O catedrático xubilado de Filoloxía da USC e académico da RAG, Antón Santamarina Fernández, ditou unha conferencia sobre temas da literatura e música de tradición oral, nos que o orador é un experto, para celebrar as Letras Galegas de 2025 dedicadas ás Cantareiras populares.
Santamarina debullou a historia da investigación etnográfica, literaria e musical no ámbito galego desde o s. XIX, deténdose logo polo miúdo no traballo da suiza Dorothé Schubarth, xa falecida, que recolleu durante cinco anos (1978-1983) todo aquel acervo cultural galego, coa colaboración precisamente do conferenciante, con quen elaborou e publicou a monumental obra en 7 tomos sobre o Cancioneiro Popular Galego (1984-1988). O enorme arquivo recollido e hoxe accesible ó público, gárdase no Museo do Pobo Galego por decisión da propia Schubarth.
A conferencia celebrouse no Centro Cultural O Vello Cárcere e estivo complementada cunhas interesantes mostras de audio e vídeo sobre o tema de referencia.
Acompañou ao conferenciante Felipe Arias Vilas, vicepresidente do Valle-Inclán.
O Valle-Inclán programou a presentación do libro de Mª José Martin Velasco Moby Dick, Alegoría y mito (Eolas eds.). Logo dunha introdución por parte de Felipe Arias que sinalou as coincidencias de terse tratado asuntos do mar e das baleas nas súas últimas actividades, o profesor de Filoloxía e Cultura Clásica Alexandre Arias falou do enorme impacto literario e tamén fílmico que o tema de Moby Dick tivo no público, incluso no infantil e xuvenil, presentando logo á autora do libro, profesora e doctora especialista en Cultura e Mitoloxía grecolatina, que explicou os obxectivos da súa obra, na que analiza os moitos valores simbólicos da novela de H. Melville, non sempre percibidos na boa película de 1956, rastrexando naquel autor o seu complexo universo interior, cheo dun transfondo moi culto e con referencias alegóricas sorprendentes ós mitos do mundo clásico.
Convidado polo C. C. Valle-Inclán, o arqueólogo, antropólogo e historiador Francisco Calo Lourido deu unha conferencia sobre “O mundo do mar para xente de terra dentro”, na que fixo primeiramente unha acaída introdución histórica sobre a creación e a evolución dos núcleos mariñeiros de Galicia así como das técnicas e artes de pesca, para logo centrarse nas diferencias sociais, económicas e culturais entre o mundo mariñeiro e o labrego, completando a disertación cunhas referencias antropolóxicas ós particulares usos, costumes e expresións dos pobos costeiros. A charla foi seguida con moito interese e agrado polo público asistente. Foi presentado por Felipe Arias Vilas, vicerprtesidente do Valle-Inclán.
O Club Cultural Valle-Inclán participou na presentación do último libro do historiador Ramón Villares Paz, Galicia e Portugal. Irmandade e fronteira, da editorial Galaxia. No acto, conducido por Felipe Arias en representación do Club Valle-Inclán, interveu primeiro Antón Baamonde, filósofo, escritor e analista social, que debullou os trazos e as posibilidades das actuais relacións económicas e polìticas entre Galicia e Portugal. Pola súa parte, o autor do libro fixo unha demorada análise histórica desas relacións desde a época antiga ata hoxe, facendo fincapé nos séculos XIX e XX, e poñendo de relevo os seus moitos aspectos positivos e tamén as dificultades existentes no ámbito político actual. De seguido tivo lugar un debate coa participación do público asistente.
Para celebrar as Letras Galegas de 2024, dedicadas a Luísa Villalta, tivo lugar unha conferencia do profesor e escritor lucense Armando Requeixo, que debullou pormenorizadamente a biografía da homenaxeada, destacando as moitas e diversas facianas da súa actividade, truncada de xeito prematuro: poeta, narradora, dramaturga, crítica literaria, violinista, docente, activista social e cultural, etc. Requeixo analizou tamén polo miúdo a súa produción literaria, moi variada e extensa pese á curta vida da autora.
Posteriormente, recitáronse varias pezas da obra poética de Luisa Villalta por parte doutros autores presentes na sala: Ana Barral, Marica Campo, Ana Mar Fraga, Montse González, Juncal Martínez Modia, Martiño Maseda, Adolfina Mesa, Toño Núñez, Xosé Otero Canto, Abraham Pérez, Xerardo Quintiá.
Presentou o acto Tonina Gay, presidenta do club.
Para dar a coñecer a publicación do nº 1.000 do xornal Nòs Diario, o Valle-Inclán organizou un encontro aberto ao debate no que participaron Xoán Costa (do consello de administración da empresa editora Sermos Galiza) e a directora do dito xornal, María Obelleiro. Explicaron polo miúdo a imperiosa necesidade daquela publicación dentro do ámbito galego e en lingua galega. Analizaron os seus moitos aspectos positivos pero tamén as dificultades (de índole política, económica e mediática) para o mantemento da súa edición - en versión impresa e dixital - que permita ofrecer unha mellor información e unha cabal formación da opinión pública, tanto a da actualidade cotiá como a referente a moi diversos temas de fondo de interese para Galicia. A presentación do acto correu a cargo de Mª Carmen Longarela, secretaria do Club Culural Valle-Inclán.
Para conmemorar as Letras Galegas dedicadas este ano ó lucense de Lourenzá Francisco Fernández del Riego, o Club Cultural Valle-Inclán celebrou o 26 de outubro no Vello Cárcere de Lugo unha Mesa Redonda, presentada por Tonina Gay e coa participación de dúas profesoras e filólogas expertas na vida e obra daquel persoeiro: Malores Villanueva Xesteira (de Vigo) explicou polo miúdo as distintas etapas vitais de Del Riego (Lourenzá, Madrid, Santiago e finalmente Vigo) e afondou no inxente traballo desempeñado por el a prol do mundo cultural de Galicia durante máis de oitenta anos. Completou a visión Patricia Arias Chachero (de Santiago) que analizou non só o seu decisivo papel cultural senón tamén político do homenaxeado, moitas veces en relación con outras figuras da època como Ramón Otero Pedrayo, o que lle ocasionou non poucos problemas coas autoridades franquistas.
Dentro das actividades programadas en toda Galicia por varias entidades culturais (espcialmente o Museo do Pobo, o Consello da Cultura e a R. Academia) para conmemorar o Centenario do Seminario de Estudos Galegos, o Club Cultural Valle-Inclán colaborou coa Asociación Lugo Patrimonio na organización dunha Mesa Redonda que tivo lugar o día 3 de outubro no Salón de Actos da Deputación sobre “O S.E.G. en Lugo”, centrada fundamentalmente nas figuras de Ricardo Carballo Calero, Xosé Filgueira Valverde e Antón Fraguas Fraguas, polos seus respectivos vínculos coa cidade lucense.
Presentados por Felipe Arías Vilas, participaron na Mesa: Pilar García Negro (profesora de Literatura na UDC, ensaísta e polìtica) que se centrou na importancia do Anteproxecto de Galiza dos anos 20 e no papel fundamental de Carballo Calero sobre todo no relativo á lingua galega; Antonio Prado Gómez (profesor de Historia que foi do Instituto de Lugo, centro que tivo moito que ver co labor do SEG na cidade) que resumiu a prolífica actividade cultural de Filgueira Valverde durante os seus anos en Lugo e aínda despois), e Adolfo de Abel Vilela (historiador e publicista) que analizou os traballos de Fraguas a prol do SEG e o seu compromiso cun ensino galego e adiantado ó seu tempo.
Francisco Calo Lourido, profesor xubilado, historiador e antropólogo, explicou a importancia do Seminario de Estudos Galegos, fundado en 1923, para a cultura e a ciencia de Galicia. Citando a influencia dos antecedentes no s. XIX, Calo debullou os moitos nomes senlleiros daquela entidade, as súas xeiras e métodos de traballo, sempre multidisciplinares pero cunha importancia decisiva en temas humanísticos como a historia, a arqueoloxía ou a etnografía, e tratando sempre de enxergar a toda Galicia nos seus afáns por coñecer e defender a súa identidade diferenciada, como hoxe trata de facer tamén o Museo do Pobo Galego, herdeiro, en boa medida, do espírito daquel Seminario.
Chelo afirmou sentirse unha traballadora de base e subliñou as dificultades das mulleres para chegar á dirección e as complicacións da produción. Aí está a presencia de só tres directoras de cine en España no século XX: Pilar Miró, Cecilia Bartolomé e Josefina Molina. Nos oitenta xorden Icíar Bollaín e Isabel Coixet.
Dáse o feito de que tiveron que pasar 82 anos para que unha muller gañase o Óscar, Kathryn Bigelow, e os titulares foron “a muller de James Cameron gaña o Óscar”.
Hoxe é importante o número de directoras que están traballando en España. Moitas saíron do movemento CIMA, Asociación de mulleres cineastas de medios audiovisuais, creado para fomentar unha presencia equitativa das mulleres na creación e nos medios audiovisuais, para conseguir unha sociedade máis igualitaria e diversa. Contou o caso de Carla Simón e o Oso de Berlín para Alcarrás. En 2018 o Festival de Cannes asinou a carta pola paridade e a diversidade no cine co compromiso de traballar pola igualdade entre homes e mulleres, facer os equipos de programación e de xurados paritarios e dar así a oportunidade ás mulleres de contar historias narradas de forma diferente.
Cando Chelo empezou a producir non había directoras en Galicia, con Sandra Sánchez fixo o primeiro documental, 2006. Rematou facendo una escolma das directoras máis salientables coas que conta hoxe Galicia.
Foi presentada por Pilocha como muller senlleira, de vida intensa que se reflicte en cada un dos seus numerosos traballos.
A conferencia deu inicio á semana de cine Mulleres Atlánticas organizada con motivo da celebración de “Lugo, Capital da Cultura do Eixo Atlántico 2023”.
O autor, cunha longa traxectoria como arqueólogo, antropólogo e historiador, subtitulou a obra “Nin Reconquista, nin Imperio, nin estado ata o XVIII, nin Nación ata o XIX”, e desmiuzou, con numerosos detalles e anécdotas, diversas etapas da historia de España analizando as causas e os propósitos dos historiadores españois sobre todo a partir do s. XIX. Calo Lourido utilizou numerosas fontes documentais e bibliográficas para facer unha moi rigorosa e científica crítica historiográfica ata os nosos días, aportando 25 páxinas coas referencias bibliográficas usadas e mesmo transcritas directamente polo autor a través das máis de 600 páxinas de que consta a obra.
A historia de España baseose en falacias está publicado por Edicións Xerais. Presentou o acto o vicepresidente do Club Culural Valle-Inclán, Felipe Arias.
O catedrático, académico e escritor Xesús Alonso Montero presentou os libros Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética, editado por Galaxia (2022) e El nombre y la obra de Antonio Machado dentro de las coordenadas del franquismo, de Hércules de Ediciones (2022).
En palabras do profesor ”hai un Machado no que creo que podía dicir algo que é o Machado tal e como é entendido, tal como é editado, tal como é homenaxeado, tal como é vilipendidado tamén nos corenta anos da ditadura franquista”. Varias persoas deixaron testemuños para este libro de momentos importantes do acontecer machadiano daqueles anos.
Alonso Montero foi un dos valedores da RAG para que Florencio Delgado Gurriarán, poeta de Córgomo, exiliado en México, fose homenaxeado nas Letras Galegas. Citou dous libros, un de 1999 de Ricardo Gurriarán, parente de Florencio, e outro da investigadora Dolores Plá que recolle a longa entrevista que lle fixo en México no ano 1979, pouco antes do pasamento do noso protagonista. O profesor Alonso ocúpase de temas que non foron tocados por outros autores, cuestións sociolingüísticas, cuestións relacionadas co exilio, coa república, coa guerra civil e tamén co exilio interior. Un ensaio obrigado
Acompañaron ao autor Tonina Gay, presidenta do Club Cultural Valle Inclán, e Tati Mancebo, directora Comercial de Editorial Galaxia.
Na programación do ciclo de “Cine Europeo de 2022” proxectouse o documental Escribir lo imposible. O escritor Juan Tallón é o protagonista dun documental que narra a historia do proceso de creación de "Rewind", novela presentada dúas semanas antes do confinamento. da súa última novela "Obra maestra", e de como a nova realidade acabou apoderándose da ficción. Lugo foi a primeira cidade en proxectalo, tras a estrea na Sección DOC España da Semana Internacional de Cine de Autor de Valladolid – Seminci 2021, Cineuropa Compostela e no MaF do Festival de Málaga.
O seu director, Simone Saibene asistiu ao acto e aportou novos datos sobre o protagonista asì como os avatares da rodaxe e realización.
Mª Xesús Nogueira cualificou de ano singular este das Letras Galegas por moitas razóns, unha derivada da pandemia que ocasionou que a Academia decidise moi tardiamente quen había ser a figura homenaxeada, que todo fose moi precipitado, un tanto frío, videoconferencias, distanciamento social... Xela como autora é tamén moi singular porque ten un perfil diferente ás figuras homenaxeadas outros anos, pola súa xuventude, pola súa modernidade, mesmo pola súa dimensión icónica. Aclarou o título da conferencia Busco a vida entre papeis, palabras súas dunha auto-poética do ano 1988, publicada na revista “Congostra”, na que afirmaba “En canto á miña biografía non sei que dicir, imos ver, que nacín en Lugo no 62, que desde os 7 anos vivo en Vigo onde me considero unha pedra máis, que estudiei o bacharelato e avandoneino despois todo polo impulso dunha adolescencia digamos que atormentada, pola falta de independencia e a consideración dun ensino por demais autoritario e vacuo, que busco a vida entre papeis pero fuxo literariamente de grupos e seitas, que como do que me pagan do meu traballo como correctora de estilo nunha editorial e as miñas traducións ao galego encargadas o elixidas”. Neste pequeno fragmento sintetízanse en boa medida dous trazos moi importantes dela, un ese buscar a vida entre papeis, ese vivir de oficios relacionados coa literatura e de vivir para a escritura e o outro esa independencia que sempre marcou o seu carácter, cunha biografía singular un tanto contracorrente. Co apoio gráfico dun PowePoint, a conferenciante expuxo a vida e obra de Xela Arias. Presentou o acto Tonina Gay.
Incluída nas actividades que o C. Cultural Valle-Inclán organizou para conmemorar as Letras Galegas de 2019 dedicadas a Antonio Fraguas, celebrouse unha Mesa redonda, presentada e moderada por Felipe Arias, para tratar diferentes aspectos, algúns deles pouco coñecidos, da vida e obra do persoeiro homenaxeado. Xulián Parga, como antigo alumno de Fraguas no Instituto de Lugo nos anos 50, destacou a súa vocación pola docencia, baseada no respecto aos alumnos a na paixón por ensinar e por ensinar a aprender con criterios moi anovadores para a época. O profesor de Didáctica das Ciencias Sociais na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, Francisco R. Lestegás, analizou as achegas de Fraguas á disciplina da Xeografía, non tanto no ámbito investigador (que son escasas, pese á súa grande síntese publicada en 1953) como no ámbito docente e cultural no seu máis amplo sentido, dado o seu inxente saber en moitas materias. Elena Freire, profesora de Antropoloxía na Facultade de Humanidades de Lugo, puxo o foco na monumental obra de Fraguas sobre o traxe galego, considerándoa máis unha achega identitaria e visual, aínda que tamén cun extenso texto, publicada pola Fundación Barrié de la Maza en 1994 e inspirada por Filgueira Valverde, cando xa o propio Fraguas formaba parte, el mesmo e dalgún xeito, do patrimonio cultural galego. Xosé Carlos Sierra, antropólogo, ex-director do Museo Etnolóxico de Ribadavia e patrono do Museo do Pobo Galego, contextualizou a persoa e a obra de Fraguas desde as orixes do Seminario de Estudos Galegos ata o Museo do Pobo que acabou dirixindo e presidindo, resaltando o vínculo entre as dúas institucións e as relacións de Fraguas con moitos persoeiros de todo o século XX, converténdose nunha figura singular na erudición e na cultura galega dese período. No subseguinte coloquio debateuse sobre o carácter da celebración das Letras Galegas e a importancia de analizar as diferentes facianas, coas súas luces e sombras, dos persoeiros escollidos cada ano pola Real Academia Galega.