Ir o contido principal
Outras actividades

O Club Cultural Valle-Inclán celebrou os cincuenta anos do nacemento de Voces Ceibes

- Casa do Saber

O Club Cultural Valle-Inclán celebrou os cincuenta anos do nacemento de Voces Ceibes cunha conferencia que pronunciou Pilocha baixo o título As Voces Ceibes: sen gaitas. Foi acompañada por ilustracións musicais. Pilocha fixo referencia ao ano 1968 como de revolución e contestación: a guerra do Vietnam, a morte de Martin Luther King, os movementos sociais, culturais e políticos de Méjico e, en España, folgas e manifestacións reprimidas polo goberno de Franco. En Santiago vivíase tamén unha efervescencia política: encerros, folgas, manifestacións, detencións, multas… En maio de 1967 Raimón dá un recital no Estadio da Residencia de Santiago. Traduciron ao galego as súas letras Carlos Casares e Salvador García Bodaño. Benedicto e Xavier dan un pequeno recital na Facultade de Filosofía en febreiro de 1968. O primeiro concerto ía ter lugar na Escola de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo, o 30 de marzo de 1968, pero foi suspendido polo gobernador civil. Celebrouse, as aghachadas, na casa do profesor Xesús Alonso Montero. O 26 de abril a Facultade de Medicina de Santiago sería escenario do recital no que participaron Benedicto, Xavier, Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso e Vicente Araguas. Musican aos nosos poetas. Caracterízase aquel tempo polas contínuas suspensión de recitais, pola férrea censura. Asinan un contrato con Edigsa, editorial de Barcelona, e gravan unha ducia de EPs. Xurdiron problemas de todo tipo e o colectivo esmorece en 1974. Presentou Tonina Gay

O Club Cultural Valle-Inclán retoma a programación das Sesións de Filmoteca a través do acordo co CGAI

- Delegación Territorial da Xunta en Lugo

O director da Agadic, Jacobo Sutil, e a presidenta do Club Cultural Valle-Inclán, Mª Antonina Gay, subscribiron na Delegación Territorial da Xunta en Lugo este novo acordo de colaboración, mediante o que a asociación repite en 2018 como unha das sedes da programación do Centro Galego de Artes da Imaxe, xunto coa sede da filmoteca na Coruña e os cineclubs Padre Feijoo de Ourense e Lumière de Vigo. As proxeccións serán programadas unha vez á semana, mércores, ás 19,30 h., na Casa do Saber -Vicerreitorado- da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A entrada para as Sesións de Filmoteca é gratuíta para os socios do Club Cultural Valle-Inclán e para a comunidade universitaria. O seu prezo para o público xeral é de 1 euro.

Tamara Andrés presenta o seu poemario Corpo de Antiochia.

- Librería Trama

O presentador do libro, Héctor Acebo –tamén prologuista do mesmo-, definiu Corpo de Antiochia como un océano de beleza crítica e introspectiva. Antioquía non só é contexto, senón tamén símbolo ideal da devastación (e da reconstrución) emocional; lembremos que, ao longo da Historia, a cidade turca —esplendorosa no mundo grecolatino— rexurdiu en diversas ocasións, vítima dos terremotos e mesmo de terribles asedios. Para Tamara, Bruselas simboliza Antiochia, cidade vinculada ao seu pasado porque toda a súa familia por parte materna emigrou alí. Unha Bruselas idealizada na que sempre quixo vivir. Viviu alí un ano, ao regreso atopou unha cidade totalmente destruída. Sinte a nostalxia dese pasado que é parte dela. Antiochia-muller. Os poemas foron nacendo tras unha reflexión sobre cousas que sucedían e que non entendía. Despois chegou a composición do libro. Rematou o acto coa lectura de tres poemas, un por cada parte de que se compón Corpo de Antiochia: desterro, camiño, regreso. O acto foi presentado por Tonina Gay, presidenta do clube.

Alberte Branco presenta Trazos do Chanfaina Lab.

- Casa do Saber

Alberte Branco presentou a curta Trazos que dentro da programación do "Chanfaina Lab" do ano 2017 programou o Club Cultural Valle-Inclán en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe –CGAI-. Alberte, director de fotografía, quixo participar na xuntanza de cineastas galegos que cada setembro se realiza en San Sadurniño e filmou esta curta na que fai referencia aos lugares preferidos dos veciños que se prestaron a colaborar. Aproveitou Alberte para dar a coñecer este experimento audiovisual que se realiza desde 2014 grazas á idea de Manolo González, Director da extinguida Axencia Audiovisual Galega, e a colaboración da concellaría de cultura do Concello de San Sadurniño. O nome de "chanfaina" alude a unha receita tradicional dos territorios de antigos señoríos, cando as partes "nobres " do animal entregábanselle aos señores, mentres as vísceras e as partes mais pobres quedábanse na cociña dos labregos, coas que preparaban a denominada "chanfaina", de grande tradición nas parroquias de Bardaos e Igrexafeita.

Mesa Redonda sobre O tráfico e o sistema ORA no concello de Lugo.

- Salón de Actos do Vello Cárcere

Anabel Gulías, Concelleira de Urbanismo do Concello de Pontevedra, explicou a transformación producida nesta cidade ó fomentarse a mobilidade das persoas e limitar a presenza dos automóbiles, con diferentes gradacións segundo as zonas do concello. Pablo Veiga, representante do colectivo Masa Crítica de Lugo, avogou por potenciar máis a circulación e mobilidade en bicicleta, algo posible na cidade dada a súa dimensión e disposición topográfica, a maiores da importante repercusión medioambiental que iso supón. Mercedes Corral, presidenta da Asociación de Veciños de Bosende, reclamou un mellor servizo do transporte público nas súas frecuencias e rutas, así como a regulación definitiva do sistema de aparcamento. Miguel Fernández, concelleiro e voceiro do PSOE no Concello de Lugo, resumiu os plans e proxectos que no tema do tráfico e mobilidade ten o actual goberno municipal, tanto no relativo á organización do tráfico (por ex. coa súa ralentización), a progresiva peonalización dalgunhas zonas, a reformulación do sistema ORA... temas todos eles nos que hai unha gran controversia. Logo das intervencións tivo lugar un coloquio no que se debateron algúns dos temas tratados polos participantes na mesa e no que se puxo de relevo a importancia que ten o tema do tráfico para unha boa convivencia das persoas e resaltouse a urxente necesidade de emprender accións concretas e decididas no canto de teorizar continuamente sobre proxectos e plans que é difícil ver cumpridos. Foi presentada e moderada por Mª Carmen Longarela, secretaria do Club.

O Club Cultural Valle-Inclán celebra as Letras Galegas de 2017 dedicadas a Carlos Casares.

- Casa do Saber

Para celebrar as Letras Galegas deste ano 2017 dedicadas a Carlos Casares, o Clube Valle-Inclán organizou unha Mesa Redonda que tivo lugar o 6 de xuño na Casa do Saber da USC en Lugo, moderada pola presidenta do Clube Tonina Gay e coa participación de Tucho Calvo (escritor e xornalista), Dolores Vilavedra (profesora da USC) e Grial Parga (analista cultural en medios de comunicación). Tucho Calvo lembrou os seus numerosos contactos e conversas con Casares, analizando a postura do escritor no seu contexto político e cultural e destacando o seu papel no Parlamento galego e no ámbito institucional ao tempo que producía obras de creación literaria e unha abundante colaboración na prensa periódica. A profesora Vilavedra centrouse nos aspectos máis literarios de Carlos Casares, debullando os inicios da súa narrativa e a súa posterior evolución ó mesmo tempo que asumía o desempeño de cargos políticos e culturais que completaban unha tan complexa como atractiva personalidade,que se viu cortada por unha morte prematura. Grial Parga, que analizou polo miúdo as colaboracións xornalísticas de Casares, tamén salientou varios aspectos da súas relacións con Ramón Piñeiro e con outros persoeiros do seu tempo, nunha etapa na que o papel social do escritor ourensán foi moito máis aló da súa importancia como literato para converterse nunha completa referencia cultural no seu país.

Eloy Domínguez Serén presenta a súa película No cow in the ice.

- Casa do Saber

Programada dentro das "Sesións de Filmoteca" do Club Cultural Valle-Inclán, en colaboración co CGAI. Tras unha licenciatura en Comunicación e un máster viuse obrigado a emigrar. Eloy comentou a súa experiencia como traballador da construción en Suecia e o proceso de realización do seu filme que iniciou cun teléfono móbil. A aprendizaxe da lingua, a estadía no país nórdico durante dous anos e a axuda daquel país para a presentación do filme no festival Visions du Réel (Suiza). Aproveitouse para falar de novos proxectos e do seu traballo como profesor de cine nos campamentos de refuxiados saharauís de Tindouf (Argelia). Rematou o acto cun animado coloquio entre director e público asistente.

Presentación do documental Contrafaces e do seu director, Fon Cortizo.

- Casa do Saber (Vicerreitorado)

O director Fon Cortizo asistiu á proxección de Contrafaces, filme que abre as Sesións de Filmoteca do Club Cultural Valle-Inclán en colaboración co CGAI. Comentou Fon que plantexaron o documental como unha película de dobres, establecendo un paralelismo entre a figura de Elías Portela en Isladia e Erin Moure en Canadá. Víronse na obriga de introducir novas figuras como Iolanda Zúñiga, Elisa Sampedrín ou Chus Pato que aparecen como conversadoras en algún momento. Hai unha proposta lingÚística que parte dos personaxes, unha visión sobre as linguas moi diferentes entre si: unha lingua maioritaria, o inglés, unha minoritaria, o islandés e unha minorizada, o galego, pero que na película se igualan e teñen a mesma categoría. A idea non foi facer unha película poética senón de persoas que, neste caso, crean e interactúan.

Convenio de colaboración entre a AGADIC e o Club Cultural Valle-Inclán para a programación cinematográfica do CGAI.

- Casa do Saber

Jacobo Sutil, director da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria) e Tonina Gay, presidenta do Club Cultural Valle-Inclán, asinaron convenio de colabaoración para a nova programación cinematográfica que desenvolverá o CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe) en Lugo a través do Club Cultural Valle-Inclán. Ao acto asistiu Guillermo Escrigas, director do CGAI. As proxeccións terán lugar os mércores, na Casa do Saber (Vicerreitorado), en sesión de 19:30 horas. Non se programará nos meses de xullo e agosto. O convenio rexerá para o ano 2017 e espérase que continúe en anos seguintes.

Presentación e coloquio do documental Affliction, de Peter Casaer.

- Salón de actos do Pazo de San Marcos. Deputación Provincial

O Valle-Inclán, en colaboración con Médicos Sen Fronteiras, proxectou o documental Affliction que foi presentado por Mónica Álvarez, enfermeira expatriada de MSF e a Dra. Mª José García Pais, da Unidade de Patoloxía Infecciosa do HULA. Ao remate estableceuse. Segundo Mónica MSF tiña traballado antes o ébola pero nunca nunha epidemia destas características.foi intención de MSF contar en Affliction, desde dentro, como foi a epidemia de ébola. Un reto importante e unha homenaxe ao persoal sanitario que traballou para combatela, ás persoas que tiveron ébola, aos superviventes que perderon todo e quedaron estigmatizados por moito tempo. E tamén aos traballadores sanitarios nacionais que foron os máis golpeados se se ten en conta que sofren sistemas de saúde deficitarios. Calcúlase que morreu o 50% dos contaxiados, moitos deles sanitarios. Mª José expresou o seu profundo respecto por Mónica e a organización que representa porque é admirable o seu traballo. Fixo un resumo teórico do que é o ébola e unha reflexión: o número de pacientes que se trataron fóra de África foi moi pequeno, 27 persoas, sobreviviron o 82%. Crese que parte desta diferencia radica nas medidas de soporte intensivo que se poden utilizar aquí e é tan triste como que alí, onde realmente está a enfermidade, non se podan aplicar polo que se complica e atrasa o diagnóstico. O éxito e o control da epidemia dependía fundamentalmente do esforzo da xente que traballou alí formando á poboación para intentar freala.

Ovidio Fernández e e seu fillo Abdi presentaron en Lugo Shoots from Abyssinia. O Sur.

- Salón de actos do Pazo de San Marcos. Deputación Provincial

Ovidio volve a Abyssinia para gravar a segunda parte do documental Shoots from Abyssinia. Nesta viaxe únese o fillo máis novo, Abdi. Motiva a xeira o desexo de que os dous irmáns coñezan a terra dos seus antergos, que quedara pendente na primeira ocasión, e achegarse á súa etnia, a Gurage. O documental recolle o percorrido durante un mes polo sur de Etiopía, un país con cento e pico étnias, cadansúa con idioma propio. No contacto coas xentes vese que a etnia condiciona o xeito de vida e a diferencia entre a hospitalidade dos agricultores e a hostilidade das etnias nómadas, principalmente a mursi. O director declárase un artesán da imaxe. Esta foi unha viaxe de improvisación. O guión é o propio camiño, que se completa cunha valoración ao final de cada xornada. Despois virá a montaxe.

Proxección de Tabién la lluvia e presentación da importancia da auga en Níxer por Mónica Álvarez.

- Salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado

O Valle-Inclán en colaboración con Médicos sen Fronteiras proxectou o filme También la lluvia, de Icíar Bollaín, como complemento da exposición As Vidas da auga que, con fotografías de Juan Carlos Tomasi, se presentou en Afundación de Lugo do do 26 de setembro ao 27 de octubre. A mostra recolle a importancia da auga en Níxer: marca o día a día de toda a poboación. Neste país do Sahel, as vidas da auga son moitas: a alimentación, o benestar e a saúde dependen do acceso a unha auga de boa calidade. En Níxer, centos de miles de nenos sofren cada ano desnutrición aguda severa e malaria, dúas enfermidades que conviven durante os meses máis críticos para as familias, cando xa agotaron os produtos da colleita anterior e aínda están por recolectar os da seguinte. MSF traballa para responder a esta crise crónica e reducir a morbilidade e a mortalidade dos nenos menores de 5 anos Para explicar a importancia da auga en países como Níxer, a súa falla ou a súa mala calidade poden ter consecuencias graves na vida de moitas persoas acompañounos Mónica Álvarez, expatriada lucense de Médicos sen Fronteiras. Ten traballado en República Centro Africana, Níxer, Sudán do Sul, Haití, Etiopía e os Balcáns.

Presentación do poemario Peregrino, de Jorge Arbeleche.

- Galería Sargadelos

O poeta, ensaísta e académico uruguaio Jorge Arbeleche, gañador do Premio Nacional de Literatura, veu presentar a Lugo o seu último poemario, Peregrino (Vitruvio). Segundo o propio autor, o título Peregrino apunta a “un viaje iniciático al revés; sería un viaje ‘finálico’, por decirlo con una palabra inventada. Es el peregrinar de toda una vida y toda una obra acerca de la búsqueda de la propia identidad”. Ademais do propio lírico, participaron no acto a secretaria do Valle-Inclán, Carmen Longarela, e o tamén poeta e xornalista Héctor Acebo, quen foi o encargado de afondar en Peregrino e no estilo do seu autor, en quen é especialista. Acebo precisou que “Peregrino trata —entre outras cousas— a aventura vital, non só referida a un home hipersensible e ilustrado (que podería ser o álter ego de Arbeleche), senón tamén a personaxes admirados ou totalmente descoñecidos”. En Peregrino Arbeleche “volveu consagrar os instantes, sempre dende o cántico, dende un ton que inxecta ás palabras unha sonoridade bárbara, que pasa das notas agudas ás graves con naturalidade. É “unha das voces principais da poesía uruguaia das últimas cinco décadas”.

Presentación da novela Catalina de Santisso, de Aurora García Rivas

- Galería Sargadelos

Acompañan á autora Marisol Fernández Rocha, polo Valle-Inclán, Marián Suárez García e a directora de Septem ediciones, Marta Magadán. Aurora é presentada como unha autora vocacional que se move indistintamente en diversos xéneros literarios e o fai nos seus dous idiomas patrimoniais: a fala e o castelán. A novela, con datos históricos, recrea a vida de Catalina de Santisso e fai un percorrido polos lugares máis emblemáticos polos que se supón que debeu transcorrer a súa vida (Miranda, Meira, Lugo, Santiago, Friol…) Catalina de Santisso é a historia dunha moza que coñece o lado máis escuro da vida a través do seu esposo, Vasco das Seixas, o Señor da Fortaleza lucense de Xiá. Hai unha lenda, “A dona das torres”, que conta o milagre que se produce cando o seu pai, ao saber que a súa filla foi asasinada polo seu marido, manda exhumar o corpo que aparece incorrupto. Tomando esta lenda como referencia, a autora escribiu Catalina de Santisso, novela histórica e ben documentada que recrea o século XVI en Galicia.

O Club Cultural Valle-Inclán agasalla ao Primeiro Presidente e á primeira socia

- Restaurante Mencía. Mencía

O Club Cultural Valle-Inclán agasallou coa entrega de placas ao Primeiro Presidente, Julio Ulloa Vence e á primeira socia, Mª Luisa Maceda Méndez con motivo de celebrarse os cincuenta anos da fundación do club. Co logo do club máis o famoso Charlot, deseñado por Carlos Varela Veiga, acompaña o seguinte texto: O CLUB CUILTURAL VALLE-INCLÁN A JULIO ULLOA VENCE, Primeiro Presidente, cincuenta anos despois. Lugo, maio-2016 Similar placa foi entregada a Mª Luisa, primeira socia. O acto tivo lugar tras a Asemblea xeral ordinaria da Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA), este ano en Lugo con motivo do cincuentenario, e antes dun xantar compartido. https://www.youtube.com/watch?v=TGqgPY0Oua8&feature=youtu.be

Proxección O Acoirazado Potemkin, de Sergei M. Eisenstein Presentación de M. Ángeles Rodríguez Fontela, profesora da Facultade de Humanidades de Lugo

- Casa do Saber (Vicerreitorado USC)

Ángeles presenta a Eisenstein como un humanista que vai das ciencias ás letras. A súa formación en enxeñería e arquitectura tradúcese na visión arquitectónica para a construción fílmica. Foi un pioneiro no uso da montaxe no cine, non como simple método utilizado para enlazar escenas, senón como medio capaz de manipular as emocións. Influencias de Aristóteles, entre outras os cinco actos e o concepto de peripecia -o paso da fortuna ao infortunio moi rapidamente-. Bebe do simbolismo do seu profesor, Meyerhold. Ten influencias do teatro Kabuki, e puntos de conexión con Bertolt Brecht, contemporáneo seu. O Acoirazado Potemkin aparece en numerosas listas como a mellor película da historia do cine. Pechou un animado coloquio.

Letras Galegas: Manuel María - Cincuenta aniversario Valle-Inclán. Arredor de Manuel María: política, cultura e teatro en Lugo nos setenta. Mesa redonda con Camilo Valdehorras e Manuel Lourenzo.

- Casa do Saber (Vicerreitorado USC)

Acto presentado por Xosé Valcáracel e Tonina Gay. Inicio e final con cancións obra de teatro Unha vez foi o trebón de Manuel María que representou o grupo teatral do Valle-Inclán dos anos setenta. Manuel Lourenzo falou dos antecedentes do teatro en Grecia. Nun momento das Irmandades da Fala alguén dixo “hai que intervir” e entre os seus obxectivos prantaxouse que se fixese teatro. Non temos nada que envexar nin a esa cultura que ten como cabeza a Shakespeare, nós temos a Cunqueiro, Rosalía e Otero Pedrayo, un Otero que repasou todas as vangardas e todos os estilos e deunos un teatro que é irrepetible. Do teatro galego dos setenta salientou que “se fai máis agresivo contra a ditadura porque hai unha xeración que ten menos medo, había que despertar á xente. Ese impulso dos setenta é necesario que o haxa hoxe porque neste país entendo que estamos pisadiños”. Camilo Valdehorras iniciou a súa intervención falando sobre a“conciencia amurallada”, faccións políticas, eventos culturais, lecturas, a batalla pola lingua galega. O Lugo do “trebón” de Manuel María e as catro navallas da súa dramaturxia literaria. O Grupo de Teatro “Valle-Inclán” (1975-76) representou Unha vez foi o trebón, teatro épico-político de forma pobre, contido crítico e intención revolucionaria. As “catro navallas”: linguaxe de estilo oral popular; ideoloxía temática nacional-popular galega; estética poética popularista, grotesca e épica; e didáctica Cívico-Ético-Política. https://www.youtube.com/watch?v=khypsGUm2Yk&feature=youtu.be

Presentación do documental A Seara, de Pepe Coira

- Salón de actos do Pazo de San Marcos. Deputación Provincial

Na Seara do Courel houbo un proxecto de rehabilitación para facer máis atractiva turisticamente a aldea. Para levalo a cabo, era imprescindible a complicidade dos veciños. Anos despois, os arquitectos rememoran aquela experiencia. A idea do director, Pepe Coira, foi que quen vexa o documental pase pola mesma experiencia que pasou el: familiarizarse coa aldea, coñecela, vela. Plantexado en catro partes, a primeira, sobre a posibilidade do plan, os arquitectos teñen que convencer aos veciños para que o fagan, idea de turismo. Segunda parte que é o proxecto - en arquitectura a fase clave-. Terceira facer a obra. Cuarta que pasa despois, a máis complexa de todas porque estando na Seara descubres un mundo moi potente, con varios estratos sociais: os que viven, os que son fillos e volven, os que mercan as casas, os sendeiristas… Presentou Felipe Arias Vilas e participaron no coloquio final o director e tres dos catro arquitectos do Gabinete GAU responsables do traballo no ano 1999.

Letras Galegas: Manuel María. Conferencia de Camilo Gómez Torres

- Manuel María: vida e obra Casa do Saber (Vicerreitorado USC)

Dentro das actividades programadas para celebrar as Letras Galegas dedicadas a Manuel María, tivo lugar na Casa do Saber da USC en Lugo unha conferencia do profesor Camilo Gómez Torres, sen dúbida o maior especialista na obra literaria do escritor chairego, á que dedicou a súa tese doutoral. Gómez Torres fixo unha demorada análise da vida e obra de Manuel María e as súas diferentes etapas, facendo fincapé non só na enorme e variadísima produción escrita pois Manuel María foi poeta, narrador, dramaturgo e ensaísta, ademais dun gran conversador, senón tamén na súa prolífica actividade cultural, social e mesmo política. Destacou igualmente a súa bonhomía e a súa permanente disposición para servir ao país, tanto no propio ámbito galego como fóra del, pois foi tamén un gran viaxeiro que levou Galicia polo mundo enteiro.

Viaxe-Concerto coa Sociedad Filarmónica de Lugo

- Montederramo

Sociedad Filarmónica de Lugo, a CLUB CULTURAL VALLE INCLÁN Hai algo do que os lugueses nos temos que sentir orgullosos. É daqueles rapaces que conscentes e pacientes da fame tamén cultural nos anos escuros, foron quen de artellar e aglutinar vontades na procura do coñecemento das manifestacións das artes que o resto do mundo andaba a disfrutar. Mercé a sensibilidade, conviccións e valentia compartidas, - non sen os atrancos gubernativos de rigor da época -, foi posible o nacemento de agrupacións culturais coma o Clube Cultural Valle Inclán. A S. Filarmónica de Lugo, aproveitando esta xuntanza musico-gastronómica-cultural das dúas sociedades, ademáis da memoria de recoñecemento a prol dos fundadores quere expresarvos a sinceira felicitación por este CINCOENTENARIO que estades a conmemorar. Sirva este modesto agasallo como testemuño da nosa admiración e gratitude polo moito que tedes aportado ao enriquecemento humanístico da cidade. E, como non, os mellores desexos de longa vida e o incondicional ofrecemento de colaboración. Parabéns, amigos. Montederramo, 24 de abril de 2016 A Sociedad Filarmónica de Lugo fixo entrega da súa medalla ao Club Cultural Valle-Inclán que celebra os 50 anos da súa creación. As dúas sociedades organizaron unha viaxe-concerto (Cuarteto de saxofóns Skirion) ao Mosteiro de Montederramo, Xunqueira de Espadanedo e San Pedro de Rocas.

Letras Galegas 2016. Manuel María Mesa redonda Arredor de Manuel María.

- Casa do Saber (Vicerreitorado USC)

Dentro da conmemoración das Letras Galegas dedicada a Manuel María, o C. Cultural Valle-Inclán organizou unha mesa redonda, presentada pola presidenta do Clube Tonina Gay, coa participación de tres persoas que estiveron moi próximas e achegadas á vida do escritor: Alfonso Blanco, da Asociación Cultural Xermolos e da Irmandade Manuel María, resaltou a enorme humanidade do autor e a súa preocupación constante pola defensa da identidade de Galicia achegándose a calquera sitio que o chamasen e sempre coa esa idea de compromiso co país e as súas xentes. Darío Xohán Cabana, escritor chairego e membro da Real Academia Galega, analizou os valores literarios - a maiores dos de carácter persoal e humano - da obra de Manuel María, debullando as diferentes etapas e influencias na súa variada e amplísima obra escrita, ademais de insistir no seu papel en fitos culturais como a creación e difusión da Nova Canción Galega ou de Voces Ceibes ou na acción política no franquismo e na transición. Felipe Senén López, museólogo e activista cultural de longa traxectoria, falou sobre a actitude do autor de Outeiro de Rei diante da cultura do mundo enteiro, salientando as súas ansias universais de coñecemento, plasmadas en numerosas viaxes pero sempre desde unha visión nidiamente galega, e relatando feitos e anécdotas que revelan a forte pero moi afable personalidade de Manuel María.

I Ciclo de Arquitectura e Cine

- Salón de actos do Pazo de San Marcos. Deputación Provincial

Froito da colaboración entre o C. Cultural Valle-Inclán e a Delegación do Colexio Oficial de Arquitectos en Lugo, e contando coa participación da Fundación Arquia, que cedeu os documentais, tivo lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo un ciclo dedicado á Arquitectura e o Cine -Arquitectura de Cine- entre os días 5 e 27 de abril. O publico asistente puido así coñecer a obra de varios arquitectos de sona mundial (Barragán, Sert, Neutra e a arquitectura xaponesa) por medio de catro documentais que foron presentados por membros do colectivo de arquitectos participante, e que deron lugar a breves pero interesantes coloquios tanto sobre as formas e a expresión arquitectónica como sobre a mesma realización cinematográfica dos documentais.

Letras Galegas 2016. Manuel María Presentación libro-DVD Manuel María: Eu son fala e terra desta miña terra.

- Casa do Saber (Vicerreitorado USC)

A chairega Margarita Ledo presentou en Lugo o seu documental Manuel María: Eu son fala e terra desta miña terra, editado pola produtora Nós. Unha aproximación íntima á figura de Manuel María, homenaxeado este ano na celebración das Letras Galegas. DVD acompañado do libro A propósito de Manuel con textos de Miguel Anxo Fernán Vello, Paulino Pereiro, Carme Vidal, Darío Xohán Cabana e Margarita Ledo. Manuel María visto nas facetas de creador literario, de persoa política mais sobre todo, de home da fala. Os comezos de escrita en galego, a afectiva proximidade á súa terra e tamén ás súas viaxes a feiras, manifestacións e outros actos públicos. A película bebe de múltiples fontes audiovisuais, arquivos privados e institucionais correspondentes a diversas épocas, e combina as imaxes coa voz do propio Manuel María. Pechou o acto un animado coloquio.

50 aniversario do Club Cultural Valle-inclán Bárbara Santos, presenta o filme Les parapluies de Cherburg e proxección do mesmo 50 anos despois

- Salón de actos do Pazo de San Marcos. Deputación Provincial

A primeira película proxectada polo Club Cultural Valle-Inclán foi Les parapluies de Cherburg, o 4 de marzo de 1966, no Cine España, en sesión de 20:00. Rememoramos o feito, coa presentación de Bárbara Santos, Doutora pola Universidade de Compostela coa tese Jacques Demy: Una necesaria recuperación en el cine francés. Quizais Os paraugas de Cherburgo sexa a película máis coñecida de Jacques Demy. É o seu terceiro filme e o primeiro rodado en cor. Galardoado co premio Louis Delluc e a Palma de Ouro á mellor película no Festival de Cannes de 1964 e ese mesmo ano nomeado aos Oscar como mellor película de fala non inglesa pero o premio levouno Hoxe, onte e mañá (Ieri, Oggi, Domani) de Vittorio de Sica. Jacques Demy presenta unha película totalmente innovadora nas súas formas cinematográficas. Un filme etiquetado na época como "en-chanté" ("en-cantado") Unha historia de amor entre dous mozos de diferentes clases sociais que se filma totalmente cantada, sen escenas de bailes. Demy asina o seu estilo, un estilo que non é outra cousa que a busca dunha obra de arte total tal e como pretendía o pintor Kandinsky. Unha obra baseada na conxunción perfecta de todas as artes, sen que unha resalte máis que outra. Grazas á perfecta sintonía cos seus amigos e colaboradores habituais, o músico Michel Legrand e o decorador Bernard Evein logra esta película que o propio Demy cualifica como "un filme jazz. Un Matisse que canta".

50 aniversario do Club Cultural Valle-Inclán Mesa Redonda Medio século de evolución en Lugo: urbanismo e sociedade

- Casa do Saber (Vicerreitorado USC)

Dentro da programación conmemorativa do 50 aniversario do C. Cultural Valle-Inclán, celebrouse o 2 de marzo na Casa do Saber (USC) de Lugo unha Mesa Redonda sobre Medio século de evolución en Lugo: urbanismo e sociedade. Moderada por Felipe Arias, que fixo unha presentación con 25 imaxes comparando o Lugo dos anos 60 con imaxes actuais para introduicr e contextualizar o tema, interveu primeiramente o arquitecto e artista Santiago Catalán, que fixo un repaso á vida e obra de varios arquitectos que traballaron de xeito singular no Lugo desde fins do s. XIX ata mediados do XX, como Cobreros ou Maquieira, facendo unha mención especial para os irmáns García Fernández, que elaboraron un plan especial que nunca chegou a executarse. Anxo Carreira, profesor na UDC e tamén arquitecto, comentou con carácter xeral algúns aspectos do exercicio da profesión na cidade e provincia lucense, analizando a súa relación coa política daquela época e da actual, tanto no que se refire á normativa urbanística como á actitude da propia sociedade fronte á arquitectura e o urbanismo poñendo a miúdo o proveito privado diante do ben común. A antropóloga social da USC Elena Freire incidiu nestes temas sociais, analizando as circunstancias dos diferentes grupos humanos e económicos que habitaron e habitan a cidade, a maior parte deles de orixinaria extracción rural ou, recentemente, proxcedente da inmigración, grupos que se transladan dentro daquela segundo os seus medios e intereses; salientou así mesmo a importancia de comprender os problemas urbanísticos dentro de parámetros antropolóxicos e sociais máis amplos.