachada do edificio no que residiu unha grande parte da súa vida, Rúa Dr. Gasalla, nº 28, Lugo. Para esta merecida homenaxe contou coa estimable colaboración do Concello de Lugo e co oportuno permiso da Comunidade de Veciños. Celestino, ou Cilistro, Fernández de la Vega, pensador e escritor, foi membro fundador do noso club e nos nosos arquivos figura como o seu socio número 1. Estiveron presentes a súa viuva, Mª Luisa Maceda, os seus fillos Luís e Alberto o Sr. Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, membros do Club Cultural Valle-Inclán, familiares e un nutrido número de amigos. Interviron Tonina Gay, presidenta do clube, para xustificar a homenaxe, Mª Luisa Maceda para agrdecelo e José López Orozco para recordar que Cilistro fixo unha das mellores traduccións da obra ‘De la esencia de la verdad’, do filósofo Martin Heidegger, xunto con Ramón Piñeiro, desde o alemán. http://www.lugo.es/cs/Satellite?c=Spark_Novas&cid=1227523558083&color=Rojo&idioma=es&pagename=Lugo%2FSpark_Novas%2FLugoNoticiaDetalle&tipoLetra=Texto1

PRESENTACIÓN DE LAS MAESTRAS DE LA REPÚBLICA

- Salón de actos da Deputación Provincial

Presentado en Lugo polo Club Cultural Valle-Inclán, en colaboración con FETE-UGT. Na presentación José Luís Rodríguez Trigo, Secretario Comarcal de FETE – UGT, sinalou que o obxectivo principal deste documental é homenaxear ás mestras que se comprometeron cunha escola pública en momentos difíciles. O Ministerio de Instrucción Pública da República tivo como bandeira que a educación era un piar básico en calquera sociedade que quixese prosperar, educación pública, laica e non discriminatoria. Elaborado por historiadores e investigadores e coordinado pola Federación de Enseñanza de UGT foi premiado co Goya ao mellor documental dous días despois da súa proxección en Lugo. Presentou o acto Mª Carmen Longarela, Secretaria do Club Cultural Valle-Inclán

PRESENTACIÓN DE ENTREPARADAS

- Salón de actos da Deputación Provincial

O documental Entreparadas foi presentado en Lugo polo actor Félix Estévez que xunto con outros quince actores e un equipo integrado por máis de cen persoas rodaron escenas de teatro ambulante na liña de autobús 22 da cidade de Ourense. Dirixido por Toño Chouza, con selección de textos de autores da Xeración Nós realizada por Elena Seijo, de Sarabela Teatro e con produción de Maxi Cid, María Liaño, e Jorge Coira. E n t r e p a r a d a s cóntanos a historia de 16 persoas anónimas que atesouran experiencias vitais únicas. A longametraxe fixa a súa mirada en Jose, con parálise cerebral e Felisa, inmigrante invidente, que comparten unha experiencia que marcará as súas vidas con outras persoas provenientes de diferentes colectivos (asociación contra o cancro, centro psiquiátrico, unidade de violencia de xénero, vítimas de accidentes de tráfico, aula municipal do maior, discapacitados AIXIÑA, menores con medidas xudiciais e outros voluntarios).

PRESENTACIÓN DE SHOOTS FROM ABYSSINIA

- Salón de actos da Deputación Provincial

O Club Cultural Valle-Inclán proxectou o documental Shoots fron Abyssinia, de Ovidio Fernández quen asistiu acompañado polo seu fillo Abdul, protagonista do mesmo. Shoots from Abyssinia é a culminación dun traballo que se iniciou no verán de 2010 coa rodaxe desde a capital, Addis Abeba, ata o norte de Etiopía. A película xorde nun principio para mostrar Etiopía, un país completamente descoñecido para a grande maioría da xente que vive ao norte e de costas ao continente africano.

Homenaxe a Benxamín Casal Vila

- Salón Rexio do Círculo das Artes

Editorial Galaxia, Club Cultural Valle-Inclán e Círculo da Artes tributaron unha homenaxe a Benxamín Casal Vila baixo o lema A forza da intelixencia nun acto que congregou a numeroso público. Benxamín Casal foi presidente do Consello de Administración de Galaxia, do Valle-Inclán e do Círculo. Fixeron uso da palabra pola seguinte orde: Antón Vidal Andión, Tonina Gay e Jesús López-Domínguez López en representación dos organizadores; Xesús Alonso Montero, Real Academia Galega, Ramón Villares Paz, Consello da Cultura Galega, Xosé López Orozco, concello de Lugo e Alberto Núñez Feijóo, Xunta de Galicia. Pecharon o acto Xulián Parga Rodríguez, amigo, Pilar, filla maior de Benxamín, e os seus netos Guillero e Beatriz. Música, Najla Shami e Xurxo Varela, viola de gamba. www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2014/01/18/lugo-recuerda-benxamin-casal/0003_201401L18C12991.htm

PRESENTACIÓN DE LA MADRIGUERA

- Galería Sargadelos

Logo dunha presentación do acto a cargo de Felipe Arias, en nome do Club Cultural Valle-Inclán, que fixo unha breve semblanza biobibliográfica da autora e resaltou a contexualización xeográfica da súa novela, o poeta e profesor Xoé Otero Canto desmiuzou os distintos aspectos da obra, desde a trama novelesca ata a fondura da expresión escrita, que vai máis aló dunha simple narración novelada posto que dalgún xeito obriga ao lector a participar do guión, dos acontecementos e dos espazos e lugares que aparecen na obra. Pola súa parte, a escritora astur-galega Aurora García Rivas confesou que LaMadriguera fora unha novela que lle esixira moito traballo de prepararación e documentación, ás veces de carácter etnográfico, o que lle permitiu urdir unha novela complexa pola cantidade de personaxes que nela aparecen en distintas épocas, pero moi ben articulada facer que os lectores a sigan con fruición literaria e con devezo cultural e mesmo histórico.

Os castros da costa oriental lucense

- Museo Provincial de Lugo

Emilio Ramil González é arqueólogo profesional e como tal exerce desde hai 35 anos; é socio fundador da empresa AXA Arqueoloxía S.C. Autor de numerosas publicacións en forma de artigos e libros relacionados co tema arqueolóxico e patrimonial. Fixo unha introdución sobre a importancia arqueolóxica e patrimonial dos chamados castros costeiros das Mariñas lucense e coruñesa, e pasou logo a describir os traballos arqueolóxicos realizados por el mesmo no Castro das Grobas (Ribadeo), nunha espléndida paraxe natural, e por outros autores desde os pasados anos 60 no Castro de Fazouro (Foz), que sufriu varias agresións tanto naturais como humanas, analizando en ambos os dous casos os métodos de escavación e de consolidación e o interese que estes teñen para que se poida obter un aproveitamento patrimonial, cultural e mesmo turístico. Presentou Felipe Arias Vilas, Director do Museo do Castro de Viladonga e vicepresidente do Club Cultural Valle-Inclán. Para o desenvolvemento deste ciclo contamos cunha axuda de Vicepresidencia Primeira -Cultura- Deputación de Lugo.

Os castros do occidente asturiano e a súa relación coa minería aurífera

- Museo Provincial de Lugo

Ángel Vila Valdés é arqueólogo da Dirección General de Patrimonio Cultural da Consejería de Educación, Cultura e Turismo do Principado de Asturias. É autor dun centenar de artigos científicos e membro correspondente do Real Instituto de Estudios Asturianos. Analizou a importancia da minería e do uso do ouro en Asturias desde tempos moi antigos, pasando logo a describir os procesos de explotación fundamentalmente en época romana, xa desde pouco antes do cambio de Era e ata o s. II polo menos. Expuxo unha extensa mostra das numerosas minas auríferas do occidente asturiano e do seus complexos sistemas de explotación, que puxo en relación cos cambios no hábitat castrexo, dando lugar incluso a asentamentos de clara feitura romana, coma no caso do castro e a domus de Chao Samartín (Grandas de Salime). Presentou Felipe Arias Vilas, Director do Museo do Castro de Viladonga. Para o desenvolvemento deste ciclo contamos cunha axuda de Vicepresidencia Primeira -Cultura- Deputación de Lugo.

PRESENTACIÓN DE EL MAL DE LA MURALLA

- Galería Sargadelos

Jesús García Calderón desprazouse desde Granada para presentar o seu libro El Mal de la Muralla. Na presentación de Felipe Arias Vilas, preocupado polo Patrimonio Cultural ao igual que Jesús, puidemos escoitar que “nos últimos quince anos, afortunadamente, hai un cambio de tendencia no mundo da xudicatura, no mundo da xustiza, en canto á visión que se ten do Patrimonio Cultural e unha das persoas ás que se debe que isto variara témola nesta sala, é Jesús García Calderón”. El Mal de la Muralla, está editada por Ánfora Nova baixo a fórmula de mecenado colectivo exercido a través da colaboración dun grupo de persoas e entidades, no seu desexo de participar no apoio e difusión desta obra, mediante a compra de varios exemplares da mesma. El Mal de la Muralla é unha homenaxe ás persoas que coñeceu e tratou Jesús nesta cidade. Fixo fincapé ao paseo circular pola muralla que te achega e te afasta ao mesmo tempo. “Creo que fai que o cidadán de Lugo sexa proclive á fantasía, á reflexión e que se incline moitas veces cara á virtude. Esta virtude xenéralle tamén algúns desgustos e por iso utilicei o recurso retórico de mal de la muralla. Non faltou o recordo dos lucenses Pimentel, Fole e Celestino Fernández de la Vega, escritores europeistas do século XX. Jesús García Calderón é Fiscal Superior de Andalucía e estivo acompañado por Felipe Arias Vilas e Tonina Gay.

PRESENTACIÓN DA NOVELA ARCADIA. OS GARDIÁNS DO SEGREDO

- Galería Sargadelos

Alberte Blanco Casal acompañado por Branca Rodríguez Pazos e Tonina Gay presentou a novelaArcadia. Os gardiáns do segredo, da Editorial Círculo Rojo. A sentencia do primeiro ministro inglés do século XIX Benjamin Disraeli “O mundo está gobernado por personaxes moi diferentes aos que cren ós que non ven máis alá dos seus ollos” é a introdución, o prefacio xeral da novela, para que o lector vaia advertido do que vai encontrar na obra. Como fondo sociedades secretas internacionais e como escenarios as principias cidades centros de poder do mundo.

A minería romana do ouro no sureste da provincia de Lugo

- Museo Provincial de Lugo

Luís Francisco López é arqueólogo profesional, empresa Terra-Arqueos. Licenciado en Prehistoria e Arqueoloxía pola Universidade Complutense de Madrid e colaborador co Departamento de Historia Antiga e Prehistoria do Centro de Estudios Históricos do CSIC e de varias universidades. Analizou o contexto arqueolóxico e histórico no que se desenvolveu a explotación das minas auríferas en época galaico-romana, tanto as de tipo primario sobre rocha (como as do Courel ou de Cervantes), como as feitas sobre sedimentos vinculados a ríos auríferos (como as de Montefurado no río Sil). Incidiu na importancia que esta minería tivo na reordenación do territorio castrexo prerromano, dando lugar a novos asentamentos e uns novos modos de vida e de explotación dos recursos naturais xunto coa aparición dunha complexa trama viaria. Foi presentado por Felipe Arias Vilas. Para o desenvolvemento deste ciclo contamos cunha axuda de Vicepresidencia Primeira -Cultura- Deputación de Lugo.

A tradición ourive na historia antiga da Mariña Lucense

- Museo Provincial de Lugo

Aurelia Balseiro é Licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago coa especialidade de Museoloxía, e investigadora recoñecida e especializada en ourivería prerromana do Noroeste. Directora do Museo Provincial de Lugo. Revisou os numerosos achados da ourivería producidos na franxa norte da provincia de Lugo, analizando as diferentes mostras de xoias, a maior parte delas aparecidas de xeito casual e que forman parte de coleccións privadas como a de Gil Varela: torques de distintos tipos entre os que destacan o de Burela ou os do chamado tipo ártabro, arracadas ou finos pendentes, diademas ou bandas de cinto moitas veces decorados con escenas de carácter simbólico, e outras pezas moi diversas como algunhas tortas de fundición dos antigos ourives. Presentou Felipe Arias Vilas. Para o desenvolvemento deste ciclo contamos cunha axuda de Vicepresidencia Primeira -Cultura- Deputación de Lugo.

PRESENTACIÓN DO FILME A CICATRIZ BRANCA

- Auditorio Gustavo Freire

A cicatriz branca pechou o ciclo CINEMA NO AUDITORIO que veu organaizando a Concellería de Cultura do Concello de Lugo con xestión do Club CulturalValle-Incán. O filme foi presentado pola súa directora e guionista,Margarita Ledo Andión, que estivo acompañada por Marisol Fernández Rocha, membro da directiva do clube. O papel das mulleres na diáspora galega, retratada a través de vivencias na Bos Aires dos anos 50. Rodada na Arxentina e en Galicia, forma parte do proxecto Cine, Diversidade e Redes do Grupo de Estudos Audiovisuais do Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela coa participación do Ministerio de Ciencia a través do Plan Nacional de I+D+i.

Santa Eulalia de Bóveda e o seu contorno arqueolóxico

- Museo Provincial de Lugo

O Club Cultural Valle-Inclán programa unha conferencia de ENRIQUE MONTENEGRO RÚA baixo o título Santa Eulalia de Bóveda e o seu contorno arqueolóxico. Presenta Felipe Arias Vilas, director do Museo Arqueolóxico de Viladonga. ENRIQUE MONTENEGRO RÚA é licenciado en Xeografía e Historia pola UNED e doctorando no departamento de Prehistoria y Arqueología de la Facultad de Filosofía y Letras de la Universidad Autónoma de Madrid. Desde o ano 2006 a súa investigación céntrase no desenvolvemento do proxecto de tese doutoral do monumento de Santa Eulalia de Bóveda, sobre o que ten publicado monografías, artigos en revistas especializadas, colaborado en publicacións colectivas e participado en cursos, congresos e conferencias.

PRESENTACIÓN DO LIBRO CARTAS DESDE O PRESIDIO

- Galería Sargadelos

O Club Cultural Valle-Inclán presenta o libro Cartas desde o presidio, de Eusebio Cuesta, Eusebio Cuesta, natural de Monforte de Lemos (1904 – 1946), mestre albanel, sufriu presidio durante sete anos (1936 – 1943) acusado de rebelión militar. Nas súas cartas reflicte as inquedanzas e preocupacións familiares ao tempo que fai unha foto semivelada da realidade social do momento. Cartas desde o presidio está editado polo Ateneo Republicano de Valdeorras. Fixo a presentación Basilio Cobo Rodríguez, médico do Centro de Saúde de San Roque, editor e escritor e pronunciou sentidas palabras o fillo do autor, Manuel Cuesta. O Club estivo representado pola súa presidenta, Tonina Gay.

PRESENTACIÓN DO LIBRO OUTRAMENTE DE PILAR GARCÍA NEGRO

- Galería Sargadelos

O Club Cultural Valle-Inclán presenta o libro Outramente dePilar García Negro, editado por Laiovento na súa colección Ensaio con intervencións da autora, de Lucía L. Baio, xefa de opinión que foi de Xornal de Galicia e Tonina Gay, xornalista. María Pilar García Negro (Lugo, 9 de octubre de 1953) é profesora da Universidade da Coruña. Autora de numerosos libros sobre lingua e literatura galegas. É directoraxerente da Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas. Obtivo o XV Premio “Vicente Risco” de Ciencias Sociais 2010 co volume O clamor da rebeldía.Rosalía de Castro: ensaio e feminismo. Foi corredactora da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos e pertence ao seu Comité Científico. Deputada no Parlamento Galego polo BNG desde 1989 a 2003. Outramente recolle os artigos cos que Pilar García Negro colaborou asiduamente durante vinte e dous meses, desde octubre de 2009 ata agosto de 2011, en "Xornal de Galicia". Os artigos aquí contidos recollen as sucesivas entregas ata o mesmo momento en que a superioridade decidiu clausurar a edición en papel e, posteriormente, pechar a dixital.